0 Gardados para despois

O dobre fío das consultas telefónicas do Sergas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Falar por teléfono coa doutora ou doutor de cabeceira non é unha novidade para un amplo volume de pacientes do Servizo Galego de Saúde, especialmente para aqueles que teñen o mesmo profesional sanitario de referencia dende hai moitos anos. A pasada primavera o Sergas puxo en marcha un plan piloto de "atención non presencial" nos servizos de atención primaria en sete centros de saúde do país que deron como resultado 345 consultas por teléfono, un 12,13% de todas as realizadas nese mesmo período. Dende este luns a Xunta márcase un reto máis ambicioso, chegar a un 20% de atención médica telefónica, un servizo que pode ser visto como unha comodidade pero que tamén é, a xuízo das organizacións en defensa da sanidade pública, unha arma de dobre fío.

De agora en diante quen o desexe pode pedir cita no Sergas para unha consulta telefónica e o doutor ou doutora chamará na hora indicada. O servizo público de saúde estima que, de todas esas chamadas, apenas un 10% terá que derivar nunha consulta presencial. Segundo a Consellería de Sanidade os e as pacientes están ante unha decisión que ten moitas vantaxes e ningún inconveniente; aumenta a "capacidade de elección", permite "mellorar a accesibilidade da cidadanía", evita "desprazamentos innecesarios" e "favorece a implantación de sistemas organizativos que posibilitan consultas e revisións non presenciais por parte dos pacientes e das persoas coidadoras".

A Xunta agarda que apenas o 10% das chamadas derive nunha consulta presencial

Non hai, polo tanto, 'cara b' desta medida. Para Manuel Martín, médico e voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, si que a hai. A xuízo deste colectivo o Sergas vén de implantar "outro fenómeno de recorte, que pretende aforrar persoal e reducir a presión sobre as consultas médicas". As chamadas telefónicas entre médicos e doentes son, segundo Martín, "unha práctica máis ou menos habitual" entre os profesionais "máis preocupados polos seus pacientes". Converter esta práctica nun plan estruturado e con obxectivos cuantificables é, ao seu xuízo, outra "escusa" para afondar en medidas como "as prolongacións de xornada", ou a "non reposición de xubilacións nin vacacións". Trátase, alerta de "traballar, en moitos casos, en sesión dobre para aforrar contratacións" mentres "hai médicos no paro que se ven obrigados a emigrar".

A Consellería asegura que mellora a "accesibilidade da cidadanía", SOS Sanidade, advirte de que pode ser unha nova "escusa" para recortar

Nestas condicións, advirte Martín, a calidade da atención primaria e, polo tanto, da atención sanitaria no seu conxunto vai mermar aínda que a Xunta habilita a atención telefónica. As consultas presenciais, salienta, son "naturais, lóxicas e obrigatorias", polo que pretender substituílas -aínda que o plan de Sanidade sexa voluntario- por unha chamada telefónica sería "unha estafa á poboación". Así as cousas, SOS Sanidade coida que este programa non debera estar orientado a reducir as consultas ordinarias, senón limitarse á posibilidade de aclarar dúbidas sen acudir ao centro de saúde. "Para todo o demais as consultas presenciais son imprescindibles", advirte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.