A Mineira de Corcoesto, denunciada por recibir supostas subvencións ilegais

Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a través das asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza, vén de presentar unha denuncia ante o Ministerio de Industria polo presunto cobro irregular de subvencións por parte da empresa Mineira de Corcoesto, S.L.

A empresa empregou os cartos para realizar estes traballos de prospección nas concesións Julia 2 e Julia 3

A empresa mineira obtivo no ano 2013 unha subvención por importe de 150.000 euros, e no 2012 outra de 200.000 euros para realizar investigacións sobre "novas reservas mineiras" e outros estudos sobre hidroxeoloxía e xeotecnia. Pero estas subvencións concedidas pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo estaban destinadas á realización destes traballos dentro do ámbito das concesións do proxecto mineiro de Corcoesto, nas concesións Ciudad de Landró, Ciudad de Masma e Emilita. Porén, a empresa empregou os cartos para realizar estes traballos de prospección nas concesións Julia 2 e Julia 3, en Coristanco, feitos polo que a propia Xunta de Galicia incoou expediente sancionador a Mineira de Corcoesto, por carecer de autorización administrativa previa da Delegación Territorial de Minas e de Augas de Galicia.

A Plataforma demándalle ao Ministerio de Industria que solicite o reintegro das subvencións

Segundo denuncia a Plataforma, isto supón a vulneración das bases da convocatoria destas subvencións, que establecen como requisito imprescindible, que as empresas solicitantes deben ser titulares do aproveitamento do dominio mineiro obxecto do proxecto presentado. O colectivo demándalle ao Ministerio de Industria que proceda á revisión dos expedientes polos que concedeu as subvencións a Mineira de Corcoesto, S.L., e que, de xeito inmediato, solicite o reintegro das mesmas.

 

"Falseamento de datos"

A empresa afirma que "non hai vivendas, nin labores agrícolas, gandeiros, de infraestruturas ou de produción que determinen a presenza de modo permanente ou durante longos períodos na zona potencialmente afectada"

A Plataforma afirma igualmente que tivo acceso á información remitida por Mineira de Corcoesto á Xunta de Galicia. Nesta documentación, a empresa sinala que “…las personas que podrían verse afectadas, que no sean los trabajadores, no se espera que estén presentes de forma permanente o durante largos períodos en la zona potencialmente afectada” e que "no hay viviendas, ni labores agrícolas, ganaderas, de infraestructuras o de producción que determinen la presencia de modo permanente o durante largos períodos en la zona potencialmente afectada".

O colectivo denuncia que estas afirmacións "a parte de falsear a realidade da zona afectada polo proxecto", amosan "o absoluto desprezo que a empresa ten pola poboación afectada, a súa falta de ética e a absoluta falta de compromiso e de respecto co medio de vida e coa saúde da xente". E pregúntase "que é o que espera facer a empresa coas poboacións das parroquias afectadas polo proxecto mineiro e as que limitan coa explotación, que viven e traballan de xeito permanente alí, no desenvolvemento de actividades agrícolas, gandeiras e forestais".

Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.