O "desastre ambiental" da mina de Touro, o futuro para Corcoesto?

Os efectos da mina de Touro, anos despois © Salvemos Cabana

É a mina de Touro o futuro de Corcoesto? Esta explotación a ceo aberto, dunhas 600 hectáreas de extensión, foi explotada pola empresa Río Tinto entre 1974 e 1988 para a obtención de cobre, e tamén se extraeron dela pequenas cantidades de ouro. A mina foi pechada hai 25 anos, sen ningún tipo de tratamento ou restauración e, segundo denuncia Salvemos Cabana, sen control posterior por parte da Xunta, xerando un grave problema medioambiental, pola oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral e a "extrema acidificación das augas de drenaxe", que van parar directamente aos campos e regatos próximos (afluentes do Ulla), contaminándoos.

A este respecto, Salvemos Cabana pregunta se "este é o concepto de minería sostible ao que reiteradamente apelan a actual administración da Xunta de Galicia e a Cámara Oficial Mineira na súa defensa incondicional de proxectos coma o da mina a ceo aberto de Corcoesto e cal está sendo a consideración real da saúde humana en relación ás grandes iniciativas desenvolvidas dende o sector extractivista".

Salvemos Cabana pregunta se "este é o concepto de minería sostible ao que reiteradamente apelan a actual administración da Xunta de Galicia e a Cámara Oficial Mineira"

Dáse a circunstacia, ademais, de que en varios momentos a Xunta destacou esta explotación mineira como un exemplo de restauración do medio ambiente e da rehabilitación do terreo afectado polos traballos mineiros. Porén, Salvemos Cabana denuncia que isto non é así, que se xerou un "desastre ambiental" e que o Goberno galego ven incumprindo a lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, e normativas de ámbito europeo, que o obrigan a "realizar as comprobacións necesarias” e a adoptar medidas para evitar a contaminación unha vez que a mina deixa de estar operativa. 

Neste lugar a empresa Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste S.L. (TEN), desenvolveu un proxecto experimental impulsado por Felipe Macías, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago, de restauración de augas e solos, "pero sen chegar a contemplar unha restauración integral do entorno, debido ao seu elevado custe", segundo Salvemos Cabana.

 

Apoios científicos para prohibir o cianuro na minaría

O texto da petición, acompañado da listaxe de asinantes, enviouse este martes por rexistro ao presidente da Xunta

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños levan dúas semanas recollendo sinaturas entre o profesorado e a comunidade científica de iniversidades e organismos públicos de investigación para recabar apoios á petición de que se prohiban en Galicia as tecnoloxías mineiras que empregan cianuro, sumándose así á Declaración de Berlín e a resolución aprobada polo Parlamento Europeo en 2010. 

Levan recollidos xa 160 apoios da comunidade científica e universitaria, procedentes de 67 departamentos pertencentes á 7 universidades e 9 centros públicos de investigación. O texto da petición, acompañado da listaxe de asinantes, enviouse este martes por rexistro ao presidente da Xunta.

O obxectivo desta petición é "evitar os gravísimos riscos medioambientais e para a saúde das persoas no caso de que se implementasen estas tecnoloxías nas explotacións auríferas proxectadas en Galicia". En Corcoesto proxéctase empregar milleiros de toneladas de cianuro no proceso de extracción do ouro (até 128 quilos de cianuro por cada kilo de ouro).

Imaxe das augas contaminadas en Touro © Salvemos Cabana
Os efectos da mina de Touro, anos despois © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.