CuacFM faise maior de idade

Asemblea de Cuac FM Dominio Público Cuac FM

A emisora comunitaria da Coruña celebra este sábado unha asemblea aberta a todas as persoas e colectivos interesados en participar na nova tempada da radio, que celebra os seus 18 anos. O encontro terá lugar no Centro Universitario de Riazor (C.U.R.) a partir das 10.30 da mañá. Despois dun ano moi axitado, no que Cuac FM mobilizou a cidadanía coruñesa e os colectivos sociais da cidade no obxectivo de facerse cunha frecuencia de emisión do concurso de licencias convocado pola Xunta. O concurso, dirixido unicamente a emisoras comerciais, finalmente outorgoulles as tres frecuencias en xogo na Coruña a Cope, Radio Marca e Intereconomía. En calquera caso, o TSXG decidirá nos vindeiros meses sobre a demanda presentada pola Rede de Medios Comunitarios contra o concurso, que podería quedar invalidado.

En outubro, sexa de forma legal ou alegal, Cuac FM (103.4) comezará unha nova tempada de emisións, a décimo oitava, mantendo os seus obxectivo de ser unha canle aberta para que calquera persoa ou colectivo poida emitir un programa de radio. As novas propostas de programas e contidos que se realicen na asemblea do sábado e nos días seguintes uniranse aos 406 programas que a emisora suma en case dúas décadas. As emisoras comunitarias, moi numerosas e recoñecidas legalmente na meirande parte de Europa, non son ilegais en España, senón que se atopan nunha situación de alegalidade, recluídas nunha grella radiofónica dominada polas emisoras comerciais que decote invaden as súas frecuencias e que maioritariamente emiten en cadea dende Madrid, reducindo ao mínimo as emisións realizadas en Galicia ou en galego.

Cuac FM comezou as súas emisións o 27 de marzo de 1996, a partir do Club de Prensa da Universidade da Coruña, e do Colectivo de Universitarios Activos. En 2002 tivo que trasladar as súas instalacións e en 2003 renovou as súas emisións, contando coa colaboración de Xurxo Souto e Manuel Rivas. Dende entón mantívo unha actividade intensa, promovendo a constitución da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (2006) e da Red de Medios Comunitarios (2009), que agrupa todas as emisoras españolas, e da que Cuac FM é a sede local e na que Mariano Fernández Cabarcos se ocupa da Secretaría e da Coordinadora de Lexislación. Falamos con el sobre a nova tempada de Cuac FM.

"Non é un logro noso, senón da propia cidadanía coruñesa, unha sociedade moito máis dinámica e activa do que se quere facer ver"

18 anos, 400 programas, e seguides aí. Como se consegue?

406, de feito. Realmente non é un logro noso, senón da propia cidadanía coruñesa, unha sociedade moito máis dinámica e activa do que se quere facer ver. A nosa intervención consiste en manter a porta aberta, facilitar o acceso ao medio, reducindo en todo o que podemos os obstáculos que podan botar para atrás a calquera persoa ou colectivo con interese en comunicar a través da radio. Procurar que os custes sexan razoables, e que o traballo se reparta do mellor xeito posible.

"O mellor momento, cando ves a cara de tensión e ao mesmo tempo de ilusión de cada programa que comeza. Impagable"

Cal foi para ti o mellor e o peor momento en Cuac nestes anos?

O peor o peche de maio de 2002, que nos tivo fora das ondas até o 1 de outubro de 2003. Non deixamos de traballar para volver, pero estivemos preto de desaparecer. Non tiñamos plan B nin nada parecido. O que pasa é que o que non te mata, faite máis forte. Agora temos plan B, C, D... O mellor momento, cando ves a cara de tensión e ao mesmo tempo de ilusión de cada programa que comeza. Impagable. Quen levamos moito en Cuac temos decenas ou centos de mellores momentos. Sen dúbida o mellor deste tinglado son as persoas.

Sentides que tedes o apoio da cidadanía, dos colectivos sociais da Coruña e arredores?

Cada vez máis. Nos últimos anos formamos parte da paisaxe e pensamos que pouco a pouco se vai asentando a idea que nós lle propoñemos á cidade: que Cuac non é da xente que está na emisora nun momento concreto, senón que é patrimonio da cidadanía da Coruña. Hai que dicir que temos sorte de que na cidade hai un extraordinario tecido asociativo, traxicamente invisibilizado, que sempre está disposto a botar unha man. Cuac o que pretende é estar a altura dese compromiso.

"Temos sorte de que na cidade hai un extraordinario tecido asociativo, traxicamente invisibilizado, que sempre está disposto a botar unha man. Cuac o que pretende é estar a altura dese compromiso"

CuacFM caracterízase pola súa pluralidade e apertura. É esa a esencia dun medio comunitario?

Para a definición de Cuac coma medio, o libre acceso é esencial, si. Dende o noso punto de vista non é unha condición suficiente pero sen dúbida é necesaria. Malamente podemos ser a voz da comunidade se de principio establecemos un sesgo. A comunidade na que nos movemos é plural, logo Cuac é plural. É evidente que temos máis programas feitos "dende abaixo á esquerda", coma di o noso compañeiro Iago Martínez, pero é algo que acontece de xeito natural, non é algo buscado pola asociación. Tamén temos contidos dende outras ópticas, e o mellor de todo é que o ambiente interno é moi bo, eu diría que fraternal..., xa dicía que o mellor de todo son as persoas.

"Para a definición de Cuac coma medio, o libre acceso é esencial"

CuacFM distinguiuse tamén por manterse (a pesar das limitacións económicas) sempre actualizada en materia de tecnoloxía. Supoño que segue sendo unha preocupación para vós. Tedes algún proxecto en marcha neste ámbito?

As cousas novas que poden ser de uso ordinario incorporámolas rapidamente, así fixemos co podcasting, co streaming ou coas aplicacións en mobilidade (android, iOS, Nokia...), e hai anos que temos videotitoriais colgados en youtube con material formativo. Fomos a primeira emisora local en implementar todo isto. A iso axuda moito que temos persoas moi á última nestas materias, e que normalmente os medios comunitarios estamos abertos a probar cousas que nos podan achegar máis incidencia con custes asumibles. Non deixamos de vixiar as cousas novas que aparecen para incorporalas á menor oportunidade. Agora mesmo máis que proxectos temos ideas, hai unha idea un tanto faraónica pero que nos fai moita ilusión, que é a radio para persoas xordas. O problema é que nós non temos a tecnoloxía, e que o traballo do día a día nos fai imposible desenvolver proxectos desta magnitude. Pero se hai algún executivo de Google que lea Praza Pública e queira usar o seu inmenso poder para o ben, xa sabe... jeje.

"É moi difícil vertebrar un territorio se temos un acceso máis doado ás novas de Hong Kong que para saber o que acontece na rúa do lado"

O espectro está dominado polos grandes grupos radiofónicos, que ademais emiten en cadea case todo o tempo, deixando franxas moi limitadas para a programación local. Estamos desaproveitando en Galicia un soporte con moitas posibilidades?

Sen dúbida. En especial polas particularidades da nosa poboación, tan dispersa. Lamentablemente a comunicación de servizo público cede ante os intereses empresariais, e non vexo que os poderes públicos interveñan para evitalo. É moi difícil vertebrar un territorio se temos un acceso máis doado ás novas de Hong Kong que para saber o que acontece na rúa do lado. Os intereses minoritarios quedan esquecidos, as minorías invisibilizadas... E non so iso, temos moita xente maior vivindo en núcleos de poboación pequenos que están abandonados, que non teñen acceso a medios propios nin sequera coma receptores. As radios municipais deberían cubrir esas necesidades pero os custes desta infraestrutura para un concello pequeno poden ser demasiado gravosas, sen entrar en temas coma a instrumentalización política, que de todo hai. En Francia, por exemplo hai 600 emisoras comunitarias que contribúen a prestar este servizo, nunha illa coma Malta hai 40, nun pais pequeno coma Dinamarca 140, en todo o Estado español pasamos por pouco dos 100, estamos en retroceso e moi poucas de nós estamos, ou chegamos, ao rural. Dende o meu punto de vista é un erro dramático.

"En Francia, hai 600 emisoras comunitarias que contribúen a prestar este servizo, nunha illa coma Malta hai 40, nun pais pequeno coma Dinamarca 140, en todo o Estado español pasamos por pouco dos 100"

Que lles dirías ás persoas ou colectivos que poden estar pensando en ter un programa para animalos a facelo?

Que non o dubiden, é unha experiencia única. Que van poder dicir o que queiran, que van ter a oportunidade de coñecer persoas interesantes, entrar en contacto con outras realidades, que van aprender cousas novas, e que van poder botar unha ollada entre as bambalinas deste teatrillo que chaman opinión pública. Ademais, se non lles convence sempre o poden deixar, que non encadeamos a ninguén aos micrófonos. 

Asemblea de Cuac FM Dominio Público Cuac FM
O estudio de Cuac FM CC-BY-NC Cuac FM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.