Veciños de Corcoesto denuncian a mineira e a Xunta por delito contra o medio ambiente

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

As asociacións de veciños de Cereo, de Corcoesto e de Valenza, veñen de presentar unha denuncia conxunta asinada por 249 persoas no Xulgado de Carballo contra a empresa Mineira de Corcoesto, así como contra a súa subcontrata, Terratec Geotecnia y Sondeos SL., e contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Economía e Industria por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.

Os veciños denuncian que a empresa fixo traballos de exploración sen autorización que deixou sen auga 77 casas

A denuncia dos veciños fundaméntase na realización por parte da empresa mineira de Corcoesto, a través da subcontrata Terratec Geotecnia, de sondeos de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade. "A empresa mineira non dispoñía, polo tanto, de autorización administrativa para a realización deses traballos que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental en zona de dominio público hidráulico e co consentimento das administracións sinaladas", explica a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

Ademais, a empresa mineira "tampouco dispón de autorización de Augas de Galicia para captación de auga do río Lourido", que usa na  realización dos sondeos xeotécnicos necesarios para o cálculo da estabilidade das balsas de cianuración e lixiviación, que están fora do ámbito das actuais concesións mineiras de Corcoesto.

Segundo denuncia a plataforma, como consecuencia deses traballos, 77 vivendas da parroquia de Cereo quedaron sen abastecemento de auga para consumo humano, debido aos danos causados pola empresa mineira e a súa subcontrata aos acuíferos soterrados que abastecían o manancial do Regueiro. "Estes danos non foron reparados por parte da empresa, que non amosou interese algún en atender as reclamacións dos veciños afectados", di. Por este motivo, acoden agora á vía xudicial para "facer valer os seus dereitos".

Os afectados solicitan que se condene as empresas pero tamén a administración "pola súa pasividade e inactividade"

Por todo o anterior, solicitan ao xulgado que instrúa a denuncia presentada e que se condene as empresas, e tamén as administracións, pola "pasividade e inactividade destas últimas ante estes feitos". Solicitan ademais que se proceda á "reposición inmediata do abastecemento de auga e á indemnización aos propietarios das vivendas afectadas polos danos e prexuízos ocasionados".

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.