Centos de persoas pediron nas rúas unha banca pública galega

Manifestación en Vigo Dominio Público 15M Vigo

As sete cidades galegas acolleron este domingo mobilizacións en defensa dunha banca pública. A mobilización máis numerosa foi a de Vigo, na que tamén participaron ducias de afectados polas participacións preferentes. Noutras cidades as concentracións complementáronse con charlas sobre a situación económica, coma a que ofeceu Xavier Vence en Compostela ou de José Luís Outes Ruso en Pontevedra. 

Álvaro Rodríguez, de ATTAC e un dos voceiros da plataforma en Vigo, salientou a participación nas mobilizacións con perfís distintos aos habituais, por exemplo, os afectados polas preferentes, moi numerosos no sur de Galicia.

A Plataforma polo Aforro Público considera que "para superar esta crise en positivo, e para o normal funcionamento democrático da nosa sociedade é imprescindible unha banca pública que funcione de xeito ético e devolva á cidadanía o poder sobre os aspectos financeiros da economía". Os colectivos que integran a plataforma consideran así mesmo que a bancarización das caixas de aforro "non é necesaria nin inevitable" e que se lle está regalando "o capital das caixas aos bancos", creando ademais "un oligopolio no sistema financeiro galego e español, que vai provocar a exclusión financeira de gran parte da poboación, pequenas e medianas empreas e familias".

Cartaz da manifestación de Vigo © Plataforma polo Aforro Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.