A Xunta volve consultar aos pais a lingua do ensino malia a sentenza do TSXG

O conselleiro Jesús Vázquez, nunha visita a unha escola © Xunta

No pasado mes de novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) estimou parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego, entre outros colectivos, contra o decreto de plurilingüismo do Goberno de Núñez Feijoo. Anulou así o artigo 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia. A sentenza supuxo un duro pau ao cerne da polémica política lingüística da actual Xunta que, no entanto, desafía a Xustiza e teima en realizar a consulta ás familias de cara ao vindeiro curso.

A CIG solicita ao TSXG que execute a sentenza e anule o envío da consulta por parte da Xunta

Así o denuncia o sindicato CIG, que advirte de que a Consellaría de Educación vén de enviarlles aos centros de ensino un modelo de enquisa semellante ao do ano pasado para pasarlle aos pais e as nais en Educación Infantil e así determinar a lingua vehicular nas aulas. A central nacionalista xa solicitou ante a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG a execución da sentenza "para que declara a nulidade de pleno dereito desta actuación administrativa consistente en que as familias determinen a lingua vehicular da educación infantil".

O certo é que a Xunta xa advertira das súas intencións ás poucas horas de coñecerse a primeira sentenza xudicial -logo coñeceríanse outras no mesmo sentido- ao anunciar que seguiría preguntando aos pais polo idioma no que se lles imparte clase. "A consulta pódese facer igual pero será a Administración a que terá a capacidade de decidir unha vez que se escoite as familias", dixera o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, que se escuda en que a resposta non será vinculante.

"A Xunta desobedece a Xustiza ao non cumprir cunha sentenza firme que ten que aplicar, dando mostras unha vez máis da súa galegofobia e dunha actitude de persecución do noso idioma", denuncia a CIG, que ve no Goberno galego un obxectivo: o de "desterrar o galego como lingua vehicular no ensino infantil", unha etapa na que a presenza do idioma propio nas cidades se reduce ao 5%.

"A Xunta desobedece a Xustiza ao non cumprir cunha sentenza firme, dando mostras da súa galegofobia", denuncia a CIG

Así, a central nacionalista reacciona "fronte a esta decisión de desobediencia aos tribunais e á Lei de Normalización Lingüística" e solicita formalmente ao TSXG a execución da sentenza para que "declare a nulidade de pleno dereito desta actuación administrativa consistente en que as familias determinen a lingua vehicular da educación infantil".

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, manifesta que “o conselleiro non coñece límites para atentar contra a nosa lingua". "A negativa a que o galego poida ser lingua do ensino é tan visceral que non dubida de incumprir sentencias e actuar á marxe da lei. Por iso desde a CIG-Ensino esiximos que retire a enquisa e que Feijoó o destitúa fulminantemente”, engade.

Nas numerosas sentenzas nas que se anulou o artigo 5.2 do decreto do plurilingüismo, o TSXG afirma que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”.

Feijóo, co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.