0 Gardados para despois

O Sergas 'detén' un mamógrafo móbil e instálao no hospital de Verín

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Recortes na prevención do cancro? Semella que si. En tempos de restricións orzamentarias e mentres paira a sombra do repagamento sobre o conxunto da sanidade pública, as estreiteces comezan a ser máis que tanxibles no Servizo Galego de Saúde. Un novo síntoma desta circunstancia vén de xurdir nunha especialidade sanitaria tan sensible como é a oncoloxía e consiste, esencialmente, na redución de equipos para detectar un dos tumores máis frecuentes, o cancro de mama. Unha resposta parlamentaria do Goberno galego ao BNG vén de confirmar o que pacientes e asociacións de defensa da sanidade pública viñan denunciando: a fin das unidades móbiles que durante anos se utilizaron para a detección temperá desta enfermidade polas vilas do rural galego ten unha dupla consecuencia. Non só se elimina un servizo que facilitaba o acceso das pacientes á asistencia, senón que os mamógrafos que se utilizaban neste servizo itinerante se están a usar agora para reemprazar equipos fixos dos hospitais, no canto de adquirilos novos se é necesario.

A Consellería de Sanidade viuse obrigada a recoñecer esta circunstancia despois de que a voceira do Bloque en materia sanitaria, Ana Luisa Bouza, preguntase pola "ubicación actual dos mamógrafos" antes instalados nas unidades móbiles tras o "desmantelamento destas". Segundo os datos do propio Sergas, no momento de maior "expansión" do programa de detección precoz do cancro de mama, no ano 2005, chegaron a existir catro mamógrafos móbiles. Atendendo á explicación que agora lle ofrece a Bouza, un deles está "instalado e funcionando normalmente no hospital de Verín". Outro foi utilizado "provisionalmente" no Hospital de Monforte "ata que se instalou o actual", que "satisface adecuadamente as necesidades da poboación atendida". "Os outros", simplemente, están "almacenados".

O Sergas mantén "almacenados" tres dos mamógrafos que antes se utilizaban nas unidades móbiles

Atendendo a esta explicación é posible afirmar que o Goberno galego vén de mudar a súa propia versión a respecto da eliminación das unidades móbiles de detección temperá do cancro de mama. Non en van, durante meses dende o Sergas mantívose que a única finalidade desta decisión era gañar en eficacia e aplicar unha tecnoloxía de detección máis precisa, pero non empregar os mamógrafos móbiles a xeito de fonte de recambios para os hospitais. Neste contexto, Bouza considera en declaracións a Praza Pública que, directamente, os responsables da sanidade pública galega están a recoñecer que "mentiron". "Cando eliminaron as unidades móbiles dicían que o facían para utilizar unha maquinaria máis moderna que as oscilacións dos autobuses podían estragar". "Recoñecendo que foran un instrumento moi importante para que o programa funcionase, facían ese sacrificio para gañar en fiabilidade do diagnóstico", apunta. "Pero, ao contrario do afirmado, "estase a facer un recorte puro e duro" nunha proba que, lembra "se fai sen síntomas" previos nas pacientes, polo que "hai que facilitar o máis posible que as mulleres a fagan" con medidas como achegarse aos seus lugares de residencia.

Máis de 4.000 cancros detectados dende 1992

Malia recoñecer a instalación en Verín do mamógrafo antes utilizado nunha unidade móbil a versión oficial da Xunta dista moito de pasar polo recoñecemento de recortes neste programa de detección precoz. Segundo un informe elaborado polo Goberno galego en 2010 para avaliar este plan de prevención da enfermidade, o obxectivo da "reestruturación" do programa é "dar unha mellor resposta ao compromiso de citar a todas as mulleres de Galicia cada dous anos, con todos os requisitos de calidade". As unidades móbiles, di o Sergas neste informe, "tiñan superada a súa vida útil e presentaban carencias para ofreceren un servizo de calidade", como "carecer de espazos axeitados para a espera" ou de lugares de "intimidade" para a realización da enquisa que complementa á propia exploración. A "reestruturación", abonda o infrome, implica "eliminar" as unidades móbiles, pero "ampliando a estrutura fixa" e "abrindo novas unidades nos hospitais comarcais". Esa novidade semella non existir en casos como o de Verín, onde o mamógrafo móbil pasou a ser fixo.

Ana Luisa Bouza: "Mentiron, isto é un recorte puro e duro"

"Os números van baixar, non imos gañar en diagnósticos", augura Ana Luisa Bouza, que subliña a "dificultade engadida" que para as habitantes das comarcas rurais supón desprazárense para someterse a unha  mamografía. É "unha mostra máis da desigualdade entre os hospitais comarcais e os grandes", asegura a nacionalista, nun contexto no que, mentres se restrinxe a adquisición de mamógrafos, se "despilfarra", por exemplo, "en equipamento informático" de dubidosa utilidade. "Onde van eses millóns de euros?", pregúntase.

Así as cousas, a "reestruturación" sanitaria ten neste ámbito outra das súas facianas máis reais e preocupantes, nun programa que entre 1992 e 2010 atendeu a 1,4 millóns de galegas entre as que se detectou no mesmo período un total de 4.052 cancros de mama, tumores que, collidos a tempo, presentan unha alta taxa de curación. Non obstante, o Sergas mantén que "para poder prescindir das unidades móbiles, se ampliará o tempo dalgunhas unidades fixas" nas principais cidades.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.