Para ADEGA, SGHN e Verdegaia o lume é consecuencia da falta de planificación na política forestal

O lume, dende o monte da Mariña © Verdegaia

Os tres colectivos sinalan como causas a ausencia dun programa forestal no parque natural -o que permitiu a extensión dos eucaliptais na zona-, a redución do caudal do Eume -utilizado para encher a lagoa artificial das Pontes-, e a redución do investimento da Xunta nas políticas de prevención e no persoal encargado de coidar os espazos naturais.

ADEGA, SGHN e Verdegaia denuncian que "aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escasez de humidade", as dimensións deste incendio non poden entenderse "se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza". As entidades ambientalistas critican que a pesar de que o espazo foi declarado Parque Natural en 1997, as Fragas aínda non contan co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, "o que favoreceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas". Os tres grupos sinalan ao respecto que unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirais, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.

A pesar de que o espazo foi declarado Parque Natural en 1997, as Fragas aínda non contan co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal

Tamén fan referencia ás políticas de prevención e extinción, denunciando que a Xunta "primou o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención". Por ese motivo, como sucedeu neste caso, "as Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas prácticamente inaccesibles debido ao abandono dos montes". Tamén se critica a precariedade de medios dos equipos de brigadistas e "a aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do cuidado dos espazos naturais", e ven no chamado realizado pola Xunta ao exército "a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes".

Tamén fan referencia ás políticas de prevención e extinción, denunciando que a Xunta "primou o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención"

Finalmente, os colectivos ambientalistas chaman a atención sobre o caudal e o réxime hídrico do río Eume, "moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes". Sinalan que "descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual" e advirten de que o menor caudal do río Eume "podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuindo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lunes gracias ao seu elevado nivel de humidade". 

Os colectivos ambientalistas chaman a atención sobre o caudal e o réxime hídrico do río Eume, "moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes"

Por estes motivos, ADEGA, SGHN e Verdegaia esixen a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume, do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente.

 

ADEGA denuncia a responsabilidade da Xunta

Un segundo comunicado de ADEGA, remitido aos medios o domingo pola noite, é máis explícito e duro na súa denuncia á "responsabilidade" do Goberno galego e considera que a política da Xunta é "tan delictiva coma a actuación dos pirómanos que lle puxeron lume" ao monte. En concreto, ADEGA denuncia o recorte de 20 millóns de euros nos orzamentos para prevención e 2 millóns para extinción, e critica a Lei de Montes, que -segundo denuncia- reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 hectáreas continuas.

ADEGA considera que a política da Xunta é "tan delictiva coma a actuación dos pirómanos que lle puxeron lume" ao monte

Finalmente, ADEGA chama a atención sobre "a redución e precarización dos operativos de loita contra o lume", a eliminación do voluntariado do monte, a suspensión das Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais, a desactivación das Unidades de xestión forestal (UXFOR) e a creación das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), que ao seu xuízo abern a porta á especulación do monte.

O lume, dende o monte da Mariña © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.