"O accidente verase ligado ao Día de Galicia durante moito tempo"

Ana Isabel Martínez Arranz CC-BY-SA Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Ana Isabel Martínez Arraz é a coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Viviu de primeira man dende o Cersia en San Lázaro e dende o Multiusos Fontes do Sar o tratamento cos familiares das vítimas: "vivimos coas familias todo o proceso, dende a espera de información ata a comunicación da noticia que moitos xa esperaban".

Como se prepara un psicólogo para afrontar unha traxedia como esta? Sabe que estará as próximas horas tratando os afectados sen poder mostrar as súas reaccións a pesar da magnitude do accidente...

A nivel de formación o grupo leva funcionando dende hai moitos anos e ten convenio co 112 polas emerxencias da comunidade. Era un grupo con moita experiencia para afrontar algo que sae do normal, a nosa formación interna é anual e intentamos que sexa o mellor posible, facemos moito esforzo de investimento económico neste senso e vense os resultados. Casualmente había pouco tempo que estivéramos traballando para afrontar algo así.

Como dirías que foi a reacción ante esta traxedia?

A valoración creo que é a mesma que temos todos os profesionais que intervimos. Estamos moi satisfeitos pola coordinación e actuación que se despregou. Non houbo ningún problema nese sentido, dende o primeiro momento ata agora, a coordinación poderíamos dicir que foi case a ensaiada. Os forenses, bombeiros, psicólogos, Cruz Vermella, policía xudicial, médicos..., todas e cada unha das partes implicadas fixeron moi bo traballo. Todos estabamos no mesmo barco, había que sacar adiante os afectados e que todo pasara o antes posible. Diría que este traballo en equipo foi o mais gratificante, xunto co agradecemento das familias

"O traballo en equipo foi o mais gratificante, xunto co agradecemento das familias"

Como cres que reaccionaron os medios de comunicación? Cres que deberían consultar os psicólogos para saber que imaxes reproducir e cales non? Segundo denuncia Eu non manipulo foi orde expresa da dirección de informativos da TVG emitir imaxes crúas do sinistro...

A vedade é que o noso traballo se realiza dende o primeiro momento e apenas tivemos tempo de ver a reacción dos medios como a TVG durante toda a emerxencia, o coñecemento externo do que estaba pasando chegounos despois por outros medios. O que si vivimos, e moi preto, foi a reacción dos xornalistas na primeira liña. É moi perxudicial para moitos casos esta actuación dos medios mentres se está atendento as familias, hai ocasións nas que non se respecta a intimidade, moitas non queren ser gravadas e isto provocaba que non saísen á rúa para que as cámaras non os visen chorar, non podían expresar a súa dor por medo a ser retratados. En ocasións fomos nós mesmos os que falabamos cos xornalistas para que deixaran de gravar e así puidesen saír. En todo caso, nunha traxedia como esta os medios teñen que saber establecer os seus límites na reprodución de certas imaxes, non debería ser necesario o contacto cos psicólogos. Todos temos que facer unha reflexión posterior a todo o que pasou, pero no caso dos xornalistas é a súa obriga reflexionar sobre se respectaron ou non eses límites como deberían ou abusaron das imaxes e demagoxia.  

"Nunha traxedia coma esta os medios teñen que saber establecer os seus límites na reprodución de certas imaxes. A súa obriga é reflexionar se os rescpetaron ou non"

Pasaron xa cinco días e segue a ser o tema principal de todos os medios de comunicación. Como cres que afecta isto á sociedade? Cando cres que debe volver a normalidade?

Creo que non poder durar moito máis, é necesario que voltemos todos á normalidade. Estamos todos esgotados, dende os veciños de Angrois, as familias ou os profesionais, vai case unha semana co accidente demasiado presente, é bo voltar á normalidade sen que iso signifique esquecer. 

Como cres que afectan a visita das autoridades a familiares ou enfermos ou as cerimonias oficiais?

Iso sempre depende de cada caso. Vexo distinto as visitas políticas que as da Casa Real, por exemplo, creo que nestes casos o sentido político é complicado de entender, en cambio a Casa Real é máis asidua deste tipo de actos. Seguramente houbo familias ás que non lles gustou a visita e moitas que nin acudiron á cerimonia, pero enténdeno como un recoñecemento á dor que están pasando. A intención debería ser que as familias vexan que todos están ao seu lado. O acto de onte, por exemplo, moitos entendérono como a fin desta situación e esta horrible semana. A moitas resultoulle reconfortante non só a presenza das autoridades, senón a dos profesionais que colaboraron en todo o proceso. 

Dis que o acto de onte representou a fin de case unha semana de situación extrema para eles. Pero cales son os efectos a medio e longo prazo dunha traxedia coma esta?

Sempre depende do grao de trauma, é distinta a impresión que lles puido quedar á veciñanza de Angrois que aos familiares. Os veciños vense afectados polas imaxes e recordos do vivido, pero non se viron afectados a nivel de perdas, iso marca a diferenza respecto ás familias. Canto máis nivel de perda, máis afectado podes estar e máis tempo che pode custar asimilar todo o que pasou. Os veciños en catro ou seis semanas xa terán a situación normalizada, as reacción normais ante unha situación crítica coma a que viviron son problemas de sono ou concentración pero o normal é que vaian diminuíndo ata desaparecer. Entre os familiares empeza un proceso de dó e tamén depende do nivel de perda, xa que en moitos casos é máis dun familiar. Os enfermos tamén teñen que pasar por isto, en moitos casos asumir unha amputación e dependendo da experiencia será máis ou menos complicada a volta á normalidade e a integración. As condutas coma a evitación deste tipo de transporte serán normais, a reacción é a mesma que nun accidente de coche, moitos dos afectados non serán capaces de volver subir a un tren durante moito tempo. 

Tamén é importante resaltar os traumas, dende o punto de vista psicolóxico, que pode ter o maquinista. Practicamente dende o primeiro día pesaban sobre el acusacións de homicidio por imprudencia, ver as cifras de falecidos e feridos, declarar na comisaría tan só uns días despois e ver como unha parte da sociedade te xulga antes que un xuíz... Como cres que se debería tratar o tema?

A verdade é que nós non tivemos contacto co maquinista nin tratamos a súa situación, pero é certo que estará a ser moi difícil. Está sendo xulgado socialmente antes de que o faga un xuíz como ti dis, e antes de abrir as caixas negras!  Hai que esperar e ser prudente. Coa situación que pasou, independentemente de ser declarado culpable ou non, é normal o seu sentimento de culpa. Eu creo que os medios deberían ser prudentes ata que se aclaren as cousas e se poña todo enriba da mesa. 

"Eu creo que os medios deberían ser prudentes coas acusacións ao maquinista, é unha situación difícil"

Cómo afectará á memoria de Galicia un accidente como este nun día tan sinalado?

Foi unha cousa pouco común. Ao ser un accidente dun medio de transporte como o ferroviario a magnitude é maior, así como a impresión, xa que sempre o vemos máis seguro. Inevitablemente verase ligado ao Día de Galicia durante moito tempo.

Ana Isabel Martínez Arranz CC-BY-SA Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.