"A cidadanía entende que é mellor perder un día de servizo que perder o dereito á sanidade de por vida"

Concentración ante o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol © CIG-Saúde Ferrol

Os sindicatos destacan o elevado seguimento que está tendo a primeira das dúas xornadas de folga convocada por CIG, CCOO e CEMS-Omega na sanidade pública galega. Cifran a participación global arredor do 80%, cunha incidencia mesmo superior entre os médicos e en varias comarcas, como Salnés, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol ou A Mariña. Ademais da participación dos traballadores, as centrais salientan "o apoio que a cidadanía está dando á folga", e fan un chamamento á participación da sociedade nas manifestacións e concentracións convocadas para a tarde do martes. En palabras de María Xosé Abuín, "a cidadanía entende que é mellor perder un día de servizo que perder o dereito á sanidade de por vida".

Os servizos mínimos previstos pola Xunta para esta folga superan o 35% en case todas as áreas, polo que a Xunta está recoñecendo cos seus datos unha participación que rolda o 60%

A Xunta rebaixa a participación na folga ao 21,85%. Porén, para Abuín, este dato supón que "mesmo a Consellaría recoñece o éxito do paro". En convocatorias anteriores a Xunta cifraba a participación entre un 3% e un 5%, "hoxe fala dun 21,85% en global, con áreas nas que se se supera o 35%", destaca. Engade que "tendo en conta que o SERGAS contabiliza as persoas que teñen que facer servizos mínimos como que non apoian o paro, a cifra é moi elevada. Nós si contabilizamos estas persoas como parte dos folguistas". Os servizos mínimos previstos pola Xunta para esta folga superan o 35% en case todas as áreas, polo que a Xunta está recoñecendo cos seus datos unha participación que rolda o 60%.

A este respecto, Francisco Vizoso salienta que "o Sergas sempre fai trampa ao informar das porcentaxes de participación, pois a participación que fai pública calcúlaa como o cociente entre o número de traballadores que foron  á folga dividido polo total do cadro de persoal, no canto de dividilo entre os que estaban en condicións de ir á folga". Conclúe que "o obxectivo é claro: terxiversar, reducindo artificialmente, a participación real na folga". Vizoso engade que "de iren á folga todos os que están en condicións de facelo, é dicir, de termos unha participación real do 100%, o SERGAS recoñecerá como tope unha participación máxima do 56,8%".

Abuín denuncia que "as xerencias estaban presionando para que se incumprise o decreto de mínimos"

As críticas ao SERGAS tamén chegan polas "dificultades" e "a obstrución" exercida contra a folga, "programando actividades que non tiñan por que programar para hoxe", salienta Ángel Cameselle (CC.OO.). A este respecto, María Xosé Abuín comenta que as únicas incidencias rexistradas no paro de hoxe déronse en Compostela, no servizo de Radioloxía, onde "a dirección tentou que se fixesen todas as probas, cando o propio decreto de mínimos recolle que nos servizos de raios hai que facer as probas que sexan complementarias para operacións urxentes, ou aquelas que se decidan por criterios clínicos". Abuín denuncia que "as xerencias estaban presionando para que se incumprise o decreto de mínimos. E en Vigo o mesmo sistema co laboratorio".

María Xosé Abuín destaca finalmente que, en cambio, "non houbo ningún problema cos pacientes, a xente entendeu que estamos loitando por defender a sanidade pública de calidade". Abuín sinala que con esta folga “o que queremos é que o goberno entenda que a sanidade ten que ser universal, gratuíta e de calidade; que se financia cos nosos impostos e que estes son cartos de todas e todos nós entregados ao goberno para que nolos devolva en servizos, non para que faga negocio e entregue a sanidade aos seus amigos para o seu enriquecemento a custo da nosa saúde”.

 

13 manifestacións

Ademais da convocatoria de folga de luns e martes, están anunciadas 13 manifestacións noutras tantas cidades e vilas galegas para o 10 de decembro.

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa
Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios
Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa
Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral
Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.
Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiúsos da Xunta de Galicia
Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial
Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa
A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar
Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde
Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h
Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital
Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Manifestación na Coruña © CIG-Saúde
Concentración ante o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol © CIG-Saúde Ferrol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.