A Asociación Monte Pindo ve "intereses económicos e políticos" no lume que arrasou o espazo

O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Quen queimou o Monte Pindo? A quen beneficia a súa destrución? Quen gaña coa non declaración deste espazo como parque natural? Dende o 11 de setembro, día no que comezou o lume que durante días arrasou o lugar a Asociación Monte Pindo Parque Natural fai estas preguntas e busca nas respostas a identidade do culpable ou culpables da desfeita. Asumido que se tratou dun incendio intencionado, plantado o lume nun día de forte vento e xusto na hora na que os medios aéreos, os únicos efectivos neste terreo, non podían operar, a entidade busca os seus responsables.

Sinala que hai "intereses especulativos" que poden saír beneficiados de que o lugar non se declare parque natural. E, en concreto, cita catro proxectos: a ampliación dos tres parques eólicos que existen nas inmediacións do espazo, a implantación de novas minicentrais hidroeléctricas no río Xallas, a pretensión de crear unha canteira ou a proposta de crear no Monte Pindo un coto de caza maior. "Calquera das propostas referidas sairían beneficiadas por un lume que frease a creación do Parque Natural", sinalan e engaden que todas elas contaron co apoio "activo" do Partido Popular.

Lembran que no Monte Pindo non hai actualmente intereses madeireiros ou gandeiros que puideran aproveitarse dun lume, nin moito menos urbanisticos, pois a durisima orografía, a carencia de servizos e as restricións derivadas da Rede Natura impiden o desenvolvemento de proxectos residenciais na zona.

Sinala que hai "intereses especulativos" que poden saír beneficiados de que o lugar non se declare parque natural

A asociación subliña que o PP "pasou de ser o primeiro" que pediu a declaración da zona como parque natural, e así figuraba nos seus programas electorais municipais en Carnota en 2003 e 2007, a "promover proxectos claramente incompatibles coa protección e o desenvolvemento sostible do Monte Pindo". A entidade lembra que malia acadar a alcaldía, o PP "non foi quen de cumprir esta promesa no seu mandato" e que no 2010 un grupo de veciños decidiu dar un paso adiante a favor desa idea e ofreceulle ao daquela alcalde de Carnota liderar a demanda veciñal. "Inexplicablemente, xusto nese momento o rexedor popular deu un paso atrás e nas eleccións locais do 2011 pasou de ser o único que o pedía a ser o único que o criticaba, resultando derrotado nas urnas", destacan.

 

Os argumentos do PP

Monte Pindo Parque Natural cualifica de "absurdos" os argumentos empregados polo Partido Popular para negarse a aprobar a declaración de Parque Natural

Monte Pindo Parque Natural cualifica de "absurdos" os argumentos empregados polo Partido Popular para negarse a aprobar a declaración de Parque Natural: "primeiro dicía que era moi pequeno (malia que sería o 5º parque natural galego en extensión), logo que moi caro, logo que estaba protexido abondo, e agora que o 90% da veciñanza non o quere, o que a falta dun estudo estatístico é tan científico coma se dicimos que a única que non o quere é Marisol Piñeiro".

Conclúen que esta deputada "minte a sabendas de que axitando falsas pantasmas de restricións e perda de postos de traballo, unido ao descoñecemento xeralizado sobre as características desta figura de protección, pode alimentar o medo dunha poboación xa machacada pola falta de traballo e oportunidades na nosa bisbarra", pero lembran que "precisamente o que se pretende co Parque Natural busca crear novas oportunidades de traballo, desenvolvemento e calidade de vida para a cidadanía aproveitando un monte que hoxe é un espazo absolutamente abandonado".

O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.