"Queremos saber a verdade, que nos digan por que pasou"

Homenaxe civil ás vitimas no Parque de Bonaval CC-BY-SA Praza Pública

As notas da Negra Sombra de Rosalía de Castro soaban dun extremo a outro dun parque de Bonaval cheo de xente e asollado. Aos familiares das vítimas uníronse centos de veciños de Compostela, algúns dos moitos traballadores públicos que participaron na asistencia aos afectados polo descarrilamento, autoridades e representantes de todas as forzas políticas. Galicia dixo adeus aos 79 falecidos no accidente nunha homenaxe civil e cívica, unha cerimonia sobria no parque de Bonaval -antigo cemiterio- onde adoito a vida abeira coa morte.

O acto abriuse coa lectura demorada dos nomes desas 79 persoas, para dar paso a tres intervencións breves pero moi significativas: representantes dos familiares, dos veciños de Angrois e dos traballadores, pechadas co himno galego. Se cadra, un dos momentos máis emocionante chegou coas palabras de María Esperanza Valle Pereira, dona dun dos falecidos, e que reclamou: "Queremos saber a verdade, que nos digan por que pasou. Se é certo que o accidente se puido ter evitado intenten que nunca máis volva pasar. Deanlle un sentido a todo isto". Valle Pereira agradeceu o traballo dos veciños de Angrois e das persoas que acudiron a doar sangue, "non se pode pedir máis", e resumiu a súa dor dicindo que "non entendemos por que nos tivo que pasar a nós, non hai resposta, non vemos a xustiza porque eles non van volver". E rematou cunha mensaxe aos que aínda están no hospital: "tedes que loitar por saír adiante, vivir a vida polos que xa non están".

Tamén interviron Xosé Anxo Puga e Isidoro Castaño (veciños de Angrois), que destacaron que "non existen palabras ante a nosa dor e desolación. Ao outro lado dese túnel escuro está a man afectuosa, o abrazo sincero e a mirada limpa dende todos os lugares do mundo”. Tamén botaron man dun poema do ourensán José Ángel Valente, ante a "imposibilidade" de atopar palabras: Alejarme solamente fue la manera de quedarme para siempre.

A seguir falou Ana Isabel Martínez Arranz, coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía, unha das persoas que nos últimos días permaneceu máis preto dos familiares. Comezou agradecendo o traballo de todos os profesionais que colaboraron nas tarefas de rescate e asistencia, "aprendemos entre tanta dor que é posible o entendemento". E dedicou palabras aos veciños de Angrois: "os focos pasarán e a vosa bondade perdurará na nosa memoria, na dos nosos fillos, na do noso país. Grazas a vós sabemos que os heroes existen, que están entre nós descoñecendo a súa condición. Grazas a vós sentímonos mellores persoas". E tamén ás familias: "Benqueridas familias: a vosa dor e o voso sufrimento angústiannos, a vosa enteireza ensínannos, o voso agradecemento emociónanos, a vosa forza danos confianza”.

E pechou a súa intervención cun poema titulado Estrela preta que nestes días escribiu a poeta Concha Roussia, que tamén colaborou nos labores de apoio aos familiares: "Vestinme con abrazos feridos, o meu corpo encheuse de nubes negras e prantos, unha cintiña colorada con sangue para cada corazón partido, rasgueime entre tantos pedaciños... Os meus ollos choraron para dentro, condensando a dor en lágrimas negras, de vez en cando pasan polos meus ollos. Choro chapapote sen ter a estrada enfronte. Rostros perdidos meditan para sempre, tal vez xamais os toque, tal vez nunca máis os vexa, mesmo que xamais os esqueza, mesmo que xamais os esqueza".

Homenaxe civil ás vitimas no Parque de Bonaval CC-BY-SA Praza Pública
Homenaxe civil ás vitimas no Parque de Bonaval CC-BY-SA Praza Pública
Homenaxe civil ás vitimas no Parque de Bonaval CC-BY-SA Praza Pública
Homenaxe civil ás vitimas no Parque de Bonaval CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.