Ribeira e Oia: os escenarios do lume

Equipos de extinción loitando contra o lume en Ribeira © Óscar Antón Pérez

A pasada semana Ourense (Monterrei ou Nogueira de Ramuín), dende este luns o Baixo Miño (Oia, Tomiño e O Rosal) e na noite deste martes o Barbanza. O lume comeza a afectar á meirande parte de Galicia, obrigando nalgúns casos ao corte de estradas e a desaloxos, ante a proximidade do perigo a vivendas e núcleos de poboación. Os incendios de Oia e Ribeira seguen activos, aínda que xa estabilizados, e no Baixo Miño mesmo se retirou o nivel 1 de alerta. Comeza o tempo do balance, mentres se multiplican as críticas á xestión forestal do Goberno galego e ao dispositivo de prevención e extinción da Xunta. Mírase tamén para o ceo, con previsión de tempo soleado nos vindeiros días, sen chuvias no horizonte, e coa posibilidade de vento, aínda que sen temperaturas altas.

A noite foi longa en Ribeira e en toda a comarca do Barbanza. Un incendio que se declarou pasadas as nove da noite afectou a zonas de monte e mato moi próximas a vivendas, núcleos de poboación, depósitos de gas natural, e mesmo ao Polígono do Xarás, que tivo que ser desaloxado, ou á autovía do Barbanza, que permaneceu cortada durante horas. O lume comezou na saída de Palmeira da autovía, cruzouna en poucos minutos e estendeuse rapidamente. A chegada da noite impediu a actuación dos medios aéreos e houbo que recorrer a brigadas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, así como aos bombeiros para controlar as lapas. A Xunta decretou o Nivel 1 ás 21:46 horas deste martes como medida preventiva, pola súa proximidade a varios núcleos de poboación.

A densidade da vexetación nos montes da zona e o forte vento do nordés que sopraba axudaron a propagar o incendio, dificultando o seu control, e este vento tamén levou unha mesta columna de fume negro cara ao mar, cubrindo a embocadura da ría de Arousa. As brigadas tiveron que traballar durante toda a noite e en moitos momentos chegouse a temer que o lume chegase ao Hospital do Barbanza, defendido por estas mesmas brigadas. As lapas tamén chegaron até a estrada Ribeira-Porto do Son, que tivo que ser cortada durante un tempo, deixando case incomunicada a Santa Uxía de Ribeira. Na extinción colaboraron medios humanos e materiais do Distrito IV da Barbanza e dos distritos do arredor, chegando motobombas e persoal de Tragsa e da Consellaría do Mar e Medio Rural desde Lalín, A Estrada e Catoira. Esta mañá, arredor das 9.40 comezaron as labores de control do lume tamén por parte dos medios aéreos que efecturaron varias pasadas.

En Oia a Xunta mantén a cifra oficial de 1.200 hectáreas queimadas, aínda que outras fontes, coma os propios equipos de extinción ou o alcalde da localidade, a elevan ás 1.500 ou 1.800. Máis aló das magnitudes cuantitativas, este incendio iniciado na tarde do luns e que afectou tamén a Tomiño e O Rosal semella ter causado un importante dano medioambiental e patrimonial, como destaca Valminor.info, que se puxo en contacto con membros da Asociación Sos Groba, que amosaron a súa "preocupación" polas perdas que puido ocasionar. De igual xeito, Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoranos, sinalou que corren o risco de desaparecer varios petróglifos que se atopábanse cubertos de maleza. Tamén se puideron ver afectados os coñecidos muíños do río Folón.

Si están extinguidos os incendios que afectaron a Cualedro e Monterrei e os focos que se rexistraron en Rodeiro ou Cotobado, ademais doutros máis pequenos en Caldas ou Catoira.

 

Críticas á Xunta

Pachi Vázquez criticou que a Xunta abandonara as políticas de prevención dende hai cinco anos

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, ven de esixir a comparecencia no pleno da Cámara galega ao Presidente, Núñez Feijóo, para, “con humildade”, lograr un “consenso” sobre unha lei de Montes que “faga o monte rendible”, xa que, onde as explotacións forestais van ben, o non hai lumes. Vázquez criticou que a Xunta abandonara as políticas de prevención dende hai cinco anos: "Deixáronse de facer as políticas de limpeza de perímetros forestais en núcleos rurais. Unha das razóns polas que este ano se incrementaron notablemente os incendios adquiren a alerta de categoría 1, cando existe un perigo vital".

De igual xeito, o secretario provincial do PSOE ourensán, Raúl Fernández, afirmou este mércores que "a Xunta non fixo absolutamente nada por previr os incendios" e engadiu que os recortes levados a cabo polo goberno de Núñez Feijoo fixeron "máis vulnerable o medio rural, sen querer entender que sen un medio rural forte, Galicia será máis débil".

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, visitou este mércores as zonas afectadas polo incendio de Oia e O Rosal, acompañado pola deputada Carme Adán. Alí demandou do presidente da Xunta unha “política de transparencia sobre a información e de asunción de responsabilidades”. “Necesitamos que a Xunta asuma as súas responsabilidades e diga a verdade, xa que mente no número de incendios e a superficie afectada”, asegurou. Mentres a Xunta di que neste incendio arderon 1.200 hectáreas, “os que están no terreo falan de 1.200 en Oia e 1.200 no Rosal, ou sexa, o dobre do que sinala a Xunta”, destacou Vence.

“A estratexia de Feijóo de desfacerse do sistema de prevención no inverno ten graves consecuencias, como estamos vendo estes días”, engadiu o portavoz nacional do BNG

Para Vence os incendios destes días en Galicia “son o resultado de confiar en exceso no azar, na falla de política forestal agraria por parte da Xunta”. Tamén criticou que a Xunta "vén desmantelando o sistema centralizado de loita contraincendios que se comezara a montar desde o 2006". “A estratexia de Feijóo de desfacerse do sistema de prevención no inverno ten graves consecuencias, como estamos vendo estes días”, engadiu o portavoz nacional do BNG, quen asegurou que ese desmantelamento dos servizos ten un grave custo para o país. “Subcontratar servizos a empresas privadas sae máis barato ou máis caro que manter o servizo baixo xestión pública? Moito nos tememos que o custe para as contas públicas será superior”, manifestou Vence.

Este venres ás 11.30 horas a Asemblea Galega contra o Lume, da que forman parte a Federación Ecoloxista Galega, Adega, Verdegaia, SLG, a Plataforma Fragas do Eume, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, o Foro Social de Cangas ou Fuco Buxán, entre outras entidades, entregará no rexistro da Xunta, en San Caetano, as sinaturas recollidas pola súa petición para que o Goberno galego mude a súa política forestal.

Son algunhas das voces críticas que nos últimos días veñen denunciando a ineficacia do dispositivo de prevención e extinción da Consellería de Medio Rural. O BNG solicitou que o presidente da Xunta comparecese no Parlamento para dar explicacións e Apropiga, asociación que agrupa os profesionais do Servizo Público de Prevención e Extinción Contra os Incendios Forestais, denunciou a actuación de "brigadas incompletas e pouco profesionais, recortes, condicións laborais precarias, desorganización, improvisación e mentiras sobre a situación actual que a Consellería conta á opinión pública".

Animais preto da superficie queimada no incendio de Oia © @BrifLaza
O lume mantivo en alerta durante toda a noite aos veciños e veciñas de Ribeira © anxavaleiras
As lapas achegáronse en moitos momentos a vivendas e núcleos de poboación © anamari_RG
O incendio de Oia afectou aos muíños do Folón © @JoseRodrguez2
As brigadas de extinción traballaron durante toda a noite en Ribeira © Óscar Antón Pérez
O lume obrigou a cortar a autovía do Barbanza e a estrada Ribeira-Porto do Son © Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.