0 Gardados para despois

As plataformas en defensa da sanidade pública convocan protestas en todas as comarcas galegas

Virginia UzalVirginia Uzal | @VirginiaUzal


Diversos grupos en defensa da sanidade pública concéntranse hoxe en numerosas prazas de toda Galicia. SOS Sanidade Pública, Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto ou o Grupo de apoio aos COF convocan unha concentración para hoxe ás 20 horas en diversas localidades galegas “en diferentes formatos pero co mesmo obxectivo”: a demanda dunha Lei de Garantías Sanitarias xusta, a defensa do dereito a decidir das mulleres sobre o aborto e a petición dunha atención da saúde sexual e reproductiva de calidade que se está vendo ameazada polos recortes.

As plataformas defenden que é preciso continuar coas protestas dado que a Xunta está destruíndo a sanidade pública galega tal e como a coñecemos introducindo copagos, recortes en asistencia e persoal ou desmantelando e privatizando os centros sanitarios. Ademáis, protestan contra o proxecto de lei de Garantías de Prestación Sanitaria que presentou  a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o pasado 25 de xuño no Parlamento. As diversas plataformas defenden que é “unha lei de garantías falaz e enganosa coa que se pretende acabar de desmantelar o sistema sanitario público e facilitarlle á privada o incremento do negocio”. Esta lei permitirá traspasar enfermos a centros privados ou concertados se se incumpren os límites das listas de espera que a propia Xunta vai marcar, o que vai supor “unha especie de privatización das listas de espera” como informa a plataforma SOS Sanidade Pública de Lugo.

Protestan contra o proxecto de lei de Garantías de Prestación Sanitaria que presentou  a conselleira Rocío Mosquera esta semana no Parlamento

 

Mobilizacións convocadas:

A Coruña: concentración cidadá ás 20 horas no Obelisco.
Ferrol: manifestación ás 19:00 horas dende a Praza de España e con remate na Praza de Armas.
Santiago de Compostela: concentración ás 20:00 horas na Praza do Toural.
Ribeira: ás 20.30 horas na Praza do Concello.
Vilagarcía: concentración ás 21:00 horas na Praza de Galicia.
Pontevedra: concentración-conferencia ás 20:00 horas na Praza da Peregrina.
Vigo: abrazo ao Hospital Xeral ás 20:00 horas.
Lugo: ás 11.15 contarán co grupo Achádego Teatro representando a micorpeza teatral Recortar recortarei

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.