"O desleixo da Xunta fai que nos enfrontemos a unha posible e elevada multa da UE"

Estado da Braña de Fabás, incluida no LIC Parga-Ladra-Támoga, na actualidade © SGHN

A Xunta vén de ser denunciada ante a Unión Europea pola "degradación" dos seus espazos naturais. Foi a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) quen solicitou á Comisión Europea que abra un proceso de infracción da lexislación comunitaria contra o Estado español e a comunidade logo de varios traballos de campo que certifican a pésima situación na que se atopan os Lugares de Interese Comunitario (LICS) ou as áreas incluídas na proposta de ampliación da Rede Natura 2000. Todo, tal e como aclara o colectivo, debido ao "desleixo absoluto e evidente" da administración autonómica, que "nada fixo" logo de que transcorresen dous anos desde que se aprobara no Parlamento a proposta de ampliación desta Rede. O Goberno galego, nin para conservar os espazos xa incluídos nesta figura nin para mellorar as eivas dos que aspiran a inserirse. Unha desfeita que enfronta a Administración a un posible expediente sancionador e a unha "elevada multa", tal e como aclara Serafín González, presidente da SGHN. Malia todo, en San Caetano seguen en silencio.

"Hai un desleixo absoluto e evidente por parte da Xunta, que nada fixo tras aprobarse a ampliación da Rede Natura"

"A situación é moi grave; antes de enviar o informe á Comisión Europea enviámosllo á Consellería de Medio Ambiente preguntándolle que pensaba facer para arranxar a situación, pero nada dixo; agardamos máis dun mes e, como vén sendo habitual, non contestou", explica González. Ante o silencio "nada anormal" da Xunta, a SGHN denunciouna ante a UE a través dun detallado informe no que, con fotografías e datos, se aprecia a grave "degradación" de máis de trinta espazos naturais, malia a obriga do Goberno de protexelos.

Serafín González lembra que a Administración galega xa foi advertida pola insuficiencia e escasa Rede Natura en Galicia, ao que se engade agora a "degradación" provocada nos espazos incluídos e aspirantes pola falta de actuacións e por un "desleixo" grave. "A Rede Natura non é unha declaración retórica, senón que implica unhas obrigas que hai que cumprir", explica, logo de advertir de que a Xunta estaría incumprindo varias directivas europeas, tal e como alerta o informe: pola conservación dos hábitats naturais e das aves silvestres, así como unha relativa ao acceso do público á información medioambiental.

A Rede Natura non é unha declaración retórica, senón que implica unhas obrigas que hai que cumprir", lembra Serafín González

Pero nada parece facer reaccionar ao Goberno. Nin plano de xestión, nin plano director logo do paso de tres gobernos diferentes por San Caetano. "O plan de ordenación de recursos naturais de Pena Trevinca comezou hai dez anos e así seguimos, sen nada", explica González como exemplo. "Non pode ser, deixan pasar o tempo e deixan facer, pero ao final teremos que pagar todos nós, porque a multa, de caer, recaerá sobre o Estado e seremos os cidadáns os que pagaremos, pero sobre todo serán os espazos naturais os que terán que aturar as consecuencias", insiste. "Poderíase enfrontar a unha grave multa das institucións europeas", recorda.

Tal e como se pode apreciar no informe, a UE poderá constatar agora "a perda significativa daqueles tipos de hábitats que xustificaban tecnicamente a súa inclusión na proposta presentada pola Xunta para ser avaliada pola Comisión Europea", así como situacións "dramáticas" nalgunhas zonas, especialmente nas provincias de Lugo e da Coruña, provocadas "por falta de vixilancia, neglixencia ou incompetencia" o que derivou "nunha xeneralizada destrución e degradación dos hábitats de interese comunitario".

O informe constata a "degradación" de varios espazos naturais e a situación "dramática" dalgúns deles

Entre as causas que provocaron a desfeita hai varias entre os 36 espazos analizados. Unha delas, a masiva eucaliptización de áreas como as Fragas do Eume -nestas xusto despois do incendio de 2012- ou en Xubia-Castro; os graves danos provocados pola instalación de parques eólicos ou infraestruturas viarias, como na Serra do Careón; o desbroce masivo; as minas a ceo aberto de lousa e os seus residuos, como no caso de Pena Trevinca... E o desleixo, sobre todo o desleixo máis absoluto e o "deixar facer" que denuncia Serafín González, unha situación medioambiental que, como denuncia, tampouco semella preocupar demasiado na oposición, que pouco ou nada fixo para instar o Goberno a amañala. "Antes de mandar as notas de prensa, sempre enviamos os nosos informes a todas as formacións políticas", recorda.

A masiva eucaliptización, o desbroce, explotacións mineiras ou parques eólicos teñen provocado a desfeita nas áreas protexidas

Agora, e non en menos de dous meses, a Comisión Europea decidirá se abren expediente ou non á Xunta ante a gravidade dos feitos. Se así é, o Estado e a Administración autonómica poderían ter que facer fronte a unha elevada sanción, máis importante aínda nos tempos de crise económica actuais e que sería dificilmente asumible.

Serafín González, nun dos vídeos contra a mina Dominio Público Praza Pública
A Ventureira, nas Fragas do Eume, en febreiro de 2013 CC-BY Iván Méndez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.