0 Gardados para despois

A sanidade pública galega fará folga xeral o 9 e 10 de decembro contra o repago e os recortes

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A sanidade pública galega vivirá os vindeiros 9 e 10 de decembro dúas xornadas de folga que se prevén masivas. Hai unhas semanas os sindicatos médicos CESM-Galicia e Omega convocaron o paro, e este luns CIG e CC.OO. anunciarán nunha rolda de prensa o seu apoio. Os recortes orzamentarios, o copago, a redución de persoal, a non reposición de xubilacións ou as externalizacións e privatizacións de servizos están entre as causas da convocatoria, que afectará a todos os servizos e ámbitos e a todo o país. 

Hai unhas semanas os sindicatos médicos CESM-Galicia e Omega convocaron o paro, e este luns CIG e CC.OO. anunciarán nunha rolda de prensa o seu apoio

A folga chegará despois de meses de denuncias e mobilizacións, como a que este domingo protestará en Compostela contra o repago, convocada pola Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública. A marcha partirá ás 12 da Alameda, e denunciará que a decisión de aplicar o repago de medicamentos "supón o traspaso dunha liña vermella, onde a Sanidade deixa de ser pública, universal e gratuíta, discriminando aos usuarios/as do sistema en función dos seus recursos, gravando aínda máis aos doentes crónicos e rompendo coa equidade do sistema",en palabras dos seus convocantes.

O pasado 7 de outubro os sindicatos médicos CESM-Galicia e Omega convocaron este paro de dous días como "último recurso ante a nefasta política sanitaria da Xunta". Na convocatoria destacábanse os "recortes en medios humanos" que "repercuten negativamente na asistencia sanitaria", tanto en centros de saúde como hospitais. Tamén sinalaban como problema a taxa de reposición imposta polo Goberno e a aplicación de contratos en precario. De igual xeito, esixían a "inmediata paralización" do repago de medicamentos, que consideraban "un atentado contra o dereito á vida dos enfermos" e "unha ofensa á ética profesional" dos médicos.

 

Meses de protestas

CIG e CCOO enumerarán este luns os motivos, moitos e diversos, que dende hai meses veñen alimentando esta convocatoria de folga. Algúns afectan a cuestións máis corporativas e outros a elementos máis visibles para a sociedade, algúns supoñen quebrantos inmediatos para pacientes e profesionais e outros afectan máis a medio e longo prazo. Pero todas, en maior ou menor medida, atacan en opinión das centrais sindicais convocantes á calidade da sanidade pública.

CIG e CCOO enumerarán este luns os motivos. Todos, en maior ou menor medida, atacan en opinión das centrais sindicais convocantes á calidade da sanidade pública

Sen dúbida, o repago de medicamentos e outros servizos médicos é o elemento que maior alarma provocou na sociedade, e que fixo reaccionar a colectivos de todo tipo, e tamén a institucións, principalmente concellos, en todo o país. Pero non é o único elemento de protesta. Foron varios os momentos en que sindicatos e partidos da oposición sinalaron os intentos da Xunta de externalizar e privatizar certos servizos que até agora veu realizando o sistema público de saúde. Recentemente, CIG-Saúde alertou dos problemas provocados por estas externalizacións. De igual xeito, existe unha gran preocupación polo custoso concurso que en breve externalizará as necesidades tecnolóxicas do SERGAS, deixando en mans privadas un elemento fundamental e moi caro do servizo.

Tamén a nivel da xestión de persoal hai críticas, motivadas pola non reposición das xubilacións, o peche de camas, a eliminacións de substitucións e a fin do Plan de Mellora da Atención Primaria, "un ERE encuberto", en palabras dos sindicatos. De feito, no ano 2012-13 xubiláronse no Sergas 2.330 persoas en todas as súas áreas de actividade, pero por mor da limitación establecida polo Goberno central só se poden cubrir con novas contratacións un 10% destas prazas.

E hai moitos máis motivos que queixa e crítica, que a bo seguro estarán presentes na mobilización de decembro. Dende o gasto que o SERGAS dedica a a sufragar o persoal relixioso dos hospitais (660 mil euros ao longo de 2013), a proliferación de centros de orientación familiar "clericais", os proxectos piloto en atención sanitaria non presencial, "outro fenómeno de recorte que pretende aforrar persoal que fará minguar a calidade da atención, segundo SOS Sanidade Pública", ou os problemas derivados do proxecto de construción do novo hospital de Vigo; e, por suposto, a Lei de Garantías, que abre a porta a un "cambio de modelo" no que as empresas de capital privado son equiparadas aos centros sanitarios públicos, e pola que poderán recibir pacientes da pública. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.