"Como van deter máis incendiarios se a Xunta non dedica medios á investigación?"

Incendio nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública

Os sindicatos UGT, CCOO e CIG denuncian que a Xunta "ten olvidada" a obriga da Administración para investigar as causas dos incendios forestais como "ferramenta imprescindible para a posterior detención dos culpables e para coñecer o motivo polo que se queima o noso monte, así como as razóns de tan alto grao de lumes que se producen en Galicia". As tres centrais poñen en valor o traballo que fan as brigadas de ivnestigación da Consellería de Medio Rural, formada por funcionarios medioambientais e axentes forestais, pero censuran que o Goberno "apenas dedica medios á investigación" dos incencios.

Os sindicatos denuncian que a Xunta "apenas dedica medios" á investigación das causas dos incendios

"Resulta positivo para o conxunto da cidadanía que se invista en investigación, pois deste xeito, ademais de intentar neutralizar os incendiarios dolosos, tamén se conseguiría evitar que se queime tanta superficie de patrimonio forestal galego", lembran os sindicatos, que cren "unha burla" da Xunta que cada ano "saia dicindo que se van endurecer as penas, que se vai perseguir máis ou que se van cobrar gastos de extincións aos que prenden lume".

"Todo iso parécenos ben, pero é evidente que non é algo que este Goberno queira facer de xeito decidido e usando todas as ferramentas, medios e persoal que ten ao seu alcance. Non é posible a detención de culpables sen unhas boas tarefas de investigación, entón, como se van a deter máis culpables se non se potencia o traballo de investigación?", pregúntanse CCOO, UGT e CIG, que xa denunciaron esta eiva desde a Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.

CCOO, UGT e CIG denuncian que a Xunta "derive" os labores de investigación a "organismos e empresas alleas á Administración"

Nun comunicado, as centrais critican que a Xunta "derive" estas responsabilidades de investigación propias "cara a organismos e empresas alleas á Administración galega" mentres "non dota de recursos aos 550 axentes forestais e medioambientais con competencias, coñecementos e experiencia necesaria para realizar estas investigacións, tal e como veñen demostrando durante todos estes anos".

"Para a Consellería este labor permanece practicamente no olvido e non mostra ningún interese por desenvolvela", insisten os sindicatos, que reclaman da Xunta de Galicia "a posta en valor do traballo de investigación de incendios a través de persoal propio da Administración galega e a súa potenciación dotando dos medios adecuados para a investigación aos corpos de axentes medioambientais e forestais que son axentes da autoridade e policía xudicial". "Esta é a única garantía xurídica que ten a cidadanía galega de que as investigacións cumpran coa legalidade", finalizan.

 

A Xunta prescinde do 60% dos condutores de motobomba

Por outra banda, a Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais manifesta o seu "rexeitamento" ás "temerarias medidas adoptadas pola Consellería de Medio Rural ao prescindir do 60% dos condutores motobomba do Spdcif (servizo de prevención e defensa contra incendios forestais)" cando o Goberno galego "acaba de comunicar aos medios que o período de alto risco aínda está sen rematar".

Os condutores motobomba do Spdcif son un total de 430 traballadores, dos que 82 traballan 12 meses, 86 fixos descontinuos de 9 meses e 262 fixos descontinuos de 3 meses. "O cesamento da actividade dos traballadores fixos descontinuos de tres meses do Spdcif supón o despido do 60%para o 30 de setembro do total do persoal da categoría Condutor Motobomba", denuncian.

Veciñanza loitando contra o lume en Cualedro © Óscar Pinal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.