Os ecoloxistas acusan á Xunta de "opacidade" na xestión das Fragas

© Susete

Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia centran na ausencia de planificación dunha política forestal a causa da traxedia ecolóxica do incendio das Fragas do Eume. A falta dun programa forestal no parque, a redución do caudal do Eume ou a diminución dos medios de prevención e coidado son as claves para os colectivos ecoloxistas, pero expertos destas agrupacións, en especial aqueles que viven preto da zona, achegan máis claves. Entre elas, a “opacidade e falta de transparencia” do Goberno galego á hora de determinar a situación na que se atopa o bosque, a imposibilidade de que o incendio se deba a unha mala xestión por parte dos veciños e a falta de explicación aos motivos que puideron levar a alguén a prender lume. Non cren na conspiración: “Nin se nos ocorre quen foi capaz de facer tal barbaridade”.

“Pirómanos? É imposible que haxa tanto psicótico en Galicia; intereses madereiros? Pois tería que ser un empresario psicótico. Non teño nin idea, porque quen o fixo, ademais, sabía que poñía en risco vidas humanas, as dos veciños e as dos visitantes”, asegura Piedade Viñas, membro de SGHN e veciña da Capela, que aclara tamén que sería de tolos pensar nunha imprudencia dos veciños. “Neste concello non  hai incendios desde hai corenta anos; a xente de aquí non fai uso de lume para xestionar as matogueiras, agás nas brañas e de forma hipercontrolada. A xestión sempre foi perfecta e baseada en usos milenarios”, resume quen tampouco cre no ruxerruxe que atribúe o lume aos intereses no terreo onde se prevé a construción dunha mina andalucita. E dio quen loitou e segue loitando contra a súa instalación.

"Na Capela non hai incendios desde hai 40 anos; os veciños fan unha xestión do monte exemplar"

“Iso é mentira porque a zona onde se proxecta a mina, Pico Vello, está intacta; o lume comezou a tres quilómetros, así que creo que o dos intereses mineiros é mentira, hai que dicir a verdade”, explica. Mónica Harto, secretaria comarcal de Verdegaia e membro da xunta consultiva do Parque Natural das Fragas, tampouco achega demasiados argumentos a esa teoría. “A maior parte desa zona non está afectada, aínda que nos falta por saber se si se veu afectada un anaco; só arderon as zonas máis baixas dos lados do Pico Vello”, insiste, tras advertir que “se houbese algún interese, a Xunta debería poñerlle coto e protexer máis estes espazos”.

Os ecoloxistas non cren que a intención de construír unha mina na zona teña que ver co lume

O que tampouco aceptan é que o lume fose unha casualidade. Nin moito menos. Xabier Bruña, vogal de Medio Rural de Adega, acepta que “as condicións climáticas de seca e vento contribúen a empeorar a situación, pero non existen accidentes casuais”. “Os incendios no noso país teñen unha raíz, non son espontáneos”, di, tras insistir na “falta de prevención, de xestión integral e de medios para a extinción e o coidado”. “Non se debe especular, o que hai que pedir é rigorosidade na investigación porque non a hai; eu non me atrevería a dicir por que se prendeu o lume, pero o perfil do pirómano é minoritario”, asegura. “Quen planta lume faino sabendo que fai mal e para reclamar algo, pero non sabemos o que”, insiste. “Hai unha intencionalidade clara pero non sabemos que intereses pode haber nin por que se fai iso; non entramos en teorías conspiradoras”, engade Mónica Harto.

O que si critican é a falta de xestión da Xunta nas Fragas. “É que a xestión da Xunta aquí é cero, non existe; dino os veciños e están no certo”, relata Piedade Viñas, que lembra que “a 200 metros da central de Endesa remata a última pista pola que se pode acceder con vehículos ao parque, así que unha vez que se pasa ese punto non hai maneira de entrar por terra para poder apagar o lume”. “Hai problemas de infraestruturas, de persoal, de falta de medios, de intereses económicos...”, enumera. “O que lle interesa ao Goberno é converter a zona nun produto turístico, con réditos económicos, pero sen contrapartidas na mellora da xestión ou das condicións dos veciños e das Fragas en xeral”, manifesta Mónica Harto, que dá conta de varios servizos “subcontratados e privatizados” no bosque atlántico onde “o persoal que o mantén e o coida é estacional e con contratos temporais, principalmente para as épocas de vacacións e o verán”.

"Á Xunta interésalle é converter na zona nun produto turístico, sen contrapartidas na mellora da xestión do parque"

Ademais, Mónica Harto denuncia a “opacidade e falta de información da Xunta”. Non é capaz de dicir canta xente traballa nas Fragas, canta xente vive ou cal é o número exacto de propietarios. “Preguntei hai pouco por varios deses temas ao subdirector xeral de parques naturais pero non houbo resposta; négannos información e non nos facilitan nin a cartografía detallada do propio parque”, quéixase.

Porque todas as entidades ambientalistas critican tamén que a pesar de que o espazo foi declarado Parque Natural en 1997, as Fragas aínda non contan co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, "o que favoreceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas". Os tres grupos sinalan ao respecto que unha das zonas cualificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirais, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.

Para Xabier Bruña, de Adega, falta diálogo cos propietarios e cos habitantes da zona, pero falta tamén “saber que se agocha detrás dos lumes provocados nos parques naturais”. “Hai que pedirlle ao Goberno que esclareza canto antes esta cuestión, que investigue rápido e con detalle por que ocorre isto”, insiste, ademais de volver reclamar, ao igual que o resto de colectivos ecoloxistas, unha nova política forestal e de dinamización do mundo rural “para evitar o abandono”. E sobre todo, unha cousa: “Que unha nova desgraza nos faga aprender dunha vez; témonos que sentar e resolver xa o problema que temos co lume en Galicia”.

Dominio Público Susete

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.