Sen novas consultas de Xinecoloxía na Terra Chá ata 2015

Centro de saúde en Vilalba © arquitecturadegalicia.eu

"Non se volverán dar citas até o ano 2015". Esta é, segundo advirte o Sindicato Labrego Galego, a resposta que obteñen as mulleres que tentan concertar unha cita para o servizo de Xinecoloxía no Punto de Atención Continuada de Vilalba, centro sanitario de referencia na Terra Chá. A Secretaría das Mulleres da organización agraria lanzaba esta alerta o pasado día 31 e o Servizo Galego de Saúde negouno. "Diante das declaración dos responsables do Sergas desmentindo esta denuncia, vairas pacientes acudiron a solicitar cita e foron informadas de que a axenda para 2014 está pechada".

O SLG ilustra a situación cun "caso real": "unha muller que fixo unhas probas xinecolóxicas a mediados de 2012" acudiu en marzo de 2013 á consulta "para coñecer os resultados". A esta paciente corresponderíalle "ter unha revisión un ano ou ano e medio despois, é dicir, a finais de 2013 ou comezos de 2014". No entanto, "non poderá ter unha revisión até 2015, tres anos despois das probas iniciais", aseguran, unha situación ante a que os responsables sanitarios da capital chairega semellan amosarse impotentes.

O SLG asegura que o xefe de servizo confirma o peche de axendas

Malia á negativa dos voceiros oficiais do Sergas, detallan dende o Sindicato, "todo isto foi confirmado" este mesmo luns "nunha entrevista que as pacientes mantiveron co xefe de servizo do PAC de Vilalba, Isidro Álvarez Chorén, que confirmou que a axenda para as citas xinecolóxicas en Vilalba está pechada para o 2014 e pendente de ser aberta para 2015". A solución, segundo a explicación do doutor, "non depende do centro de saúde de Vilalba, senón do Hospital Universitario Lucus Augusti", en Lugo.

"Están obrigando as chairegas a recorrer á sanidade privada"

Nesta conxuntura, a organización agraria interpreta que o Sergas está a "obrigar a aquelas chairegas que queiran acudir a unha revisión xinecolóxica antes de 2015" a "recorrer á sanidade privada", toda vez que "non poden pedir cita no HULA", o hospital de Lugo, "porque se supón que xa teñen esa especialidade en Vilalba". A xuízo da Secretaría das Mulleres do SLG a Xunta "pretende disfrazar como unha mera cuestión administrativa e un tirapuxa sobre se as listas de espera duran máis ou menos" o que "podería ser unha estratexia premeditada para desmantelar o servizo de xinecoloxía da Terra Chá" e "en definitiva, facer un recorte máis na atención sanitaria ás persoas que vivimos no rural". Segundo os datos oficiais, a espera media en Xinecoloxía na área de Lugo non chega aos 50 días.

Centro de saúde en Vilalba © arquitecturadegalicia.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.