"Máis prevención, menos extinción"

A manifestación, na praza da Quintana © Comités

Ao redor de dúas mil persoas manifestáronse este domingo en Compostela convocadas pola Asociación Monte Pindo para demandar unha nova política forestal e unha maior protección para os espazos naturais. A marcha percorreu o camiño entre a Alameda e a Praza da Quintana, baixo o lema Por unha Galiza sen lumes. Por un rural con futuro, nunha mobilización apoiada por máis de 80 entidades e que centrou as súas intervencións na crítica á xestión que o Goberno galego fai do monte. A catástrofe do Monte Pindo, arrasado case por completo polo lume hai unhas semanas, e orixe desta manifestación, foi a gran protagonista, e a demanda de que o espazo sexa protexido como Parque Natural foi unha das máis repetidas.

Na marcha, na que participaron representantes de PSdeG-PSOE, AGE e BNG, pediuse o cese da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e do responsable de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Tamén se denunciou o "esquecemento" ao que a Xunta somete ao rural e ao monte, e esixiuse que se faga un meirande esforzo humano e económico en limpeza e prevención e non tanto en extinción. De igual xeito, alertouse das consecuencias negativa que para o propio monte, pero tamén para os ríos e o mar, poden ter as toneladas de cinza que cobren o solo, e esixíronse medidas para que esta carga tóxica non prexudique outros espazos e producións, coma a marisqueira.

Tamén se denunciou o "esquecemento" ao que a Xunta somete ao rural e ao monte, e esixiuse que se faga un meirande esforzo humano e económico en limpeza e prevención e non tanto en extinción

O manifesto lido na Praza da Quintana por distintas persoas, coma o actor Miguel de Lira ou Lucía Ferreira, unha veciña de Carnota cuxa explotación de agricultura ecolóxica foi destruída, salientou "o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais", e que "rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas". Tamén se criticou que a política de montes do Goberno galego se centrou até agora en "entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á grande industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto".

O manifesto conclúe que a Xunta "ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais"

O texto elaborado pola asociación denuncia tamén que a Xunta "se parapeta" detrás dos pirómanos, para "agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte", ocultando que "ten gran parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital". Tamén cualifica de "desvergoña" que o Goberno galego afirme que "un espazo natural arde con protección ou sen ela", mentras "desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios". O manifesto conclúe que a Xunta "ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza". A manifestación esixiu que o Goberno galego "comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.