0 Gardados para despois

Galicia, no vagón de cola dos servizos sociais coa atención á dependencia "atascada"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"Feble" ou, o que é o mesmo, un dous nunha escala do un ao nove. É o resultado que obtén Galicia na radiografía que a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais lle vén de realizar a estas prestacións no conxunto do Estado. O Índice de Desenvolvemento dos Servizos Sociais é o primeiro gran estudo estatal na materia que, ademais de ofrecer datos comparativos entre comunidades autónomas, se mergulla en cada caso particular cruzando variables tan medibles como o investimento económico ou o número de persoas beneficiadas con outras máis intanxibles e habitualmente máis publicitadas, como os dereitos recoñecidos. Desta análise polo miúdo sae un retrato robot que amosa a Galicia como un territorio no que as prestacións sociais están por baixo da media en case todos os casos, tamén en canto a investimento, e onde un dos emblemas deste ámbito, a Lei de Dependencia, está simplemente "atascada".

No económico, para atopar a Galicia hai que ollar da metade cara a abaixo. Nomeadamente, os 256,09 euros que a Administración galega gasta por habitante en servizos sociais sitúana no duodécimo posto entre as dezasete autonomías, moi lonxe dos 773,21 euros de Euskadi que, como no gasto sanitario, encabeza o rexistro estatal. Dos datos recompilados pola asociación autora do informe é posible tirar tamén outra conclusión que non é menor en tempos de restricións orzamentarias. Autonomías que se están a caracterizar por aplicar fortes recortes, como a Comunidade Valenciana ou Baleares, non presentan unhas finanzas públicas precisamente saneadas. Mentres, a propia Euskadi ou Navarra, que ocupa o segundo posto, tamén son exemplo en materia económica. Neste contexto, o estudo sinala que Galicia alcanca "niveis aceptables" en "relevancia económica", aínda que "por baixo da media" en gasto por habitante e en porcentaxe de gasto en servizos sociais sobre o total de gasto da comunidade, un indicador que está no 6,7% fronte ao 6,93% da media estatal.

Gasto en servizos sociais por habitante
Euskadi 773,21
Navarra 488,1
Castilla-La Mancha 467,58
Cantabria 370,11
La Rioja 363,81
Extremadura 353,73
Castilla y León 300,3
Asturias 297,51
Catalunya 281,09
Andalucía 279,29
Aragón 267,57
Galicia 256,09
Murcia 230,72
Madrid 207,39
Canarias 155,69
Comunitat Valenciana 129,56
Balears 119,83
Media estatal 280,03

Neste contexto, as carencias de investimento vense reflectidas na análise das prestacións á cidadanía, así, os autores do informe só consideran que Galicia "destaca positivamente en catro aspectos", os cales non dependen integramente da Xunta e si o fan, en boa medida, dos concellos. Así, o estudo sinala que nos servizos sociais municipais existe un traballador ou traballadora por cada 2.745 habitantes, un nivel "moi axeitado ás características da poboación e territorio de Galicia" que confronta cos 3.858 habitantes que lle corresponden a cada persoa que traballa nos servizos sociais no conxunto do Estado. Neste mesmo ámbito positivo atópase a porcentaxe de acollemento familiares a menores, as prazas de aloxamento para persoas sen fogar e as prazas en ceontros de día e centros ocipacionais para persoas con discapacidade.

"Importantes déficits de cobertura"

Á marxe dos catro indicadores positivos, a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos atopa "importantes déficits de cobertura" nun amplo abano de indicadores analizados, entre os que destaca o grao de cumprimento da Lei da Dependencia, unha norma que apenas cobre o 1,26% da poboación galega fronte ao 1,59% de media estatal. Así, os datos recollidos permiten concluír que están "no limbo da dependencia", isto é, teñen recoñecida unha prestación pero aínda non a reciben, o 44,3% das persoas xa integradas no sistema de atención á dependencia. Esta, di o informe, é unha cifra "moi superior mesmo á elevada media estatal do 28,9%.

O estudo ve "escasa" a cobertura de prazas residenciais e insta a Xunta a "esforzarse" para "achegar á media o gasto en servizos sociais"

No mesmo ámbito, o informe ve "escasa" a cobertura de prazas residenciais para persoas maiores de 65 anos, con apenas 2,8 por cada cen habitantes. No resto do Estado, a media é de 4,3 prazas. Esta escaseza de prazas en residencias non se compensa coa axuda a domicilio. Ben ao contrario, este servizo só é percibido polo 1,66% dos homes e mulleres que superan os 65 anos, cando a media estatal é do 4,69%. Estes e outros diagnósticos fan que o estudo deixe un nada desprezable abano de recomendacións para Galicia, a comezar pola necesidade "urxente" de "elaborar e aprobar" un catálogo de servizos "que concrete os dereitos subxectivos que establece a Lei de Servizos Sociais, aprobada en 2008. Do mesmo xeito, explica, cómpre "desatascar a actual situación da  Lei da Dependencia" que, "con catro de cada dez dos seus beneficiarios recoñecidos sen percibir as prestacións ou servizos" non só fai minguar a calidade de vida das persoas maiores ou discapacitadas, senón que tamén impide que se desenvolva "o potencial de emprego deste sector.

"Malia ás importantes dificultades económicas que ofrece a actual situación, Galicia debe realizar un esforzo por achegar os seus indicadores de gasto en servizos sociais á media estatal", detallan os autores do informe, baixo cuxo punto de vista este incremento de gasto debería comezar por ámbitos como o incremento de prazas residenciais e tamén do servizo de axuda a domicilio. Trátase, di, de "apostar polo servizo fronte á prestación económica", algo que contribúe "non só á incrementar a calidade da atención, senón que suporía un impulso ao emprego, tan necesario na actual situación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Un marco normativo herdado

Un dos poucos aspectos nos que Galicia sae ben parada no Índice de Desenvolvemento de Servizos Sociais é no que atinxe ao marco normativo. Faino, en boa medida, grazas á Lei de Servizos Sociais, que recibiu luz verde do Parlamento ano 2008 e é, polo tanto, un texto lexislativo herdado polo actual Goberno da Xunta. Galicia, explica o informe, "conta xa cunha lei que garante dereitos subxectivos", pero o Executivo non fixo aínda a segunda parte dos deberes: desenvolver un catálogo ou carteira que "concreten estes dereitos", isto é, converter a filosofía do texto legal en prestacións obxectivables e, polo tanto, reclamables ante a Administración.

No mesmo ámbito, "valórase positivamente a adecuada integración da atención á dependencia no sistema de servizos sociais de Galicia" e "constátase como déficit a falta dun plan estratéxico ou mapa de cobertura", un documento que semella que continuará sen existir xa que, a priori, a prioridade da actual Consellería de Benestar é poñer en marcha a Axencia de Servizos Sociais, un novo organismo que, tal e como ten detallado Praza Pública, pon en risco o futuro do actual Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.