Feijóo dá 'portazo' aos alcaldes contra o copago farmacéutico

Acción pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, quen liderou a rebelión dos concellos ante o novo copago farmacéutico e agora a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade (IGGS), enviou o pasado luns unha dura carta ao presidente da Xunta na que lle solicitaba unha xuntanza co colectivo e na que lle solicitaba que recapacitase na súa decisión de aplicar este repago e na que apelaba á "súa humanidade, se aínda lle queda", para non obrigar estes doentes a pagar polas súas imprescindibles menciñas. O presidente, malia o intento de varios representantes da Iniciativa, deu portazo este mércores a varios alcaldes que intentaron manter unha xuntanza con el e a asociación xa advirte de novas mobilizacións e constantes "ata que o Goberno galego proceda a non aplicar no noso país a orde que establece este copagamento".

Catro alcaldes nacionalistas e dous integrantes do colectivo intentaron reunirse con Feijóo

Non houbo contestación e, pasada a data tope que o rexedor fixaba como límite para a súa demanda, dous representantes da IGGS (o portavoz da Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados, Manuel Domínguez, e a secretaria xeral da CIG-Ensino, María Xosé Abuín) e os alcaldes nacionalistas do BNG de Allariz, Riotorto, San Sadurniño e Ribadeo presentáronse na Xunta para intentar falar co presidente e pedirlle que non aplique o copago farmacéutico. Non houbo maneira. Non foron recibidos e as forzas de seguridade negáronlles o paso argumentando a Secretaría Xeral de Presidencia que non tiñan constancia da petición, malia que si acreditaran que recibiran a proposta.

"Hai silencios que son máis claros que o discurso mellor articulado, e este silencio de Feijóo deixa claro o que me negaba a crer na carta que lle remitín, deixa claro que ao presidente da Xunta non lle importa nada a vida dos seus compatriotas", asegurou o alcalde Federico Gutiérrez Estoa.

"O portazo de Feijóo non é  ás seis persoas que estivemos alí, é a todas as persoas doentes crónicas do país, é un portazo a todas aquelas mulleres que se están medicando de cancro de mama, a todas as persoas que se están medicando dun cancro de ril ou de leucemia, un portazo a quen padece tumores cerebrais, e fronte a este portazo, o que queremos transmitirlle á sociedade galega é que estamos aquí para abrir portas, fundamentalmente unha porta: a porta da gratuidade da sanidade, a porta que nos iguala diante da morte, e a loita por abrir esa porta é a loita á que apelamos a todo o pobo galego", insistiu o rexedor de Riotorto.

A Iniciativa Galega advirte de que acudirá á Xunta cada semana "ata que o Goberno proceda a non aplicar a orde que establece o copago"

Os catro alcaldes advertiron a Feijóo de que "até que a Xunta proceda a non aplicar a orde que establece o copago", o colectivo seguirá acudindo á Xunta cada semana. Ademais, Francisco García, rexedor de Allariz, apelou á "mobilización e á presión social" para deter esta medida e puxo como exemplo a marcha atrás do ministro Wert coas bolsas Erasmus tras a protesta xeneralizada.

Do mesmo xeito, os catro alcaldes chaman "a todo o pobo galego" a participar nas concentracións convocadas pola IGGS e amosar así o seu rexeitamento a este copago farmacéutico e a asunción deste por parte dun Feijóoo ao que cualifican como "presidente sen alma". "Como bo señor de dereitas carece de corazón, porque este está na esquerda; como bo católico integrista, carece de alma", din.

As primeiras destas mobilizacións terán lugar o vindeiro venres 8 de novembro diante de todos os centros de saúde do país, nomeadamente ante os princpais hospitais das comarcas, ademais dunha manifestación nacional o próximo 17 de novembro en Compostela. A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade está conformada por máis de 150 colectivos sociais e cidadás, ademais duns 30 concellos, a maioría gobernados polo nacionalismo, pero tamén algún do PSdeG e incluso do PP, como Vilanova de Arousa ou Boborás.

Por outra banda, os alcaldes socialistas dos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, Negueira de Muñiz e Pedrafita, protestaron ás portas do edificio administrativo da Xunta en Lugo reclamando servizos hospitalarios e dirixindo un escrito ao presidente Feijóo sobre a necesidade de que se dote de Hemodináimca, Mediciña Nuclear e Radioterapia ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Feijóo, nun acto do Sergas © Ana Varela
Protesta contra a privatización da sanidade pública en Narón Dominio Público @CxGFerrolterra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.