Convocan folga indefinida en Povisa dende o 19 de agosto

Os traballadores de Povisa, ante o edificio administrativo da Xunta © CIG

Os e as traballadoras de Povisa iniciarán o vindeiro 19 de agosto unha folga indefinida, trala suspensión das negociacións do novo convenio coa empresa, que pretende impor "unha merma inasumíbel das condicións salariais e laborais", segundo os sindicatos, e que fará efectivo o convenio provincial mentres non se chegue a un acordo. A pesar de que desde o comité se emprese se propuxo a conxelación salarial de cara ao ano vindeiro, a empresa continuou coa súa proposta precarizadora até a ruptura das negociacións.

A CIG denuncia que a proposta da empresa, que pode supoñer até un 40% de rebaixa salarial, é "un auténtico atropelo", tendo en conta que a empresa "obtivo cuantiosos beneficios nos dous últimos exercicios a conta do erario público, xa que o 80% dos ingresos proveñen da Xunta”. E engade que "a dirección aumentou o ano pasado nun 200% os seus salarios, deixando en evidencia a dobre vara de medir á hora de efectuar recortes e a complicidade da administración coas prácticas anti-laborais". Segundo o sindicato "os salarios base diminuirían entre 200 e 400 euros, e quedarían afectados tamén os pluses que até o de agora viña cobrando o persoal do hospital".

A CIG denuncia que a proposta da empresa, que pode supoñer até un 40% de rebaixa salarial, é "un auténtico atropelo"

Suprimiríanse, ademais, os pluses de domingos e festivos e de distancia, ademais de liquidar os incentivos. A nova xornada laboral impediría a conciliación laboral e familiar, segundo a CIG, "establecendo unha faixa horaria entre 1475 e 1775 horas anuais, con horarios mínimos de 3,5 horas diarias e máximos de 10 segundo as necesidades das empresa", que engade que "os 14 festivos cos que contaban até o de agora (e que se foran pactado como rebaixas horarias) fican reducidos a 4".

Os traballadores de Povisa, ante o edificio administrativo da Xunta © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.