"A sanidade está nun momento crítico. Debe haber unha reacción de profesionais e cidadáns"

Manifestación contra a privatiación da sanidade CC-BY-SA Susete

"O sistema en Galicia está nun momento crítico", "folga histórica", "unha folga en defensa da sanidade pública", "o que está en xogo é manter a sanidade pública"... As palabras dos representantes dos sindicatos convocantes e doutras entidades profesionais sitúan a folga convocada no SERGAS para os vindeiros 9 e 10 de decembro como un momento clave na definición da sanidade pública galega dos vindeiros anos. 

A folga está convocada polos sindicatos CIG, CCOO. OMEGA e CEMS, unha coincidencia entre sindicatos de clase e corporativos, que non sempre foron da man nas súas reivindicacións, que Manuel Martín (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) considera "histórica", o mesmo que o feito de que "na táboa reivindicativa as cuestións fundamentais non son laborais ou corporativas". "Esta é unha folga en defensa da sanidade pública, para acabar con esta estratexias de desmantelamento e privatización", destaca. 

Ángel Cameselle afirma que "os recortes aféctannos primeiro aos profesionais, pero quen os sofren son os cidadáns"

En efecto, mesmo naquelas cuestións que atinxen máis directamente a cuestións laborais, coma a taxa de reposición que impide cubrir as xubilacións, os sindicatos inciden sobre todo no prexuízo que esta redución de postos de traballo pode xerar na poboación. Como destaca María Xosé Abuín (CIG-Saúde), "como sigamos perdendo postos de traballo, vai ser inviable prestar un servizo de calidade cos profesionais que quedan. O peche de camas no verán ou a negativa a facer contratacións o que fan é incrementar as listas de espera, e romper o dereito a unha sanidade de calidade". Abuín conclúe que "todas as normas do Goberno central e da Xunta van no mesmo sentido: romper a igualdade e a equidade no sistema". Neste senso, Ángel Cameselle (CCOO-Sanidade) afirma que "os recortes aféctannos primeiro aos profesionais, pero quen os sofren son os cidadáns".

Manuel Martín: "O sistema en Galicia está nun momento crítico. Como non haxa unha reacción parte dos profesionais e dos cidadáns, a cousa vai estar moi mal"

Manuel Martín advirte de que "agora as únicas partidas nas que se pode seguir recortando son as de persoal. As medidas para recortar o gasto farmacéutico, aínda que conseguiron incrementar o consumo de xenéricos, fracasaron". E alerta de que “a situación no sistema sanitario comeza a ser límite. Os recortes que introduciron, no marco dunha política de entrada do capital privado nos hospitais e noutras áreas do sistema, están xerando unha situación tremendamente diabólica. Os orzamentos son escasos e ademais desvíanse cara a investidores privados, fondos de investimento, sobre todo. O sistema en Galicia está nun momento crítico. Como non haxa unha reacción parte dos profesionais e dos cidadáns, a cousa vai estar moi mal".

"Farjas e Mosquera dicíannos que eramos uns alarmistas por dicir que ían aprobar o copago. Pois ben, agora temos copago, repago e dobrepago"

"Os recortes afectan sobre todo aos usuarios", reitera Ángel Cameselle, "Farjas e Mosquera dicíannos que eramos uns alarmistas por dicir que ían aprobar o copago. Pois ben, agora temos copago, repago e dobrepago". "Imos cara a unha sanidade na que a xente que teña capacidade económica poderá acceder aos mellores profesionais e á tecnoloxía e probas máis caras, e a que non teña cartos, terá outra sanidade, máis parecida á beneficencia", conclúe.

María Xosé Abuín: "O que está en xogo é manter a sanidade pública. O que non queremos é que se reparta entre empresas amigas que buscan beneficio. Acabou a burbulla inmobiliaria e agora queren facer negocio cos servizos públicos"

En termos semellantes exprésase María Xosé Abuín: "O que está en xogo é manter a sanidade pública. O que non queremos é que se reparta entre empresas amigas que buscan beneficio. Acabou a burbulla inmobiliaria e agora queren facer negocio cos servizos públicos. Imos cara a unha sanidade para quen teña cartos e outra para quen nos os teña". Abuín responde finalmente ás recentes declaracións da conselleira de Sanidade, que afirmou que o modelo de xestión da Xunta non pasa por "privatizar a bata branca". A responsable de CIG-Saúde subliña que "na sanidade non só hai batas brancas, os servizos préstanse integralmente".

 

As áreas de xestión sanitaria

"Están intentando laboralizar o persoal como un primeiro paso para crear estas empresas nos centros, facer EREs e botar xente á rúa"

Un dos cabalos de batalla no 2014 será a posta en marcha de áreas de xestión clínica, coas que se busca, segundo os gobernos central e galego, unha xestión máis eficiente e recortar o gasto, a cambio de incentivos salariais. Porén, existe a posibilidade de estas áreas poidan converterse en entidades xurídicas propias (fundacións, consorcios...) e despois privatizalas e de que os traballadores, polo tanto, perdan a súa condición de funcionarios. Neste senso, Manuel Martín salienta que as áreas de xestión clínica "aínda que negan polo máis sagrado que non van ter personalidade xurídica propia, orzamento propio e que non lle van dar entrada ao sector, son o que son, e as súas palabras non son cribles". Engade que "están intentando laboralizar o persoal como un primeiro paso para crear estas empresas nos centros, facer EREs e botar xente á rúa".

De igual xeito, para Ángel Cameselle, a lei aprobada "permite a laboralización. En tres anos poderán dar entrada, sen ningún tipo de reparo, ás empresas no sistema. Xa o fixo Feijoo cando era conselleiro, coa creación de Medtec". E engade que "detrás das unidades de xestión clínica veñen as privatizacións e o paso da sanidade pública ao mercado. E o que é rendible no mercado non é rendible na sanidade. Porque os milleiros de enfermos crónicos non son rendibles".

"Como se pode dicir que as unidades van aforrar custes? Nos orzamentos entre 2011 e 2014 hai xa unha redución orzamentaria de 270 millóns de euros"

Para María Xosé Abuín, "coa lei 15/97 e a norma que veñen de aprobar (10/2013), está listo o marco xurídico que permite facer iso. Cando o van facer? Non o sabemos. A Xunta di que 'de momento non', pero xa sabemos como son os seus compromisos e promesas. O que si sabemos é que hai unha modificación lexislativa importante que permite esa privatización. A propia conselleira dixo que 'non se pode blindar o futuro'”. Abuín rexeita que esta medida poida supor aforro ningún no gasto: "Como se pode dicir que as unidades van aforrar custes? Nos orzamentos entre 2011 e 2014 hai xa unha redución orzamentaria de 270 millóns de euros. Se o obxectivo da xestión clínica é mellorar a asistencia, a asistencia ten que mellorarse reducindo as listas de espera, con máis recursos humanos". E sinala, ao igual que a semana pasada facía Ramón Veras, "a desconfianza que vai xerar na poboación, pois a xente non vai saber se o médico actúa seguindo un criterio clínico, ou seguindo un ditame da Consellaría de Sanidade".

 

Externalización dos servizos tecnolóxicos do SERGAS

Outro dos asuntos que marcarán a convocatoria de folga do 9 e 10, e tamén todo o ano 2014 é o proxecto da Xunta de externalizar a toma de decisións sobre as necesidades tecnolóxicas do SERGAS. Para Ángel Cameselle, "se son as empresas as que definen cantas probas médicas se fan, estamos pervertendo o sistema". E pon o exemplo "do Hospital Xeral de Vigo, onde as resonancias están xestionadas por Galaria, fixéronse o dobre de resonancias que noutros hospitais públicos".

A externalización "non vai mellorar a tecnoloxía, nin se van abaratar custes, e a tecnoloxía estará non onde máis o necesite a poboación, senón onde a empresa decida"

María Xosé Abuín incide en que "esta empresa vai ter a capacidade para decidir que tipo de servizo tecnolóxico se presta, as compras de tecnoloxía que debe facer o SERGAS ou tamén a continuidade dun determinado servizo nun centro, ou se pola contra estes servizos son recentralizados". E conclúe que a externalización "non vai mellorar a tecnoloxía, nin se van abaratar custes, e a tecnoloxía estará non onde máis o necesite a poboación, senón onde a empresa decida". Destaca, finalmente, que "a empresa privada sabe das máquinas, de tecnoloxía, de como funcionan, pero os profesionais saben de calidade do servizo que se presta. Na administración hai boa profesionais que son capaces de facer este traballo, pero hai interese en privatizar".

 

13 manifestacións

Ademais da convocatoria de folga de luns e martes, están anunciadas 13 manifestacións noutras tantas cidades e vilas galegas para o 10 de decembro.

  • O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa
  • Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios
  • Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa
  • Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral
  • Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.
  • Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiúsos da Xunta de Galicia
  • Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial
  • Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa
  • A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar
  • Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde
  • Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h
  • Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital
  • Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.
Presentación da convocatoria de folga de CC.OO. e CIG Dominio Público Praza Pública
Manifestación contra a privatiación da sanidade CC-BY-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.