“Non é todo brillo no ouro”

Manifestación contra a megaminería CC-BY-SA gzvideos.info

O debate organizado o pasado mércores por Praza Pública e A Nave de Vidán deixou un chamamento a seguir traballando e a tecer redes en todo o país para frear os distintos proxecto mineiros en preparación: "Informarnos, informar, dar charlas, chegar a alianzas cos medios que nos apoian, usar moito a rede, e así poder chegar aos sitios antes que as empresas". E unha mensaxe optimista, tanto na boca de Paco García Trigo: “É posible paralo coa axuda da xente e dos medios que non están comprados. É posible porque hai un ano eramos catro e dende entón fomos sendo máis, ata chegar á manifestación de Compostela” coma na de Lola Torrano: "Non saiamos de aquí coa impresión de que non se pode facer nada, de que son só as grandes instancias as que deciden. Isto é unha loita de David contra Goliat. Pero nós somos unha rede de persoas traballando en moi distintos ámbitos e tamén podemos ser un Goliat. É o momento de unir forzas"

Paco García Trigo (Plataforma de Corcoesto), Nela Abella (Verdegaia), Xoán Doldán (Véspera de Nada) e Lola Torrano (Contramínate Laxe) debullaron os moitos factores que están determinando a ameaza mineira que, en distintas fases de avance, está a afectar a varias comarcas do país, dende a orixe e das multinacionais e os procesos e estratexias que utilizan para gañar o favor das administracións e instalarse sobre o terreo, até os prexuízos que directa ou indirectamente producen sobre o medio ambiente e as economías locais. E como dixo Paco García Trigo, despois de facer un repaso pola loita constante e inzada de obstáculos que levan adiante un grupo de veciños de Corcoesto dende hai máis dun ano, “non é todo brillo no ouro”.

 

Conivencias das administracións

"Non é unha casualidade que os países ameazados por estas agresións sexan os do sur: Grecia, Romanía, Bulgaria, Portugal ou España”

Nela Abella: “Canto máis estudo e traballo neste tema menos me explico como é posible que estean facendo isto. E a clave é a conivencia da administración, que non só lles deixa as portas abertas, senón que está a subvencionar a súa actividade, mesmo para actividades sen ánimo de lucro. Estamos en mans de auténticos canallas. O que queren facer coa nosa terra é provocar un dano que será irreversible. Non é unha casualidade que os países ameazados por estas agresións sexan os do sur: Grecia, Romanía, Bulgaria, Portugal ou España”.

"Unha boa parte da rendibilidade destas empresas procede de distintas achegas de cartos públicos que reciben, o que facilita moito a súa actividade. E cada paso que estas empresas dan para conseguir todos os permisos xa pode ser obxecto de especulación financeira"

Xoán Doldán: “Non se poden entender estes plans megamineiros sen entender as lóxicas do capitalismo transnacional e do propio carácter transnacional destas empresas mineira. Polo seu tamaño e polas súas características sempre acaban tendo o favor das administracións. Estes xigantes teñen moita experiencia neste tipo de actividades, e nas estratexias que necesitan á hora de tratar coas administracións e coas propias comunidades locais. Por iso ás veces poden adiantarse no camiño. E son quen de forzar a adaptación das leis para permitir estes proxectos tan agresivos. Unha boa parte da rendibilidade destas empresas procede de distintas achegas de cartos públicos que reciben, o que facilita moito a súa actividade. Se a isto sumamos que cada paso que estas empresas dan para conseguir todos os permisos xa pode ser obxecto de especulación financeira, atopamos outra vertente do negocio. O negocio mineiro non é coma outros negocios”.

 

As estratexias da empresa

"O primeiro que tentan facer é poñer os políticos locais da súa parte. E grazas a iso o alcalde comeza a usar a súa rede caciquil para poñer os veciños a favor da empresa"

Paco Garcia Trigo: “Esta empresa, con diferentes nomes, leva actuando en Corcoesto dende 1994. Ao comezo non xeraban malestar, facían sondaxes cos cartos que recibiran dalgunha subvención e marchaban. Pasaba un lustro, volvían, e o mesmo. Non últimos cinco anos comezaron a vir de forma máis continuada. Hai un ano algúns dixemos “Non é todo brillo no ouro” e comezamos a saber algo máis sobre o proxecto, que ía ser a ceo aberto e non en galerías, que ían empregar produtos perigosos. O primeiro que tentan facer é poñer os políticos locais da súa parte. E grazas a iso o alcalde comeza a usar a súa rede caciquil para poñer os veciños a favor da empresa: a asociación de veciños, a comisión de festas, os veciños máis coñecidos...”

Lola Torrano: “Souben do problema grazas a unha charla que veu dar un xornalista de Corcoesto, Ramón Varela, e decidín que tiña que facer algo máis que darlle a un click. Despois de informarnos por distintas vías, comezamos a contactar entre nós un grupo de xente, e organizamos as primeiras charlas para informar os veciños. Tamén fixemos buzoneo nas casas dos veciños, para chegar a eles máis directamente".

 

A balanza económica: Que dá, que quita

"Para as empresas vai ser rendible, pero non para o pais. Vanse destruír economías rurais que xa están nunha situación crítica, pero que están resistindo, e despois, unha vez que estas empresas marchen, porque marchan moi rápido, non imos poder reconstruílas"

Nela Abella: “Se poñemos na balanza todo o que destrúe, nas actividades agrogandeiras propias da economía local, que si é sustentable, e o pouco que xera de riqueza, que me expliquen en que consiste esa riqueza”.

Xoán Doldán: “Hai trampas contables. Fálase dos empregos que se van xerar, pero non se están tendo en conta que prexuízos vai xerar a mina neses lugares, agora e no futuro. Non vai crear moito emprego, e ademais o que creen vai ser de moi pouca calidade. E non se fala neste senso de cantos empregos vai destruír e do impacto que van ter nas economías locais. Para as empresas vai ser rendible, pero non para o pais. Vanse destruír economías rurais que xa están nunha situación crítica, pero que están resistindo, e despois, unha vez que estas empresas marchen, porque marchan moi rápido, non imos poder reconstruír estas economías".

"O outro día demos unha charla e veu unha señora de Baio, que ten unha granxa de coellos, e contounos que só o feito de ter un parque eólico cerca facía que abortasen todos os coellos, polo ruído. Que efecto van causar as constantes explosións da mina?"

Lola Torrano: “A mina vai ocupar 1400 hectáreas, practicamente todo Corcoesto, e vai acabar cos ríos. Como pode o alcalde dicir que a mina vai revitalizar Corcoesto? A xente marcha destes lugares, marchou en Asturias e noutros sitios. Ninguén fala das 6 mil persoas que traballan en actividades agrogandeiras en Cabana, Corcoesto e Coristanco. O outro día demos unha charla e veu unha señora de Baio, que ten unha granxa de coellos, e contounos que só o feito de ter un parque eólico cerca facía que abortasen todos os coellos, polo ruído. Que efecto van causar as constantes explosións da mina? Outra cousa é que polo que xa vimos en Asturias a gandaría leiteira é incompatible con estas minas a ceo a aberto".

"Hai unha gran presión por parte da empresa para facerse cos terreos e nós pedímoslle á xente que non os vendan agora. Agora a empresa está ofrecendo 1,4 euros por metro cadrado, pero no caso de que haxa unha expropiación o prezo tería que subir dos 10"

Paco García Trigo: “Quen quere mercar unha casa en Corcoesto? Había plans iniciados para rehabilitar casas e paralizáronse. Había unha casa rural en venda, pero  a poucos metros dun buraco de 300 metros de profundidade quen a vai mercar? Á xente o que lle pedimos é que non venda a casa. Hai unha gran presión por parte da empresa para facerse cos terreos para aforrar cartos. E nós pedímoslles que non os vendan agora, porque non é obrigatorio e van perder cartos. Isto estase tramitando como proxecto industrial estratéxico, e se se confirma a empresa podería expropiar os terreos. Agora a empresa está ofrecendo 1,4 euros por metro cadrado, pero no caso de que haxa unha expropiación o prezo tería que subir dos 10".

 

Alternativas mineiras

“Hai alternativas: a minaría urbana, consistente na recuperación de residuos tecnolóxica, permitiría obter máis ouro do que van extraer de Corcoesto, cun custe menor, de forma limpa e xerando máis emprego"

Nela Abella: “Hai alternativas: a minaría urbana, consistente na recuperación de residuos tecnolóxica, permitiría obter máis ouro do que van extraer de Corcoesto, cun custe menor, de forma limpa e xerando máis emprego. Pero isto non se contempla, porque o único que contemplan é darlle ganancia a catro moinantes. O ouro que está depositado nos bancos e nas reservas nacionais serviría para nutrir todo o ouro que consume a industria tecnolóxica durante 100 anos. E iso sen contar coa reciclaxe. O plan sectorial de actividades extractivas ten que converterse nun plan sectorial de actividades alimentarias”.

Xoán Doldán: "Unha parte dos materiais dos produtos tecnolóxicos que consumimos a diario é de orixe mineira e todos acaban en pouco tempo no lixo. Iso significa que dado que o consumo é crecente tamén o é a necesidade de materiais. Se non practicamos a redución e a recuperación o que facemos é incrementar as producións mineiras".

 

Tecer redes

Nela Abella: “Hai que atopar a fórmula de unir as loitas que están abertas en toda Galicia. E máis: conseguir tecer redes cos colectivos que se están movendo noutros países, porque o capitalismo si que actúa globalmente. Informarnos, informar, dar charlas, chegar a alianzas cos medios que nos apoian, usar moito a rede, e así poder chegar aos sitios antes que as empresas. Hai que seguir”

Xoán Doldán: “Hai que tecer redes. As empresas tentan chegar antes aos sitios e comezar a facer a súa presión. E nós temos que adiantarnos. Unha forma de adiantarnos é tecer redes cos colectivos e comunidades locais. Como imos poder chegar a un sitio para explicar o que se lles vén enriba cando non coñecemos a ninguén. Temos que tecer ese tipo de redes e o que nos vai facer fortes é o ben tecidas que estean esas redes. Eles van tentar dividirnos e nós temos que estar unidos. Non é un problema de Corcoesto nin de Bergantiños. Veñen detrás outros moitos problemas en toda Galicia que van ser tan importantes coma este. Hai que combater mesmo a linguaxe que eles utilizan. Por exemplo o concepto de minaría sustentable, que non existe, porque a minaría por definición é insustentable. A única minaría sustentable é esa minaría de recuperación que comentabamos. Tamén falan da multifuncionalidade dos solos. E iso non sempre é posible: non se pode preservar e destruír á vez".

Lola Torrano: "Non saiamos de aquí coa impresión de que non se pode facer nada, de que son só as grandes instancias as que deciden. Isto é unha loita de David contra Goliat. Pero nós somos unha rede de persoas traballando en moi distintos ámbitos e tamén podemos ser un Goliat. É o momento de unir forzas. E en todo caso David ten que atopar a súa pedra".

Xoán Doldán: “Se algo bo ten todo isto é que nos está obrigando a mirarnos a nós mesmos e mirarnos uns aos outros e convencernos de que non estamos abocados a ser dinamitados por proxectos coma estes. Estanos obrigando a tecer redes u a fortalecelas e a chegar a lugares cos que antes non tiñamos contacto".

Cartaz do debate sobre a minaria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.