Debate na Praza: A reforma electoral alén da proposta de Feijóo

Cartaz do debate CC-BY-SA Praza Pública

Hai case un ano que o PP defende, en solitario, unha modificación da Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia. A reforma da que fan bandeira os conservadores ten como elemento central aplicarlle un recorte ao número de escanos da Cámara galega, pasando dos actuais 75 ata 61, o mínimo impar dentro do abano contemplado polo Estatuto de Autonomía. Este é o pano de fondo co que se celebrará un novo Debate na Praza, n'A Nave de Vidán de Compostela. Este restaurante compostelán organiza, xunto a Praza Pública, unha táboa redonda o vindeiro día 18 ás 20:30 da tarde sobre a reforma formulada polo partido do Goberno e as alternativas á mesma. Sobre o asunto conversarán o analista electoral e economista Carlos Neira Cortizas, o profesor de Ciencia Política da USC Francisco Martínez Hidalgo e o profesor de Socioloxía da UdC Xosé Antonio López Rei.

Nun encontro moderado por Filipe Diez os expertos analizarán se existe ou non necesidade de modificar a actual Lei de Eleccións e os posibles modelos alternativos. A posibilidade de lograr unha maior proporcionalidade no lexislativo galego, as vías para estimular a participación cidadá nos procesos electorais, os modelos de campañas ou a posición dos grupos da esquerda a respecto da reforma que o PP pretende sacar adiante serán algúns dos temas que estean sobre a mesa.

O debate celébrase este xoves ás 20:30

En opinión dun dos relatores, Carlos Neira, un dos elementos a ter en conta é a "oportunidade" da proposta de reforma. Ao seu xuízo, con esta operación o PP tentou inicialmente "garantirse a reelección". "Non a utilizaron na primeira lexislatura porque non o necesitaban e formúlana agora, cando pensan que o van necesitar". En todo caso, Neira coida que esta reforma "pode chegar a non ser prioritaria" para os conservadores, cando menos nos próximos meses, toda vez que nin sequera o recorte do Parlamento "lles vai solucionar a papeleta de ganar as eleccións", por causas como as fotos de Marcial Dorado, "o financiamento do partido aquí e en Madrid ou os efectos acumulativos da crise".

Cartaz do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.