As plataformas galegas impulsan unha ILP contra os desafiuzamentos

Manifestación contra os desafiuzamentos en Madrid este 16F Dominio Público @Suysulucha

As diferentes plataformas antidesafiuzamentos e de afectados pola hipoteca de Galicia preparan xa unha ILP contra os desaloxos. Logo de meses de contactos e tras a xuntanza que manterán o vindeiro luns coas formacións políticas con representación parlamentaria, as organizacións porán en marcha entre a fin deste ano e xa de cara ao seguinte a campaña a nivel galego para a futura presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular na Cámara do Hórreo. Chegará tras o éxito -e posterior rexeitamento por parte do PP- da ILP que aterrou no Congreso dos Deputados co apoio do millón e medio de sinaturas presentadas pola PAH.

As plataformas comezarán a campaña logo de reunirse este luns cos partidos con representación no Parlamento

O obxectivo, no caso galego, é moito menor, xa que abondarían 15.000 firmas para poder levar ao Parlamento unha ILP que, porén, vai moito máis aló que este propósito numérico, que tamén prevén superar por moito. A idea, como explican desde a PAH de Vigo, unha das impulsoras, é "levar o grave problema dos desafiuzamentos e da vivenda á Xunta, que fixo coma se os desaloxos non fosen con ela e coma se só fose un problema do Goberno central". "Queremos proxectar a nivel autonómico o problema da vivenda e sobre todo e especialmente da vivenda desocupada e do aluguer social", explican. O obxectivo: a modificación da actual lei de Vivenda e Solo de Galicia e a creación dunha nova norma que "vaia na liña das actuais leis de Navarra e, sobre todo, de Andalucía", ademais da "paralización inmediata dos desafiuzamentos" e a instauración do "aluguer social na vivenda habitual".

A ILP promoverá unha lei de vivenda "na liña da andaluza", a paralización dos desafiuzamentos e a instauración do aluguer social

Así, a ILP proporá modificacións lexislativas para que o Goberno autonómico poida "embargar ás entidades bancarias as vivendas das persoas que están sendo desafiuzadas para que se oferten en réxime de aluguer social", así como a "expropiación das vivendas baleiras en mans de entidades financeiras e da Sareb". Adolfo Telmo, voceiro da PAH de Vigo-Tui, deixa claro que a lei andaluza é o modelo no que se basearán as peticións das plataformas antidesafiuzamentos e aclara que, no caso desa norma, a Junta "non compra a vivenda en si, senón o uso desa mesma vivenda para logo ofrecela en alugueiro baixo unha renda social".

"Aínda que o artigo 33 da Constitución consagra o dereito á propiedade privada, establecendo que se trata dun dereito cuxo contido vén delimitado pola súa función social, que é básica para a xeneralización dos dereitos sociais, a Carta Magna non tutela usos antisocias do dereito de propiedade cando, certamente, faise uso antisocial e antieconómico ao manter vivendas baleiras", explican, tras advertir que moitas destas casas sen inquilinos atópanse nesta situación "froito de embargos ou desafiuzamentos realizados ao abeiro dunha lexislación abusiva e ilegal", tal e como lembraron múltiples sentenzas xudiciais, incluída a chegada de Europa.

A iniciativa prevé que o Goberno poida embargar aos bancos as vivendas de familias desafiuzadas e a expropiación das casas baleiras

A ILP galega buscará modificacións legais para "mellorar a definición da función social da propiedade da vivenda e das consecuencias do incumprimento de devandita función, nuns momentos que poden ser cualificados como de urxencia social e económica". Ademais, porá "en punto de mira" a existencia dun "desorbitado parque de vivendas sen uso ou infrautilizado", así como dunha "insatisfeita demanda cunha oferta insuficiente e a prezos non axeitados". "Para o 40% das familias, pagar unha hipoteca supón o 60% dos ingresos familiares, converténdose deste xeito nunha forma moderna de escravitude", denuncian.

As diferentes plataformas lembran que a Xunta "ten plenas competencias para modificar o marco lexislativo" en materia de vivenda e recorda tamén que o 18,6% dás vivendas de Galicia estaban baleiras en 2011, moitas delas propiedades de entidades financeiras rescatadas con "inxentes cantidades de cartos públicos". "É urxente e necesario que desde os poderes públicos se adopten as medidas necesarias para asegurar a función social da vivenda e desta forma facer efectivo o cumprimento do artigo 47 da Constitución", insisten, tras advertir de que, "malia o silencio administrativo", os desafiuzamentos seguen a ser un grave problema no país. Segundo os datos do Consello do Poder Xudicial, no primeiro trimestre aumentaran un 11%.

A maioría absoluta do PP fai "case imposible" a aprobación da ILP, pero a campaña pensa no futuro e en concienciar a sociedade da problemática

 

"É unha carreira de fondo"

As diferentes plataformas son conscientes de que a maioría absoluta do PP en Galicia fai "case imposible" que a ILP sexa aceptada, pero a iniciativa vai moito máis aló dese resultado final. "Queremos lanzar unha mensaxe, a de que non pode haber casas baleiras mentres se está a desafiuzar a xente e hai unha clara emerxencia social e habitacional", explica Adolfo Telmo, que aclara que a campaña -"que será forte e intensa", explica- é "unha carreira de fondo e de concienciación". "Queremos que o programa sexa asumido polos partidos da oposición, porque pensamos tamén no futuro e en promover un cambio e ofrecer, a partir da lei, unha saída a todas as familias en dificultades", engade.

Xa que logo, as diferentes plataformas ou colectivos antidesafiuzmantos de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Ourense ou Vilagarcía, entre outros, unirán as súas forzas e coordinaranse de cara a un obxectivo tan ambicioso como consensuado. O luns será o primeiro día dun longo camiño que prevé acabar no Parlamento, con ducias de milleiros de sinaturas e o obxectivo común de alertar dunha situación que, como lembran, levou o suicidio a varias persoas no Estado e á desesperación e exclusión social dunha morea de familias.

 

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Santiago © Stop Desafiuzamentos
Manifestación contra os desafiuzamentos en Ourense © Jorge M. de la Calle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.