Centos de persoas reclaman un servizo de extinción de lumes "único e público" en Galicia

Manifestación por unha nova política forestal CC-BY-NC-SA CIG

Varios centos de persoas marcharon este domingo en Compostela para exixir á Xunta un servizo de extinción de incendios "único, público e profesionalizado" que remate co "fraccionamento e atomización" que, segundo os manifestantes, está a padecer. Baixo o lema Non máis lumes, a mobilización percorreu as rúas da capital galega mentres a Plataforma pola Defensa dun Servizo Público de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais lembrou que a día de hoxe hai máis de 15 entidades, tanto públicas como privadas, que están a participar na extinción.

Os manifestantes reclaman a creación dunha mesa de diálogo que xunte partidos, sindicatos, ecoloxistas ou mancomunidades de montes

Segundo esta plataforma, e en palabras de Fernando García, un membro deste grupo e da CIG, o Goberno galego debe crear unha mesa de diálogo que xunte organizacións políticas, ecoloxistas, sindicais, agrupacións de montes en mancomunidade e sectores da sociedade."Temos outra vez a Galicia ardendo polo catro custados e o único que impediu que seguise queimándose foi a choiva", dixo, tras asegurar que os lumes debían ser "unha cuestión de Estado".

"Quen apaga ou lume? Nós e non a UME", "Menos propaganda e máis prevención", "Os lumes non se apagan coas palabras da Quintana", "Rosa Quintana dimisión" e "A nosa conselleira é unha mentireira", foron varias das consignas berradas polos manifestantes. Emilio Doforno, integrante da plataforma e membro de Comisións, pediu a dimisión do director xeral de Montes e dos responsables da Xunta en materia de incendios. "Non poden liderar esta nova etapa", engadiu, tras reclamar unha política forestal que poña fina a 22 anos e máis de 700.000 hectáreas queimadas.

Os convocantes lémbranlle á Xunta que o PP é "o partido con máis responsabilidade" nas décadas de incendios en Galicia

Así, Doforno lembrou que o PP gobernou durante 18 dos anos que abranguen esta estatística, polo que é a formación "con máis responsabilidades". Tamén chamou a atención nos "máis de 1.230 millóns de euros" que os gobernos da Xunta gastaron, segundo apuntou, nos últimos 22 anos en materia de incendios. En concreto, reparou en que estes supuxeron uns "30 millóns diarios" de pesetas.

Malia estes fondos, José Vázquez, membro da plataforma e de UGT, remarcou que "non hai limpeza" nos montes galegos porque "non existe" unha política forestal. "Vai haber lumes mentres teñamos leña no monte. Iso é combustible e, se non se retira, arde", sentenciou. En canto á proposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de modificar as leis para que a Policía autonómica poida sancionar os incendiarios, José Vázquez insistiu en que hai axentes forestais con "experiencia" para investigar estes casos. "Mentres non haxa unha investigación por xente que coñece o monte, a pescuda está coxa", asegurou.

Ademais, a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia tamén se uniu a esta protesta. En concreto, o seu portavoz, José Luis Pareja, subliñou que os bombeiros dos parques de xestión indirecta de Galicia -agora en folga- tamén sofren os problemas que carrexa o feito de que exista unha pluralidade de entidades públicas e privadas que traballan na extinción de incendios.

Por esta razón, denunciou a "formación escasa" que reciben os profesionais que traballan na extinción de lumes forestais e as "campañas trimestrais" nas que non se renova" aos traballadores.

Manifestación por unha nova política forestal CC-BY-NC-SA CIG
Manifestación por unha nova política forestal CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.