Moncho Valcarce volve ás Encrobas

O crego das Encrobas na misa © Irmandade Moncho Valcarce

Moncho Valcarce pasou á historia coma o cura das Encrobas, aquel crego que tanto axudou os labregos das terras de Meirama fronte aos intentos de expropiación por parte da empresa de extracción de lignitos. Este 31 de agosto Moncho, o seu recordo e o afecto de todas as persoas que lle seguen querendo ben, volverán ás Encrobas. A Irmandade Moncho Valcarce organiza unha homenaxe popular o vindeiro sábado 31 de agosto no lugar de Pontoxo, onde está a súa efixie e a igrexa da que foi crego.

No marco desta homenaxe entregaranse os Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugris Rodríguez e ao Museo do Pobo Galego, respectivamente. Será o peche a un amplo conxunto de actos que neste 2013 lembraron o combativo crego no seu vixésimo cabodano. O 1 de febreiro de 1993 morreu de cancro na Coruña despois dunha vida de loita compaxinando durante anos o seu labor como crego e a súa militancia política: nacionalista e de esquerdas.

A festa comezará ao mediodía e durará até o serán. Ás 12, ao pé da súa efixie, ofrecerase unha homenaxe poético-musical na que participarán Pilar Pallarés, Manuel Lugrís, Xosé Fraga, Xulio Valcarce, Ramón Vilar, Xosé Elías Ramil, Baldomero Iglesias e Luís Liñares, coa música de Xosé Taboada. Haberá un xantar para o que é preciso anotarse até o día 15 de agosto chamando aos teléfonos 620599007 ou 686035738 ou escribindo ao mail irmandade@monchovalcarce.org.

 

Unha vida de loita

Para falar de Moncho Valcarce hai que falar de loitas, en plural

Para falar de Moncho Valcarce hai que falar de loitas, en plural. Valcarce naceu no seo dunha familia acomodada na Coruña. Deixou de lado o Dereito e optou por estudar Teoloxía. Despois dun breve paso por Roma, en 1967 regresa ao seminario de Santiago onde uns escritos lle valeron a expulsión acusado de "axitador de tendencia comunista". Desterrado na Coruña baixo a tutela do sacerdote Manuel Espiña, e grazas á súa axuda, conseguiu que o volveran a admitir no seminario. En 1969 comeza a exercer de crego en Sésamo, unha parroquia de Culleredo, onde se distinguiu polo carácter participativo das misas, a gratuidade nos servizos, a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua litúrxica, e polas súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas.

O Partido Comunista chegou a instalar unha imprenta na casa reitoral, que se converteu nun punto de encontro de pluralidade para distintos colectivos de distintas ideoloxías. En 1974 foi detido en Betanzos nunha xuntanza clandestina. Moncho Valcarce foi xirando cara ao nacionalismo e traballou sobre todo nas Comisións Labregas e na AN-PG. Con eles participou moi activamente nos conflitos sociais que se viviron en Baldaio ou en Xove e tamén nas reivindicacións dos gandeiros contra a Cota Empresarial da Seguridade Social. En 1979 foi elixido concelleiro polo BNPG en Culleredo, onde chegou a ser tenente de alcalde.

Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro cuberto cunha bandeira estreleira e entre os versos de Bouza Brey

Sempre resutou incómodo para a xerarquía eclesiástica, que fixo todo o posible para alonxalo da política enviándoo en 1987 a Salamanca coa disculpa de realizar un curso teolóxico na Universidade Pontificia. En 1991 foille descuberto un cancro incurable e dous anos máis tarde faleceu. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro cuberto cunha bandeira estreleira e entre os versos de Bouza Brey.

Ramón Valcarce cuns amigos © Irmandade Moncho Valcarce
Cartaz da homenaxe © Irmandade Moncho Valcarce

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.