As anpas únense para pedir que a Xunta asuma os servizos sociais dos centros

Xuntanza de anpas galegas © Fapacel

A Fapacel (Federación Provincial de Anpas de Lugo) impulsou a unión de anpas e federacións de pais de alumnos de toda Galicia para unirse a prol dun ensino público de calidade en Galicia e en contra dos recortes e axustes que está a sufrir a ensinanza en Galicia. Así, a iniciativa deste colectivo celebrouse este sábado o primeiro Encontro de Federacións e Anpas Galegas, ao que acudiron asociacións de Ferrol, Narón, A Coruña, Costa da Morte,  Cangas, Val Miñor, Santiago, Carballo, Arteixo, Lugo, Monforte, Alfoz, así como varias anpas da cidade de Lugo.

"Debemos conseguir ese prestixio social que a día de hoxe non temos recoñecido", din as anpas

Tal e como lembra Fapacel nunha nota de prensa, a xuntanza "serviu para compartir experiencias entre as anpas e federacións" e tamén para "deixar constancia de que a unión fai a forza". "Temos que estar todos xuntos para conseguir que o ensino público en Galicia sexa de calidade. As anpas somos o resultado da unión das familias. Temos que ter claro que o noso traballo é moi importante para a sociedade e conseguir ese prestixio social que a día de hoxe non temos recoñecido", explican tras reivindicar o papel que estes colectivos deben xogar na pelexa por unha ensinanza sen recortes.

As federacións e anpas reclaman que "todos os servizos sociais" dos centros escolares "sexan asumidos pola Administración"

Así, todas as federacións e anpas reclamaron que "todos os servizos sociais" dos centros escolares, tales como os comedores ou as actividades extraescolares, "sexan asumidos pola Administración. "As nais e pais non somos xestores de actividades, somos voluntarios que prestamos todo o noso tempo libre a traballar pola educación dos nosos fillos. Temos moi claro que as existencia das anpas do rural e as anpas da zona urbana son necesarias, mais os servizos que prestan son moi distintos, mentras unhas se centran en que os centros non perdan servizos básicos (como mestres ou comedores) as outras céntranse en facer un traballo de conciliación de vida laboral e familiar", explican.

As anpas deixaron claro tamén o seu rexeitamento á Lomce que, segundo advirten, deparará "un futuro de gran retroceso ao ensino en Galicia". "Temos que conseguir que non saiia adiante esta lei e pelexar para conseguir un ensino público, galego e de calidade", insisten.

Xuntanza de anpas galegas © Fapacel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.