"A única banda organizada responsable dos lumes é a que deseña as políticas forestais de Galicia"

Representantes de CNT, SEAGA, CC.OO., CIG e UGT nos servizos de extinción CC-BY-SA Praza Pública

"Son datos extraordinariamente positivos", afirmaba este mesmo xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, despois de valorar a sucesión de incendios forestais que está a sufrir Galicia e o propio dispositivo de prevención e extinción, do que destacou a súa "eficacia" e "coordinación", ao tempo que volvía incidir na intencionalidade dos lumes. Porén, as súas palabras foron contestadas de forma contundente este venres pola Plataforma na defensa do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, que agrupa aos principais sindicatos e comités de empresa dos diferentes medios que actúan na loita contra os incendios forestais en Galicia (CCOO, CIG, CNT, UGT, Comités do SPDCIF da Xunta de Galicia, Comités de Empresa de SEAGA, brigadas municipais, Tragsa e Natutecnia).

"Os concellos están en crise e necesitan este tipo de actividades para contratar a quen queiran. Aquí empréganse cartos públicos para pagar favores políticos e por iso arde o monte"

Todos eles incidiron na "descoordinación" e o "caos" que se está a vivir estes días nos montes galegos, ante a fragmentación dos equipos de extinción e a limitación dos seus recursos. Fernando García (CIG) denunciou que "temos un dispositivo fraccionado nunha miríada de entes e administracións actuantes no incendio" e apuntou que "iso depende dunha medida política", unha medida política que se adopta "porque este ano se quixeron devolver competencias aos concellos para pagar favores políticos e que os alcaldes o poidan rendibilizar en votos. Os concellos están en crise e necesitan este tipo de actividades para contratar a quen queiran. Aquí empréganse cartos públicos para pagar favores políticos e por iso arde o monte". "Onte a Xunta aprobou a lei de racionalización da administración para evitar duplicidades, pero aquí en cambio hai multiplicidades", concluíu.

García fixo a Núñez Feijoo responsable da situación e afirmou que fronte ás informacións que remiten á existencia dunha "banda organizada, cun mesmo modus operandi nos lumes de Boiro e Ribeira", a "única banda organizada responsable dos lumes é a que deseña as políticas forestais de Galicia". "En termos políticos o pirómano é Feijoo. O pirómano é o responsable inmediato, pero se a Xunta non toma as medidas necesarias, é o responsable mediato. O monte arde porque quen ten o poder político impide que se apague", subliñou. E botou man das declaracións do propio Feijoo en 2006: “Debería haber un dispositivo único e un mando unificado no que se coordinen todos os medios autonómicos, estatais, locais e un verdadeiro gabinete de crise permanente”. 

"A explotación do monte e a súa rendibilidade económica é o primeiro instrumento de prevención contra o lume”

María José Fuentes (CC.OO.) criticou que a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, “vaia facerse fotos” e reduza o problema á existencia de incendiarios: “os lumes sempre foron intencionados, aí están os estudos e os datos ano tras ano. Do que se trata é de que haxa un traballo de prevención e un dispositivo de extinción eficaz”. Fuentes tamén pediu “gran pacto social e político, no que estean os partidos, os sindicatos e todas a entidades que estean relacionadas pola súa actividade co monte, para conseguir unha política de prevención real, un plan forestal para poñer en valor o monte e se fixe poboación no rural, pois a explotación do monte e a súa rendibilidade económica é o primeiro instrumento de prevención contra o lume”.

Tamén critican que "a UME aparece como os grandes salvadores en todos os incendios, e en cambio cando se ven imaxes deles aparecen a pé de pista e coas fundas limpas"

Entre as ineficiencias do dispositivo, destacaron a externalización de actividades para empresas privadas como Naturtecnia, ou o uso que das brigadas municipais se fai en moitos concellos, "unha mostra do modus operandi feudal do PP", que en moitos casos -denuncian- se ocupan de labores non relacionados coa protección dos montes. Tamén se criticou que "a UME aparece como os grandes salvadores en todos os incendios, e en cambio cando se ven imaxes deles aparecen a pé de pista e coas fundas limpas", denunciando "unha ocultación do persoal que realmente apaga o lume". "Os traballadores non queremos felicitacións do presidente da Xunta", dixo María José Fuentes, "o que queremos é que se poñan todos os medios para que haxa un dispositivo único, público e profesional que sexa xestionado directamente pola Xunta de Galicia".

De igual xeito, puxéronse en dúbida as cifras ofrecidas pola Xunta, que salientou que hai ao redor de sete mil persoas traballando nos labores de extinción. Calculan que esta cifra non é superior ás 4.500 persoas, pero afirman que non é posible coñecer o número exacto, pois moitas das vacantes nas brigadas municipais non se chegaron a cubrir. Por exemplo, Fuentes lembrou que en Oia o 20% dos postos estaban vacantes. Neste senso Peter Brea (Seaga) apuntou que "se fose certo que hai sete mil persoas, non nos teríamos que desprazar as tres quendas das brigadas do distrito 2, da Coruña, para apagar os lumes en Cualedro, Ourense, Oia, Boiro ou Ribeira". 

Chaman á mobilización da sociedade galega, porque "este non é un problema laboral, senón un problema social"

Chaman á mobilización da sociedade galega, porque "este non é un problema laboral, senón un problema social", e alertaron de que o mantemento da temperaturas altas, baixa humidade e forte vento pode facer que o número e incidencia dos lumes se incremente en setembro. 

 

Comité de Defensa do Monte Galego

Ante a situación creada a CIG considera "imprescindible" retomar a actividade do Comité de Defensa do Monte Galego e convoca a unha xuntanza aberta a todas as persoas, asociacións e colectivos que queiran participar, que terá lugar o vindeiro martes 3 de setembro ás 19.30 horas na sede do sindicato en Compostela. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.