0 Gardados para despois

Castela e León recorta en educación suprimindo clases de galego no Bierzo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Máis dificultades para a lingua galega no Bierzo. A Junta de Castela e León decidiu suprimir o programa de inmersión lingüística de galego no IES Bergidum Flavium de Cacabelos, un dos catro centros de secundaria nos que se imparte lingua galega na comarca e o único desta localidade, ao suprimir esta materia optativa do Bacharelato. E faino de súpeto, pouco antes de comezar o curso e logo de que os alumnos estivesen xa matriculados.

A Junta decidiu suprimir a materia de galego un día antes de comezar o curso e cos rapaces xa matriculados

Así o denuncia a Anpa do centro e o confirman a Praza membros do consello escolar. "Eliminouse da carteira de materias optativas de bacharelato a do Programa de Inmersión Lingüística do Galego", aseguran os representantes dos pais e nais de alumnos, que advirten de que os rapaces xa estaban matriculados e cos libros e material necesario para o curso pagado. A xustificación que pon a Junta para a supresión do profesor de galego no Bacharelato é a da necesidade de recortes, malia que, como recordan as familias, a docencia de lingua galega no Bierzo é froito dun pacto institucional entre as comunidades autónomas de Galicia e Castela e León e que agora se estaría incumprindo.

"Non se entende que non se cumpra un acordo entre institucións e que se rache por parte dunha Dirección Provincial", vén de denunciar CCOO do Bierzo, que censura tamén que a medida "se comunicase un día antes de empezar o curso, cando o alumnado xa pagara os libros e o material requirido", explica.

Aprobar a materia de galego en Bacharelato é a única maneira de obter o Celga III para estes alumnos

O caso é aínda máis grave para os alumnos, xa que cursar e aprobar as materias de galego no Bacharelato é a única opción para obter o Celga III, obxectivo que moitos deles se marcaran logo de obter o Celga II tras o seu paso por Secundaria. "Seica agora se precisaba un profesor máis e non llelo queren poñer; non sei se o fan por recortar ou por cargarse o galego", denuncia unha das afectadas.

A supresión destas materias optativas supón, xa que logo, que se corte no último chanzo o proceso de aprendizaxe de galego que os rapaces levan a cabo xa desde os seus estudos nos máis de dez centros de Infantil e Primaria que tamén imparten clases de lingua galega en Vilafranca do Bierzo, Ponferrada ou Cacabelos.

Uns 1.000 alumnos cursan lingua galega no Bierzo

Durante esta semana, reunirase o consello escolar do IES Bergidum Flavium onde se informará a pais e profesores dos recortes que veñen impostos desde a Junta de Castela e León. Segundo fontes consultadas por Praza, as familias e alumnos afectados prevén manter a súa matrícula na materia e presionar a administración para que lles facilite o profesor necesario para continuar coa aprendizaxe da lingua galega. Colectivos a prol da diversidade lingüística e do galego no Bierzo advirten de que recortes coma este poñen en perigo un programa que para nada estaba consolidade aínda na comarca.

Malia as dificultades para estudar galego e os "atrancos" da Administración castelá-leonesa que desde hai anos denuncia o colectivo Fala Ceibe, son uns 1.000 alumnos os que acoden a clases de lingua galega nos diferentes centros que se acolleron ao programa conxunto entre a Xunta e a Junta no Bierzo occidental. Non é a primeira vez que se denuncia a supresión de materias de galego en diferentes centros da comarca. Familias de alumnos do CEIP Jesús Maestro de Ponferrada protestaron o ano pasado pola eliminación da materia optativa no primeiro curso de Primaria.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.