A pésima situación económica da multinacional da mina de Corcoesto

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

A mala situación financeira de Edgewater dificulta o seu proxecto mineiro en Corcoesto. Tal e como vén de facer público Anova, e tamén como se pode comprobar a través das súas contas oficiais, a multinacional canadense non ten tan doado consumar a mina de ouro a ceo aberto que pretende na comarca de Bergantiños. A Xunta, logo de paralizar momentaneamente a iniciativa por falta de garantías económicas, exíxelle á firma que multiplique por 60 o aval solicitado nun principio.

O Goberno galego solicita a Mineira de Corcoesto (filial ao 100% de Edgewater) que acredite mediante estes recursos propios -e sen financiamento bancario- que pode asumir o 25% do investimento total anunciado, e que se eleva a uns 135 millóns de dólares, máis de 100 millóns de euros, algo que a empresa di ter asegurado a través de dous créditos que suporían 120 millóns de dólares, pero que non son valerían para cumprir as exixencias da Xunta.

Mineira de Corcoesto conta cuns recursos propios de menos dun millón de euros e precisa 27 millóns para que cheguen ao 25% do investimento

Segundo o propio balance de Mineira de Corcoesto presentado no Rexistro Mercantil da Coruña, a compañía conta cuns recursos propios ao peche de 2011 de apenas 868.546 euros, fronte aos exiguos 149.590 euros dun ano antes. Tal e como denuncia Anova, a concesión de préstamos bancarios ao proxecto, anunciados pola empresa, "son pasivo esixible, non podendo ser computados como fondos propios a efectos de garantía de solvencia do proxecto". Xa que logo, a sociedade debería ampliar o capital para que os fondos propios cheguen ao 25% do investimento proxectado (tería que pasar dos pouco máis de 860.000 euros a un mínimo de 27 millóns de euros, o 25% do investimento).

Esa exixencia de capital contrasta co reducido capital social da propia multinacional Edgewater, que é de só 34,6 millóns de dólares canandeses (equivalentes a 25,5 millóns de euros). "En consecuencia, Mineira de Corcoesto deberia acreditar unha solvencia como fondos propios en cuantía superior ao capital social da multinacional Edgewater", lembra Anova.

Por outra banda, a evolución e situación económica da empresa é negativa e fortemente regresiva nos últimos tempos, tal e como se evidencia na súa cotización bursátil, onde precisamente o pasado mércores acadou na bolsa de Toronto o seu valor mínimo (de 0,10 dólares canadenses, cun descenso do 16,67% respecto do día anterior). Este xoves, volveu perder arredor dun 10%, polo que a cotización perdeu máis dun cuarto do seu valor desde que a Xunta anunciou a paralización do proxecto de Corcoesto e tras acmular un descenso do 80% desde comezos de ano. Todo, mentres o prezo do ouro xa se sitúa por baixo do valor mínimo de refererencia que a empresa estimaba para a viabilidade económico-financieira da explotación de Corcoesto.

Anova cre que a exixencia económica da Xunta "non é mais que unha pantomima fraudulenta en conivencia coa empresa"

Ademais, Anova asegura que a exixencia de solvencia económica por parte da Xunta á multinacional "non é mais que unha pantomima fraudulenta por parte da Xunta, en conivencia coa empresa, presentando unha aparente suspensión na tramitación do proxecto, cando do que se trata é, unicamente, dunha manobra lexitimadora do mesmo". Así, a formación nacionalista recorda que o aval ou garantía financieira para a explotación de Corcoesto é "unha esixencia imperativa da Lei 3/2008, de Minería de Galiza" e que, ademais, "unicamente supón unha condición de eficaza da resolución de outorgamento da concesión".

"A Xunta de Galicia pídelle á promotora un requisito que é obrigatorio por lei para que, unha vez solventado pola empresa, outorgarlle a autorización, que é o que pretenden Goberno e multinacional", remata Anova. A cuestión agora é saber se a Xunta seguirá adiante cun proxecto tendo en conta a mala situación financeira de Edgewater, xa que, tal e como lembra a oposición política ao completo e os movementos cidadás anti-mina, "para nada a Administración se preocupa das exixencias medioambientais ou dos riscos que o uso de arsénico e outros materiais ten para a economía e a saúde humana".

 

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.