0 Gardados para despois

Defensa da Sanidade calcula que os pensionistas perderon un 5% de renda polo copagamento

Redacción | @prazapublica

Galicia ten as pensións de xubilación máis baixas do Estado. Segundo os últimos datos da Seguridade Social este subsidio sitúase en 721,78 euros ao mes, isto é, case un 20% menos que os 858,10 euros de media estatal. A diferenza a respecto das autonomías coas pensións máis altas, Euskadi, Madrid e Asturias, é case dun 30%. Este é o contexto no que irrompeu o copagamento farmacéutico implantado polo Goberno central, unha medida que, lonxe de ser inocua para os e as pensionistas, deu de cheo nas febles rendas das persoas maiores, segundo denuncia a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

Con estes datos na man a AGDSP explica que a introdución do copgamento "en medicamentos que antes eran de balde e que consomen, na súa maioría, por motivos de idade" supuxo "unha nova discriminación e unha importante redución no seu escaso nivel de renda", toda vez que as persoas pensionistas "na súa gran maioría padecen enfermmidades crónicas" que as levan a consumir "un 30% máis de medicamentos que o resto da poboación".

O gasto en medicamentos nos fogares dos pensionistas supera os 20 euros ao mes, segundo os cálculos da AGDSP

"Recentes estudos -detallan- demostran que os pensionistas pagan unha media de 11,18 euros ao mes por medicamentos" e, dado que o 61,4% dos mesmos "teñen parella que non perciben outra pensión, o pagamento mensual por medicamentos das unidades familiares de pensionistas ascende a 22,36 euros ao mes, o que supón unha redución do 3% na súa renda". Se a estes copagamentos "engadimos o pagamento polos medicamentos aos que o Goberno retirou todo o financiamento e que consomen, sobre todo, enfermos crónicos -serven para tratar a tos, o estrinximento, as diarreas, as dores de pernas...- este impacto é aínda maior.

O copagamento adiantado de próteses e cadeiras de rodas ou a fin das ambulancias non urxentes de balde son outros dos factores a ter en conta nun cálculo que, segundo a AGDSP, permite saber que estas persoas perderon ata o 5% da súa renda, "algo tremendamente inxusto e que incrementa a situación de penuria económica deste colectivo". Por todo isto, "dende AGDSP volvemos esixir a retiradad os copagamentos na sanidade e unha revisión á alza das pensións", conclúen.

Pensión media en euros/mes
Euskadi 1.059,58
Madrid 1.015,86
Asturias 1.013,85
Navarra 976,22
Aragón 894,76
Cantabria 893,3
Catalunya 887,06
Castilla y León 838,02
La Rioja 824,21
Canarias 802,13
Castilla-La Mancha 800,14
Comunitat Valenciana 789,41
Balears 785,94
Andalucía 779,98
Murcia 756,83
Extremadura 724,87
Galicia 721,78













 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.