O apoio á querela contra o franquismo chega aos concellos

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) vén de convidar a todos os grupos municipais das diferentes formacións políticas con representación na comarca a que se sumen á querela arxentina contra os crimes do franquismo que comezou en Galicia. A través da comunicación enviada aos concelleiros, a asociación pretende o apoio dos diferentes municipios a esta querela, presentada o 14 de abril de 2010 en Bos Aires logo de que, como lembran, "os sucesivos gobernos do Estado non tomasen ningunha iniciativa para rematar coa impunidade daqueles que cometeron crimes de lesa humanidade, que non prescriben -nin territorial nin temporalmente, segundo a lexislación internacional sobre dereitos humanos-, e despois de que o xuíz Garzón fose expulsado da Audiencia Nacional cando pretendía iniciar a investigación".

A CRMH da Coruña convida os grupos municipais a que presenten mocións para que os concellos apoien a querela contra o franquismo

Tal e como aclara Rubén Afonso, secretario da CRMH da Coruña, o obxectivo é que os concellos do seu ámbito de actuación (A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) sigan así o exemplo doutras institucións -como as deputacións de Sevilla, os parlamentos andaluz e vasco ou municipios como o de Donosti, Vitoria, Pamplona ou Soria- e amosen o seu apoio institucional a este proceso xudicial a través de mocións como a que a propia agrupación adxunta com modelo.

A xuíza arxentina María Servini de Cubría xa solicitou ao Goberno español a extradición de varios torturadores franquistas para que sexan xulgados en Arxentina. Ademais, esta petición "poderíase ampliar a outras persoas, entre elas, ministros de Franco como Rodolfo Martín Villa, Fernando Suárez e José Utrera Molina, sogro do actual ministro de xustiza Alberto Ruiz Gallardón".

A iniciativo cínguese agora á comarca da Coruña, pero prevé estenderse ao resto de concellos galegos

A iniciativa da CRMH coruñesa limítase ao seu ámbito pero a asociación agarda que se estenda ao resto de concellos de Galicia, así como ás deputacións ou á propia Cámara galega. Segundo advirten, o apoio institucional á querela "é cada día maior", tanto no Estado como na propia Arxentina, onde o Congreso Nacional declarou o pasado setembro o seu "enérxico repudio aos crimes de lesa  humanidade cometidos en España pola ditadura franquisa e á impunidade da que gozan os seus responsables". Entre os fundamentos aos queu aludiu esta Cámara de Deputados da Nación de Arxentina para redactar o documento destacan "a absoluta denegación de xustiza existente en España respecto destes crimes". Ademais, tamén o parlamento da cidade de Bos Aires aprobou por unanimidade unha declaración de apoio ao proceso xudicial aberto no seu país.

A CRMH da Coruña propón -aínda que pode ser modificada e ampliada polos diferentes grupos municipais- unha copia literal da moción aprobada no pleno municipal de Vitoria-Gasteiz de 30 de novembro de 2012 polos grupos municipais de PNV-EAJ, PSE-EE e Bildu, que "pode servir como modelo para os concellos que queiran sumarse a esta iniciativa". Nela, o Concello denuncia "a sublevación militar fascista dirixida polo xeneral Francisco Franco Bahamonde en xullo de 1936 contra o réxime republicano lexitimamente constituído no ano 1931", así como "o réxime ditatorial posterior que durante corenta anos reprimiu a sangue e lume todo vestixio de disidencia e loita pola liberdade, a xustiza social, e os dereitos individuais e colectivos".

A CRMH inclúe un modelo de moción como exemplo: a presentada e aprobada no Concello de Vitoria-Gasteiz

O pleno municipal censura tamén "o papel xogado por boa parte das oligarquías agraria, industrial e financeira e a xerarquía da Igrexa católica, co seu apoio ao golpismo primeiro e ao réxime fascista instaurado despois" e "comprométese a adoptar as medidas necesarias para garantir aos represaliados e represaliadas pola rebelión militar de xullo de 1936, o réxime franquista e o terrorismo de Estado, o exercicio ao seu dereito á verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición".

Por todo isto, o Concello "manifesta o seu apoio e adhesión á Querela 4591-10, do Xulgado nº 1 de Buenos Aires, República Arxentina, que leva adiante a maxistrada María Servini de Cubría por delitos de lesa humanidade contra os responsables da conculcación dos dereitos humanos durante o franquismo" e "anima a poboación a apoiar a querela contra os crimes do franquismo, ben presentándose como querelantes quen foron directamente represaliados durante o réxime franquista ou sexan parentes de quen o foron, ou ben manifestando a súa denuncia da ditadura e a súa adhesión á querela contra os seus crimes e os seus criminais".

Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames
Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo franquismo © FSGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.