0 Gardados para despois

"É o momento de tomar decisións e a Xunta debería asumir as súas responsabilidades"

Redacción | @prazapublica

Mónica Arto, secretaria comarcal de Verdegaia e membro da xunta consultiva do Parque Natural das Fragas, falou para Praza na concentración que o luns á tardiña tivo lugar en Pontedeume en protesta polos lumes da fin de semana: “Hai unha intencionalidade clara. O lume iniciouse en tres focos; ademais do que afectou ás Fragas tivemos incendios na zona de Anca, na zona das Louseiras e en Cabalar. Hai unha intencionalidade de danar espazos naturais da comarca”.

"O bosque de Fragas quizais foi menos afectado que a zona de repoboacións"

Arto denunciou tamén "a falta de políticas forestais da Xunta" e que "as Fragas teñen un problema de eucaliptización, de invasión de especies alóctonas,  o que en momentos coma este de seca vai favorecer os incendios forestais”. Con todo, foi optimista con respecto á recuperación do espazo: “Estivemos valorandoo in situ como puido afectar o incendio e levamos unha boa sorpresa, que é que o bosque de Fragas quizais foi menos afectado que a zona de repoboacións, grazas á súa condición de bosque húmido. Hai que ver se as chuvias axudan, é dicir, se non son moi fortes e non arrastran as cinzas ao río”.

Con respecto ao futuro, a secretaria comarcal de Verdegaia dixo que “debería ser un momento de tomar decisións, e de que a Xunta asuma as súas responsabilidades de xeito claro. Hai unhas semana o director xeral dicíame en Santiago que o plantexamento de futuro é reducir aínda máis o persoal de que se dispón nas Fragas. O que non pode facer a Administración é negarnos información, posibilidades de participar e unha boa relación cos veciños”.

 

Mónica Arto, secretaria comarcal de Verdegaia e membro da xunta consultiva do Parque Natural das Fragas.

TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.