17M: Manifestación “pola lingua que nos une”

Cartaz da manifestación © Queremos Galego

A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e da que fan parte case 700 entidades sociais, afirma que “sobran os motivos” para mobilizarse e para “ateigar de novo” as rúas e prazas de Santiago de Compostela este vindeiro Día das Letras, en protesta contra a “política de desmantelamento da cooficialidade lingüística” e de “caza de bruxas contra o galego” emprendida polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. Para Carlos Callón, voceiro da Plataforma, denunciou esta mañá que hai "un goberno da Xunta máis preocupado en atacar a lingua propia e destruír a súa oficialidade que en resolver os problemas da xente”.

Para Callón nos tres anos de xestión do actual goberno houbo “moitos retrocesos e nin un só adianto, nin sequera podemos dicir que unhas cousas foron mellores que outras. Os retrocesos foron moi graves sobre todo naqueles ámbitos fundamentais: ensino, administración, medios de comunicación”. Na súa opinión, o Executivo ultrapasou xa “moitas, demasiadas liñas vermellas”. Unha das máis recentes, segundo Queremos Galego, é “cuestionar”, mediante a “censura” de textos escolares, “que o galego é a lingua propia de Galiza”.

Carlos Callón chamou a “unha mobilización que non é só das persoas que xa falamos galego, senón de todas as que non falan galego ou aínda non o falan, pero son conscientes de que o galego é o elemento que nos une"

Queremos Galego volve convocar unha mobilización masiva no 17 de maio, despois de dous anos doutro tipo de accións. Para Callón, “as respostas non sempre poden ser as mesmas, hai que modulalas; ás veces débense convocar manifestacións multitudinarias e outras hai que facer concentracións sectoriais, concertos, conferencias...”.

Na súa opinión, "hai unha preocupación social moi importante, cuantitativa e cualitativamente, pola situación do galego" e nas vindeiras semanas a plataforma levará a cabo un conxunto de accións de difución por todo o pais e na diáspora “para lograrmos rachar a mordaza mediática que sufrimos. Clama ao ceo que a TVG leve 117 días sen dar unha información sobre Queremos Galego. Por iso queremos superar esas barreiras mediáticas e chegarmos a pé de rúa”.

Carlos Callón chamou a “unha mobilización que non é só das persoas que xa falamos galego, senón de todas as que non falan galego ou aínda non o falan, pero son conscientes de que o galego é o elemento que nos une e que son necesarias políticas públicas para protexelo e normalizalo”.

 

A xestión de Valentín García

En opinión de Carlos Callón, non hai cambios reais na xestión do novo responsable de Política Lingüística, Valentín García, con respecto ao seu predecesor, Anxo Lorenzo: “a min recórdame a canción de Carlos Puebla: mire usted, a mí me parece ford lo mismo que chevrolet; Valentín García e Anxo Lorenzo son Ford e Chevrolet, non é unha cuestión de nomes, aínda que dá mágoa que sexan dúas persoas procedentes do estudo da lingua galega os que están a cometer estes ataques contra o noso idioma”.

"Hai un mellor talante, pero o que ten que haber son políticas concretas de amparo ao noso idioma”

Para Callón “o importante non son os nomes, son as políticas. Con Valentín García non houbo ningunha medida para remediar as desfeitas causadas no mandato de Anxo Lorenzo, non hai ningún adianto. Si que hai un mellor talante, unhas luvas de veludo, pero o que ten que haber son políticas concretas de amparo ao noso idioma”.

Cartaz da manifestación © Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.