"Se a oposición ao PXOM non se visibilizou tanto é porque pola crise o plan apenas comezou a desenvolverse"

O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende

O Monte é noso_Sachando procomún é un proxecto colaborativo e horizontal que procura facilitar a visibilidade dos montes comunais e das comunidades que as xestionan, así como a reapropiación destes montes por parte dos veciños e veciñas por ser estes garantes na sustentabilidade dos territorios. Falamos cun dos seus activistas, sobre o futuro do monte de Liñeiriños, do proxecto de Porto Cabral e dos conflitos que xera e xerará o PXOM vigués. Tamén sobre o nacemento e extensión dunha nova conciecia en Galicia sobre o valor dos montes veciñais. Sinala que a construción dun macrocentro comercial no lugar só podería ser levado polo Concello a través de atallos legais, "co impacto ambiental consecuente no propio monte", mais finalmente sería "desestimado nos tribunais".

"As últimas novas falan de que están a estudar xuridicamente se é viable a expropiación. Ese dato por sí mesmo xa pon en evidencia a falla de claridade do PXOM vigués"

Cres que o Concello se atreverá finalmente a seguir adiante con Porto Cabral, levando a cabo unha expropiación, un plan parcial de desenvolvemento de área... ?

As últimas novas falan de que están a estudar xuridicamente se é viable a expropiación. Ese dato por sí mesmo xa pon en evidencia a falla de claridade do PXOM vigués e as dúbidas que suscita a operación entre os que antes parecían tan decididos a obrar. Dende o montenoso cremos que o PXOM foi mal redactado, sen prestar atención a realidade do que é o Monte Veciñal en Man Común. O monte veciñal debería quedar fóra do sector de Liñeiriños, xa que non é posible compatibilizar un desenvolvemento terciario de carácter privado coa propia existencia deste. 

Ademais, no propio PXOM fálase, no punto 5 dos "obxectivos" que se marca para o "desenvolvemento do sector de Liñeiriños", que "como medida específica de corrección dos impactos de ocupación procurarse a conservación e rehabilitación do bosque autóctono de Cotogrande, ao que se lle da a clasificación de Solo Rústico de Protección Especial". Se tomamos o argumento que está a repetir o Concello de que el só quere "cumprir o que marca o plan", deberían respectar o bosque tal e como está ben redactado no documento. Pola contra, nese punto pasan por riba e pretenden non respectalo, xa que non lles interesa e tratan de disfrazalo propoñendo unha permuta de terreos, como se un bosque autóctono e con anos se puidera cambiar por outra terra sen máis. A expropiación non é legal. O problema é que parte dunha errónea delimitación do sector de Liñeiriños no PXOM que habería que subsanar sacando o monte veciñal deste sector. 

"Se se levase aos tribunais o sector de Liñeiriños, moi probablemente obrigarían a revisalo pola indefinición dos usos sinalados para a área do monte veciñal. Ou ben indícase un uso con utilidade pública xustificada ou ben sácase fóra do ámbito o monte veciñal"

Como se podería xustificar a utilidade pública desta expropiación?

Non se pode xustificar dende o punto de vista legal. O único no que se poden amparar se queren continuar é na delimitación do plan, que como temos argumentado, debería ser revisado. Cremos que se se levase aos tribunais o sector de Liñeiriños, moi probablemente obrigarían a revisalo pola indefinición dos usos sinalados para a área do monte veciñal. Ou ben indícase un uso con utilidade pública xustificada ou ben sácase fóra do ámbito o monte veciñal. A segunda opción evidentemente é a que ten máis sentido conforme estima o propio plan no punto 5 dos obxectivos antes mencionados.

O conflito xurdido a raíz de Porto Cabral abriulles os ollos a moita xente sobre o gran problema que representa o PXOM en Vigo?

Cremos que moita xente xa os tiña ben abertos. De feito houbera moita oposición, especialmente nas parroquias, que apenas foi reflectida nos principais medios. Aínda así, esta oposición xa conseguira eliminar unha parte da terrible Ronda das parroquias. 

Porto Cabral, non obstante, é só a punta do iceberg dunha maneira de facer urbanismo que se demostra obsoleta e que ten unha enorme falla de respecto polo rururbano vigués e pola xente. Considera a maior parte do solo como residencial, sen atender a usos agrícolas e medioambientais que tanta importancia teñen nas parroquias. De feito, todo o solo das parroquias de Vigo é considerado como urbanizable, sexa para grandes megaproxectos sen moito sentido, por duplicar estruturas xa existentes, coma a Cidade do Frío ou a Cidade do Deporte (chamada do Celta) en Valadares; sexa para delimitar grandes sectores urbanizables para áreas residenciais, o que impide de feito que os pequenos propietarios xestionen o futuro das súas parcelas, xa que pola súa dimensión solo poderán xestionalo as grandes promotoras. É o mesmo que está a pasar en Coruña co parque Ofimático pero extrapolado en toda a área urbana viguesa!

"Se a oposición ao Plan non se visibilizou tanto é porque pola crise o Plan apenas comezou a desenvolverse"

Se a oposición ao Plan non se visibilizou tanto é porque pola crise o Plan apenas comezou a desenvolverse. Isto non indica que non se faga presente se empeza a desenvolverse.

Cres que xerou un novo sentimento de apego ao monte, de defensa do común?

Cremos que en Cabral moita xente nova e moza está a coñecer o valor dos comúns e que moita xente maior está a transmitir positivamente a visión que ten do monte e do que significa. Pensamos que é un bo inicio, mais cómpre con este pulo crear foros continuos de traballo en prol dos comúns, non (só) da súa defensa, senón de como xestionalos ben, do que poden significar para o desenvolvemento e mellora da parroquia, de poñelos en valor. Tamén hai moito que aprender e mellorar nas formas de dialogar entre todxs para acadar obxectivos.

"Os montes veciñais máis que pouco valorados, son pouco coñecidos, especialmente nas cidades. Non entenden a súa forma de xestión e as súas enormes posibilidades como xerador de recursos e beneficio"

A sociedade galega, comuneiros ou non, valoran os montes comúns como deberan?

Os montes veciñais en man común son os grandes esquecidos da realidade galega, malia que máis dunha quinta parte das galegas e galegos forman parte deles. Máis que pouco valorados, son pouco coñecidos, especialmente nas cidades. Non entenden a súa forma de xestión e as súas enormes posibilidades como xerador de recursos e beneficios que permiten investimentos xestionados polxs propixs veciñxs das parroquia. 

Proxectos como o monte é noso sachando mancomún ou o documental de En todas as mans están intentando sacar á luz esta importante realidade.
Pero en Galicia hai moitos mais comúns que teñen que ser visibilizados: a xestión das comunidades de augas e camiños, a dos vellos muíños de herdeiros, a das serventías, a das agras... Todas teñen enormes posibilidades para o futuro próximo.

Que podemos aprender para outras loitas sociais da experiencia dos últimos meses en Cabral?

Creo por unha banda que debemos estar moi satisfeitos coa mobilización realizada en pouco tempo e estando case todos os principais medios de comunicación da cidade en contra! Non obstante, cabe facer unha reflexión. É preciso crear estruturas e darlle pulo ás existentes de cara a acadar maiores doses de transparencia e especialmente ser quen de falar e dialogar entre todas mais e mellor.  Do conflito, creo que necesitamos ser conscientes de que temos que organizarnos moito moito mais coma veciñas para poder construír entre todas os nosos lugares.

O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende
Parte de monte que sería destruído polo centro comercial Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.