0 Gardados para despois

O incendio de Oia puido danar o meirande petróglifo de círculos concéntricos de Europa

Redacción | @prazapublica

O incendio que nos últimos días queimou máis de dúas mil hectáreas no Baixo Miño puido causar un gran dano, medioambiental e patrimonial, que aínda de ser avaliado. O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) amosou nos últimos días a súa preocupación polo estado dos petróglifos do Monte Tetón. Valminor.info informa este venres sobre os prexuízos que puideron sufrir estes valiosos elementos patrimoniais, en especial o das Portaxes, que garda o gravado rupestre de círculos concéntricos máis grande de Europa.

O chan da zona segue ardendo polo subsolo, e as brigadas e o helicóptero traballan para enfríar o chan e impedir novos rebrotes pola acción do vento

Nin os responsables do IEM nin os xornalistas de Gondomar TV puideron aínda acceder á zona do ecoparque arqueolóxico do Monte Tetón, en Tomiño, para comprobar o seu estado. Xilberte Manso, do IEM, sinalou o pasado mércores que estes petróglifos atopábanse cubertos de maleza nos días previos ao incendio e denunciaba que "esta falla de conservación do patrimonio fai que sexan máis vulnerables aos efectos do lume, polo efecto directo do lume que produce a fragmentación das capas superficiais das rochas (termoclastia), e a posible desaparición parcial ou total dos mesmos, como xa sucedera no ano 2006". Como lembra Valminor.info, o chan da zona segue ardendo polo subsolo, e as brigadas e o helicóptero traballan para enfríar o chan e impedir novos rebrotes pola acción do vento.

As lapas tamén ameazaron os muíños do Folón; ningunha das 67 construcións, algunha datada nos século XVII e XVIII, foi destruída, pero o lume rodeou a zona durante horas e si queimou completamente o camiño de acceso e toda a vexetación da contorna. O guía deste emblemático espazo, que cada ano é visitado por máis de 20 mil persoas, laiábase en Faro de Vigo de que a destrución do entorno e a falta de vexetación provoca que o lugar non sexa "o que era". As lapas afectaron tamén valiosos ecosistemas, fauna e flora da Serra da Groba.

 

Críticas ao alcalde do Rosal, aínda de vacacións

O voceiro local do BNG, Alonso Pereira, critica que "cinco días despois do maior incendio sufrido no noso concello", o alcalde do Rosal "aínda non suspendera as súas vacacións

O BNG do Rosal solicita que a Xunta e o Goberno central implementen "de maneira urxente" as medidas necesarias dirixidas a paliar os danos causados e a recuperación do monte afectado pola vaga de incendios e revise de xeito inmediato o dispositivo de defensa contra incendios forestais. O voceiro local do BNG, Alonso Pereira, critica que "cinco días despois do maior incendio sufrido no noso concello", o alcalde do Rosal "aínda non suspendera as súas vacacións e se puxera ao fronte destas demandas". Pereira indica que "todo o mundo ten dereito a vacacións, o alcalde tamén, pero ante a gravidade do ocorrido, o normal sería que o máximo mandatario do concello exercera as súas responsabilidades".

Nese senso denuncia que o pasado martes de madrugada, despois de que algunhas familias foran desaloxadas das súas casas polo perigo que corrían de que foran pasto das lapas, non houbo un dispositivo para realoxalas e tiveron que “buscar a vida” por elas mesmas en casas de veciños ou familiares.
"Afortunadamente", conclúe Alonso Pereira, "a cooperación e solidariedade veciñal estivo a altura das circunstancias", cousa que "bota en falla" por parte do alcalde.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.