A Universidade Rural de Barreiros achégase aos cen alumnos nas súas primeiras semanas

Clase de Ciencias da Saúde, impartida en Barreiros Dominio Público Universidade Rural de Barreiros

Xornalismo, Producción artística e Publicidade, Ciencias Xurídicas, Sociais e Económicas, Ciencias da Saúde, Enxeñería do Medio Rural... Unha a unha as sementes, ou módulos que se imparten na Universidade Rural de Barreiros foron dando comezo, até sumar case un cento de alumnas e alumnos. O Colectivo Cultural Ollomao, que organiza as clases, destaca o "éxito" da acollida entre a poboación de toda a Mariña, non só de Barreiros, senón tamén de   "Ourol, Burela, Foz, Ribadeo, Mondoñedo ou Lourenzá". As sementes que comezaron no mes de outubro continuarán impartíndose nos dous vindeiros meses.

"A Universidade Rural está ideada como un espazo para aprender e no cal todas as persoas asistentes poden aclarar aquelas dúbidas coas que se estean a atopar no día a día"

"A Universidade Rural está ideada como un espazo para aprender e no cal todas as persoas asistentes poden aclarar aquelas dúbidas coas que se estean a atopar no día a día", din, e engaden que "non é un espazo no cal se habilite para o exercicio profesional mediante a emisión dun certificado, polo cal tampouco hai exames ni avaliacións finais. Non obstante, todas as sementes están orientadas a un fin práctico e á obtención dun produto final elaborado polo propio alumnado". Entre eles, salientan a preparación dunha tertulia radiofónica a emitir na emisora comarcal RadioFoz e a gravación dun documental polas alumnas e alumnos da Semente de Xornalismo; tamén, a elaboración dun mural polo alumnado de Producción artística e Publicidade; ou a realización dun foro participativo no cal se discutirá sobre problemáticas locais de actualidade e para as cales se tentará que sexan as propias veciñas e veciños asistentes á semente de Ciencias Xurídicas, Sociais e Económicas quen propoñan políticas de solución.

O corpo docente desta Universidade está composto por case 30 profesionais e persoas expertas en distintas disciplinas, tanto veciñas de Barreiros como das localidades do arredor. Asimesmo, tamén se conta coa participación puntual de profesorado da Universidade de Santiago de Compostela en varias das clases a impartir. Dende Ollomao sinalan tamén que esta iniciativa pode levarse a cabo grazas á participación desinteresada de todas as persoas que actúan como docentes xa que, en ningún do casos, as e os colaboradores percibirán ningún tipo de remuneración pola súa docencia. Este feito vai ligado á base ideolóxica da asociación e ao fin non lucrativo co cal foi creada no ano 2006. As e os alumnos da Universidade Rural asumen un pago único pola súa asistencia, que varía entre os 15€ e os 50€ en función do número de sementes nas que se participe, recaudación que vai destinada a facer fronte aos gastos de material  para a impartición das clases e á cobertura de desprazamento do profesorado participante. 

O fenómeno xurdido en torno a este proxecto "dá boa conta de que se trata dunha iniciativa que estaba a ser necesitada pola xente"

Para as persoas que compoñen o Colectivo Cultural Ollomao, o fenómeno xurdido en torno a este proxecto "dá boa conta de que se trata dunha iniciativa que estaba a ser necesitada pola xente, novidosa e pola cal comezan a mostrar interese outros colectivos culturais para ser posta en marcha nas súas localidades".

Clase de Ciencias da Saúde, impartida en Barreiros Dominio Público Universidade Rural de Barreiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.