Debate na Praza: Galicia non é unha mina

Cartaz do debate sobre a minaria Dominio Público Praza Pública

A Nave de Vidán acollerá este mércores ás 20.30 horas o segundo dos Debate na Praza, organizados polo restaurante compostelán e Praza Pública, e que nesta ocasión xirará ao redor dos perigos da megaminaría. Participarán Paco García Trigo (Plataforma de Corcoesto), Nela Abella (Verdegaia), Xoán Doldán (Véspera de Nada) e Lola Torrano (Contramínate Laxe)

Participarán Paco García Trigo (Plataforma de Corcoesto), Nela Abella (Verdegaia), Xoán Doldán (Véspera de Nada), Lola Torrano (Contramínate Laxe)

Todos eles, en conversa co público que acuda ao espazo cultural da Nave de Vidán, tratarán os aspectos comúns que comparten os moitos proxectos mineiros iniciados en Galicia, tanto no que se refire á connvencia entre a Xunta e estas empreas privadas, coma ás estratexias que poñen en marcha para esparexer o seu argumentario entre a poboación máis directamente afectada. Tamén se dará conta do seu impacto no medio ambiente e os prexuizos xerados nos restantes sectores produtivos das zonas nas que se instalan. E enumeraranse as alternativas económicas que poden xerar maior riqueza con menos dano para o entorno natural e as comunidades locais.

Nela Abella lembra o contexto xeral que está facilitando a instalación destas empresas en Galicia: "non é casualidade que estes proxectos estean ameazando a España, Grecia, Romania ou Bulgaria, os países máis pobres de Europa e aqueles que máis están sufrindo a crise”, pero salienta que nestes procesos “a clave é a complicidade entre a administración e as empresas mineiras. Sen o apoio da Xunta todo isto non sería posible”. O mesmo opina Xoán Doldán, que destaca que “determinados proxectos que antes serian vistos como inviables agora son viables. Pero a clave son os factores internos: a crise económica que fai que os riscos e prexuízos destes proxectos queden ocultados", pero fai fincapé ao igual que Abella na "colaboración da administración". Doldán pon o énfase, ademais, na "corrupción que pode ir aparellada a estes investimentos nos que a especulación é moi importante. Cada paso adiante que se dá nestes procesos pode ser comercializado e entra dentro destes mecanismos especulativos". 

"Non é casualidade que estes proxectos estean ameazando a España, Grecia, Romania ou Bulgaria, os países máis pobres de Europa e aqueles que máis están sufrindo a crise”

Lola Torrano destaca a “facilidade coa que as empresa se están facendo cos permisos de prospección" e chama a atención sobre a "agresividade co medio" destes proxectos, que usan unha "teconoloxia nada punteira, senón anacrónica e moi tóxica". E tamén salienta "a falta de información da poboación” e a dificultade que están atopando os movementos sociais "á hora de dar charlas e información".  A información é clave tamén para Paco García Trigo, que acumula xa máis dun ano de traballo en Corcoesto contra o proxecto de Edgewater: "Primeiro hai que coñecer todos os detalles do proxecto e transmitírllelos á poboación afectada". E lembra que en Corcoesto "a ameaza é palpable", a diferenza doutras zonas, onde "é máis difícil explicarlle á xente os perigos dun proxecto porque as empresas aseguran que só están a realizar sondeos e investigacións". 

Cartaz do debate sobre a minaria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.