100 días despois de Angrois, o tren galego segue esquecido

Tren entre A Coruña e Ferrol Dominio Público Plataforma en Defensa do Tren

Hai 99 días tiña lugar a terrible traxedia de Angrois. Nos últimos meses falouse moito de sistemas de seguridade, de balizas ou do trazado da curva da Gandeira. Horas de emisión en radio e televisión e páxinas e máis páxinas nos xornais electrónicos e impresos. Porén, pouco ou nada se falou da situación do tren en Galicia no seu conxunto, das ameazas de privatización do ferrocarril en España, da supresión de 104 trens á semana en Galicia (o 22% do total) consumada o pasado mes de xuño, do peche definitivo de 20 estacións e de que outras 24 ficaron con só unha frecuencia diaria.

Tampouco ocupou grandes titulares o feito de que os orzamentos xerais do Estado para 2014 non destinen nin un só euro para o tren convencional e volvan apostar unicamente polo AVE, que come a metade do investimento total en Galicia. A pesar de que un de cada catro traxectos do AVE só ten un pasaxeiro diario, os esforzos investidores do Goberno seguen dirixidos á alta velocidade, e non a mellorar os servizos do tren convencional.

A supresión de liñas e estacións afectou este verán a entre 150 e 200 mil galegos e galegas, unhas medidas que para CC.OO. significan “o principio do fin do ferrocarril convencional en Galicia" pois "só interesan as liñas de altas prestacións e o eixe atlántico". O sindicato denunciou daquela a “complicidade da Xunta” nun proceso que afecta sobre todo á Galicia interior, un círculo vicioso que coma noutros sectores comeza pola degradación do servizo, coa consecuente redución da súa demanda, o que acaba por xustificar a súa eliminación: “As estacións que se manteñen cunha soa parada ao dia están condenadas de antemán á desaparición a curto prazo, xa que os horarios ofertados non teñen sentido ningún”, denunciaba en xuño Severino Rodríguez.

 

Folga contra a privatización

CGT e Sindicato Ferroviario denuncian que "as políticas ferroviarias do Goberno do PP terán unha repercusión especial na Galiza, xa que conta con unha das liñas mais "lambonas" para a iniciativa privada: O eixo atlántico Vigo-Coruña"

Este xoves CGT e Sindicato Ferroviario levaron a cabo unha folga de 24 horas (que fora precedida por paros parciais nas últimas semanas) contra a división de ADIF en dúas empresas e a segmentación de RENFE en 4 sociedades anónimas, aprobada polo Goberno o pasado 27 de setembro, e que os sindicatos interpretan como un primeiro paso para a privatización das liñas rendibles e a paulatina supresión das deficitarias, acentuando o proceso ao que vimos asistindo nos últimos anos. 

Estas dúas centrais acusan o Executivo de querer "agochar a débeda de 15.000 millóns que ten ADIF, motivada pola desmesura na construcción de liñas de Alta Velocidade" e lembra que o accidente de Angrois "puxo en dúbida o modelo segregador, entre outras, pola descoordinación que xenera a existencia de diferentes empresas, con intereses distintos". Chaman, ademais, a "reforzar e unificar as empresas públicas antes de ter que asumir o aumento da descoordinación entre as operacións de xestión da infraestructura e os operadores ferroviarios, a degradación do servizo, o encarecemento das tarifas e das achegas e custes públicos que conlevan, a enaxenación total do patrimonio público e, o que é máis importante, a perda alarmante na seguridade do transporte que deriva nun incremento da sinistralidade".

Engaden que "a entrada de multinacionais españolas e estranxeiras no accionariado das novas sociedades mercantís que se creen será para facer negocio o obter beneficios privados xestionando os corredoiros máis rentables, sen ter en conta a vertebración territorial e a cohexión social que ten como obxectivo un ferrocarril público, único garante do dereito a mobilidade de toda a cidadanía". E subliñan que "as políticas ferroviarias do Goberno do PP terán unha repercusión especial na Galiza, xa que conta con unha das liñas mais "lambonas" para a iniciativa privada: O eixo atlántico Vigo-Coruña". A presión de CGT e Sindicato Ferroviario continuará ao longo de novembro con paros parciais todos os luns e venres de 7:00 a 9:00, de 15:00 a 17:00 e de 23:00 a 01:00, e con dúas novas xornadas de folga de 24 horas, o 5 e 20 de decembro.

 

En defensa do tren de proximidade

"Se non se mellora o servizo, a fin dos trens entre A Coruña e Ferrol e A Coruña e Lugo está cantado", conclúen

Un dos colectivos que máis se mobilizou nos últimos meses en defensa do ferrocarril público e de proximidade foi a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas. No verán presentaba o Manifesto por un tren público e social na nosa comarca, no que chamaba a "realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas", rexeitando "a política que impón o modelo AVE en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico".

A Plataforma reclama "a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña e Ferrol, cun tren lanzadeira, como existe noutras zonas do Estado. Cremos que está xustificado, que habería demanda e que cubriría o déficit de servizos actualmente existente” e piden igualmente "que se aposte pola intermodalidade. Alí onde non pode chegar o tren, o tren debería combinarse co autobús”. Tamén piden que se reforcen as frecuencias entre A Coruña e Lugo. "Se non se mellora o servizo, a fin dos trens entre A Coruña e Ferrol e A Coruña e Lugo está cantado", conclúen. Tamén demandan que se aposte polo tren de mercadorías e lembran que o Porto Exterior da Coruña non conta con conexión ferroviaria: "Un porto sen conexión por vías férreas non sei que vai ser, só dará servizo á refinería", din.

Tamén demandan que se aposte polo tren de mercadorías e lembran que o Porto Exterior da Coruña non conta con conexión ferroviaria: "Un porto sen conexión por vías férreas non sei que vai ser, só dará servizo á refinería"

En comunidades autónomas con densidades de poboación iguais ou inferiores a Galicia circulan un número de trens moi superior con liñas máis modernas e electrificadas e con multitude de paradas. Por exemplo, Asturias, cunha poboación de 1.077.000 habitantes e cunha densidade de poboación de 102 hab/Km2, ten nove liñas de cercanías entre ancho métrico e rede convencional, polas que circulan diariamente 494 trens ao día. Catro veces máis que en Galicia, cunha poboación 2.5 veces superior e unha densidade semellante. Galicia é, ademais, a única comunidade autónoma costeira sen tren de cercanías.

 

As necesarias melloras na rede convencional

"Son moitos mortos, cando centos de curvas con radios de 300-500 metros facilitan os descarrilamentos. Aínda temos case 200 pasos a nivel en funcionamento", destaca Manuel Monge

Falouse moito dos erros e eivas nas medidas de seguridade do tren accidentado en Angrois, onde faleceron 79 persoas. Porén, desgraciadamente non foron as únicas persoas que nos últimos anos perderon a vida en Galicia nas vías do ferrocarril. Manuel Monge está a preparar un libro sobre o tren en Galicia, que se publicará nos vindeiros meses, e chama a atención sobre o feito de que, por exemplo, ao redor de vinte persoas morreron en Galicia nos pasos a nivel nos últimos vinte anos. "Son moitos mortos, cando centos de curvas con radios de 300-500 metros facilitan os descarrilamentos. Aínda temos case 200 pasos a nivel en funcionamento", destaca.

"Despois de Angrois", sinala, "continuaron os accidentes" e lembra que  "24 días despois estivo a piques de producirse outra desgraza en Arbo cando o tren Intercity Madrid-Vigo chocaba cun tractor; o paso a nivel estaba sen sinalizar, non tiña barreiras e as vías son utilizadas habitualmente por moitos veciños. E antes de cumprirse os cen días, dous mozos morrían arrollados polo tren en Láncara e Monforte, e un vello en Ferrol".

"É un bo momento tamén para lembrar a aqueles que nos últimos anos perderon a vida cando traballaban na construción de novas liñas"

"É un bo momento para lembrar as vítimas e feridos de Angrois; para repasar os accidentes dos últimos anos e tomar medidas para que non se repitan", di, "é un bo momento tamén para lembrar a aqueles que nos últimos anos perderon a vida cando traballaban na construción de novos proxectos para a mellora da nosa infraestrutura ferroviaria", nomeadamente nas obras do AVE. Monge, a este respecto, dá conta de catro accidentes laborais mortais no Carballiño, Soutomaior, Cerceda e Vilar de Barrio.

Tren entre A Coruña e Ferrol Dominio Público Plataforma en Defensa do Tren
Viaxe reivindicativa a Betanzos Dominio Público Plataforma en Defensa do Tren
Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.