Unha manifestación pedirá o 29 de setembro "unha nova política forestal"

Prensentación en rolda de prensa da mobilización © CIG

A Plataforma en Defensa do Servizos Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación que o vindeiro 29 de setembro demandará en Compostela "unha nova política forestal" e "un servizo único, público e profesional de prevención e extinción", ademais de "fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores naturais, ambientais e paisaxísticos" e mais "a creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados". A marcha partirá ás 12 do mediodía dende a Estación de Tren.

A Plataforma fai un chamamento ás galegas e galegos a "exixir" a fin desta situación que “a incapacidade política non ou non quere resolver”

Os seus organizadores salientan que, se ben até agora as reivindicacións e accións de protesta convocadas pola Plataforma estiveron vinculadas "a demandas estritamente laborais", nesta manifetación anímase a toda a poboación a acudir para esixir un cambio nas políticas do Goberno galego. Neste senso, lembraron que na Plataforma xa están integradas entidades ecoloxistas como ADEGA ou Verdegaia e que xa manifestaran o seu apoio organizacións como o Sindicato labrego Galego ou a de Montes en Mancomún. A Plataforma fai un chamamento ás galegas e galegos a "exixir" a fin desta situación que “a incapacidade política non ou non quere resolver” e reclamar o consenso político que consideran necesario para levalo a cabo “sen empregar os incendios para desgastar politicamente cando interesa”.

A Plataforma considera que a realidade vén demostrar que a liña de actuación do Goberno galego “fracasa na xestión forestal, fracasa na ordenación do territorio e no medio rural e fracasa na planificación da prevención e da extinción”. Unha postura, aseguran, “que lonxe de xerar cultura para evitar os incendios forestais crea un problema social” como entende que se demostra cando despois de máis de corenta anos de lumes e de queimar unha superficie parella a todo o territorio “aínda non fomos quen de atopar unha solución axeitada”.

As entidades e colectivos profesionais que a compoñen denuncian “a inexistencia dunha planificación da tarefas de prevención en todo o territorio e previa ao verán”

As entidades e colectivos profesionais que a compoñen denuncian “a inexistencia dunha planificación da tarefas de prevención en todo o territorio e previa ao verán”, especialmente nas zonas de máis alto risco ou alto valor ecolóxico ou paisaxístico. “Facer desbrozar ás brigadas de extinción en agosto non é prevención, é un burdo paripé mediático”, afirman e engaden que falta unha política forestal que entenda o monte como algo máis que un subministrador de madeira barata para triturar ou queimar, fomentando especialmente pirófitas, o que “constitúe outro erro fatal que paga ano tras ano o noso monte”. A Plataforma entende que “só unha ordenación do territorio que entenda o medio rural como fonte de riqueza, de emprego e de sustentabilidade será o primeiro paso para rematar coa mesma historia de todos os anos”. Defende que estas políticas deben buscar evitar "o despoboamento do rural", favorecendo o acceso aos servizos básicos, evitando a forestación das terras agrícolas e convertendo o mesmo nunha fonte de emprego e riqueza. “Só cando a xestión sustentábel do monte e do rural sexa unha posibilidade de traballo real para moitos, será cando a poboación no seu conxunto defenda dos lumes”, conclúen.

 

Fragmentación e privtización do servizo

A Plataforma entende que “só unha ordenación do territorio que entenda o medio rural como fonte de riqueza, de emprego e de sustentabilidade será o primeiro paso para rematar coa mesma historia de todos os anos”

De igual xeito, denuncian o “despedazamento e subasta do servizo de prevención e extinción, en máis de dez entes distintos, co “agravante” de “privatizar parte deste e promover así a ‘economía do lume’ con empresas privadas”, que consideran “ten provocado este ano importantes problemas de desorganización e descoordinación que incidiron no tempo de extinción, na extensión e na duración dos incendios”. “O actual goberno decidiu sacudirse a súa responsabilidade coa contratación de gran parte do dispositivo a través das brigadas municipais, e a falta de experiencia, formación e descoordinación converteron este sistema en inviábel, o cal xa fóra diagnosticado tras da vaga de lumes do ano 2006”. Reclaman "un servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción que alén de apagar os lumes realice labores de prevención nas zonas de alto risco e maior valor ecolóxico, contratado e xestionado única e directamente pola Xunta".

Reclaman "un servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción que alén de apagar os lumes realice labores de prevención nas zonas de alto risco e maior valor ecolóxico"

O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, asegurou en rolda de prensa que non é certo que se vaia ampliar este ano a actividade das brigadas de extinción, como afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. E alertou de que a finais deste mes 400 traballadores e traballadoras do Servizo Público de Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), nomeadamente vixiantes de torreta e motobomba, finalizan os seus contratos e que 500 empregados e empregadas de Seaga cesan entre os días 5 e 7 de outubro.

 

Marchas previas á manifestación

Previamente á manifestación, a Plataforma convoca unha semana de loita, que comezará cunha concentración o día 24, ás 11:30 horas, diante do SPDCIF e continuará con marchas en diferentes zonas do país afectadas pola vaga de lumes, ás que chaman a participar a veciñas e veciños, colectivos, asociacións ecoloxistas e organizacións de todo tipo. Este é o calendario das marchas:

Mércores 25, ás 16:30: Desde Burgueira (Oia) até Baiona
Xoves 26, ás 16:30: Desde As Neves até Ponteareas
Venres 27, ás 16:30: Desde Pontecaldelas até Pontevedra
Sábado 28, ás 17:00: Desde o Monte Xiabre até Vilagarcía
Domingo 29, ás 10:00: Desde o Milladoiro até Compostela.

 

Prensentación en rolda de prensa da mobilización © CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.