A mobilización cidadá tenta frear os desaloxos de dúas mulleres en Cabanas e na Coruña

Concentración ante a casa de Sandra, en Cabanas, para impedir o desaloxo Dominio Público Recursos GZ

Sandra e Elisabeth. Dúas mulleres que, en Cabanas e A Coruña, poden ser expulsadas das súas vivendas. Dúas mulleres moi distintas entre si, con circunstancias moi diferentes, pero que nestes momentos viven baixo a ameaza de quedar sen un fogar, para elas e para os seus fillos. Porén, en ambos os dous casos, a mobilización cidadá xa está en marcha, organizada para frear os anunciados desaloxos. Varias ducias de persoas concentráronse este luns en Cabanas ante a vivenda de Sandra, na que vive co seu fillo de tres anos, a súa nai e a súa irmá. Mentres, Stop Desafiuzamentos convoca unha vixilia este luns pola noite ante a casa de Elisabeth, no coruñés barrio do Castrillón, para impedir a expulsión prevista para a mañá do martes.

O caso de Sandra

"O de Sandra non é un caso típico de desafiuzamento, aínda que por desgraza hai máis casos coma o seu", din dende Stop Desafiuzamentos Ferrolterra, que salienta que "aquí non pelexamos contra unha entidade bancaria"

"O de Sandra non é un caso típico de desafiuzamento, aínda que por desgraza hai máis casos coma o seu", din dende Stop Desafiuzamentos Ferrolterra, que salienta que "aquí non pelexamos contra unha entidade bancaria".  Vive en Cabanas, á beira do piñeiral e da praia da Madalena, xunto co seu fillo de tres anos de idade, a súa nai e a súa irmá. Recibiu unha orde de desafiuzamento, que debía executarse este luns pola mañá, pero a concentración convocada por Stop Desafiuzamentos Ferrolterra, a Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e a Asociación Ve-la Luz impediuno, cando menos de momento. O perito xudicial encargado de executar a orde xudicial advertiu de que o desaloxo se podería producir en calquera momento, mesmo ao longo deste luns, pero fontes dos colectivos que convocaron a concentración aseguran que a expulsión está paralizada, cando menos durante uns días.

A vivenda de Sandra é unha herdanza familiar; porén, no comezo da actual crise económica Sandra viuse obrigada a venderlla ao seu daquela marido, coa condición, recollida contractualmente, que el non podería revendela durante un certo periodo de tempo, e que en calquera caso debíallo comunicar previamente. Pero as circunstancias cambiaron, a parella iniciou os trámites de separación e o xa ex-marido de Sandra vendeulle a vivenda a un amigo, que é a persoa que solicita o desafiuzamento da vivenda. Porén, Sandra defende que a vivenda lle pertence e xa interpuxo unha demanda por venda fraudulenta. Ademais, segundo salientan dende a Asociación Ve-la luz, o ex-marido está á espera de xuízo, acusado de violencia de xénero.

O desaloxo non lle foi comunicado a Sandra até hai uns días, sen apenas tempo para reaccionar. Púxose en contacto con Stop Desafiuzamentos Ferrolterra, quen á súa vez contactaron coa Asociación Ve-la Luz, que confirmou as denuncias de malos tratos. Tamén colaboraron activamente dende Stop Desafiuzamentos Compostela, que mesmo pasaron esta pasada noite en Cabanas, nunha vixilia para evitar o desaloxo. Esta mañá, unha vez paralizado o proceso de expulsión, a concentración, na que participaron a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, o coordinador de EU en Ferrol, Suso Basterrechea, ou a deputada del PSOE Paloma Rodríguez, dirixiuse á Casa do Concello de Cabanas, onde unha delegación negociou unha solución para o conflito aberto. O Concello ordenou unha providencia para deter momentaneamente o proceso, do que esta semana poderemos ter máis novidades, toda vez que a avogada de Stop Desafiuzamentos se reunirá coa xuíza este mércores.

O caso de Elisabeth

Para evitar o desafiuzamento, que segue en marcha a pesar de que o xuíz instrutor recoñeceu este venres a situación de vulnerabilidade social de Elisabeth, Stop Desafiuzamentos convocou para as 20.30 horas da noite deste luns unha vixilia ante a casa

Elisabeth Sanlés recibiu hai días a comunicación de que este martes ás 10.30 horas será expulsada da súa vivenda. Sofre fibromialxia, ten tres fillos e cobra 216 euros ao mes, polo que non pode facer fronte ao pago do aluguer. Stop Desafiuzamentos denuncia que hai máis de dous meses que o departamento de Servizos Sociais do Concello da Coruña ten coñecemento deste caso, e acúsano de "inacción" e "desidia".

Para evitar o desaloxo, que segue en marcha a pesar de que o xuíz instrutor recoñeceu este venres a situación de vulnerabilidade social de Elisabeth, Stop Desafiuzamentos convocou para as 20.30 horas da noite deste luns unha vixilia ante a casa (rúa Antonio Noche López, 30, no coruñés barrio do Castrillón). Salientan a este respecto que "ante a vaga de solidaridade que en diferentes puntos do Estado están a frear varios desafiuzamentos, os corpos policiais están a implementar dispositivos cada vez máis fortes e marciais, coma é o acordonamento e establecemento dun perímetro de seguridade dende horas antes de tentar levar a cabo ditos desafiuzamentos".

O colectivo denuncia que dende a oficina de Servizos Sociais se afirma que Elisabeth rexeitara un piso de protección oficial, o que cualifican de "mentira". Segundo Stop Desafiuzamentos, Elisabeth Sanlés solicitara un piso de protección oficial e na mesma petición, sinalaba os condicionamentos froito da súa enfermidade (fibromialxia), coma a imposibilidade de acceso á citada vivenda por tratarse dun piso de máis de dúas alturas sen ascensor. O Instituto Galego de Vivenda e Solo concedéralle un cuarto sen ascensor, "recoñecendo a citada institución o seu erro e a subsanación do mesmo, pasando a suprimir a citada concesión ao non cinguirse aos condicionamentos expresados e dos que xa o IGVS tiña coñecemento", segundo o colectivo.

Stop Desafiuzamentos critica as declaracións realizadas recentemente por Alberto Núñez Feijoo, gabándose da existencia dun protocolo asinado por Xunta, FEGAMP e CGPJ para este tipo de casos, que segundo a entidade "non ten validez xurídica ou base legal algunha"

Stop Desafiuzamentos critica así mesmo as declaracións realizadas recentemente por Alberto Núñez Feijoo, gabándose da existencia dun protocolo asinado por Xunta, FEGAMP e CGPJ para este tipo de casos, pero que segundo a entidade "non ten validez xurídica ou base legal algunha". Denuncian ademais que "o concello non só non impide o lanzamento de Elisabeth, non só precariza a accesibilidade a recursos pagados por tódalas coruñesas e coruñeses, non só imposibilita a resolución dun conflicto, senón que evade responsabilidades insinuando a non necesidade e non vulnerabilidade dunha muller que cobra 216 euros ao mes, atópase ameazada por unha orde de desafiuzamento e sen ningunha axuda". De igual xeito, critican "o aumento dos orzamentos vía crédito do concello pras festas, namentres a poboación morre de fame e afogada nun marasmo de necesidades básicas non satisfeitas".

Concentración ante a casa de Sandra, en Cabanas, para impedir o desaloxo Dominio Público Recursos GZ
Unha delegación dos concentrados dirixiuse ao Concello de Cabanas Dominio Público Recursos GZ

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.