O persoal contra incendios alerta dun "verán perigoso"

Rolda de prensa da Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais CC-BY-SA Praza Pública

María José Fuentes Viaño, delegada de CCOO no servizo de defensa contra incendios forestais, asegura que o Pladiga 2013 repite males que ano tras ano, lonxe de corrixirse, increméntanse: “é un plan sen consenso, non se teñen en conta as achegas e as demandas do persoal, das asociacións profesionais e das comunidades de montes que somos quen mellor coñecemos o terreo e quen nos enfrentamos  e sufrimos as consecuencias dun incendio forestal”.  A delegada destaca a importancia da volta das brigadas municipais: “son xente sen apenas formación nin experiencia e a consellería optou pola súa reincorporación a pesar do ditame da comisión encargada de investigar a vaga de lumes do 2006, que recomendou a súa eliminación de cara ás próximas campañas”. Pola súa banda, o representante de traballadores de Seaga, Peter Brea, alerta de que os mortos nos últimos anos durante a extinción de incendios “eran profesionais”. “Non queremos imaxinar o que pode pasar cunha plantilla inexperta e que vai ser escollida a dedo nos concellos”

Sebastián Hernández, secretario de Apropiga, destaca a fragmentación dos equipos, “máis dun 50% non depende directamente da consellería”, engadindo que isto pon en risco aos traballadores e advirte dunha “quintuplicidade de funcións” e unha "privatización desmesurada" da que "dubidan se seguiron os cauces legais para as contratacións", afirma Peter Brea.  Ademáis, segundo o propio secretario de Apropiga, as condicións laborais son cada vez peores xa que ademais dos contratos temporais de apenas tres meses dos profesionais de Seaga, a Xunta vén de suspender os dous días de descanso quedando só nun e medio “cando o persoal do lume fai un gran esforzo nas labores de extinción e parte da seguridade vai no descanso dos traballadores”. Hernández prevé “outro 2006” se se dan as condicións climátolóxicas adversas como no pasado ano. “Con estes medios non estamos preparados e máis despois de ver que o monte está máis abandoado e asilveirado que nunca tras un inverno de choivas", declara María José Fuentes,"agora mesmo é o monte é un polvorín e temos chamadas de traballadores asustados polo estado no que se atopa".

"O uso partidista do dispositivo pon en risco a vida dos traballadores"

Pola súa parte, Daniel Veiga, delegado da CIG nos servizos de extinción, acusa á Xunta de facer deste dispositivo un "uso partidista e electoralista, poñendo en risco a vida dos traballadores". Asegurou que a pesar de que nunca houbese responsables políticos polas mortes nos labores  de extinción eles cren que son os principais responsables e estudan acudir “pola vía penal se continúan os incidentes como o acontecido en Ponteareas esta fin de semana no que resultou ferido un traballador que conducía unha motobomba e se precipitou por un barranco de máis de 50 metros”.

Piden maior previsión e anticipación á campaña de risco (como aprobar o Pladiga xa no mes de xaneiro) así como máis coordinación e uns sistemas de contratación únicos e máis profesionalizados.

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.