Os sindicatos contestan as declaracións de Feijoo e Mosquera sobre o Sergas

Concentración ante o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol © CIG-Saúde Ferrol

“Crucemos os dedos para que a achega sanitaria do usuario non necesite máis cambios”, afirmou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera nunha entrevista publicada este xoves por El Correo Gallego. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo sinalaba ante os medios que “mentres sexa presidente a sanidade pública estará blindada”. Estas dúas declaracións chegaban no final dunha semana marcada polo éxito da folga de dous días convocadas no Sergas por CIG, CC.OO. e Cems-Omega, e as centrais sindicais responderon con contundencia as dúas (contrapostas) intervención.

UGT vén de demandarlle a Núñez Feijoo que "os compromisos se fagan realidade e que non se queden en meros discursos de cara á galería e que o diálogo e a negociación retornen ao sistema sanitario público galego"

En concreto, a Federación galega de Servizos Públicos (FSP-UGT) vén de demandarlle a Núñez Feijoo que "os compromisos se fagan realidade e que non se queden en meros discursos de cara á galería e que o diálogo e a negociación retornen ao sistema sanitario público galego". De igual xeito, UGT instou a Rocío Mosquera a "explicar e rectificar as súas declaracións públicas nas que imputa ás organizacións sindicais de clase os supostos problemas de sostibilidade do sistema público sanitario en Galicia" e tamén "a súa insistencia en imputar á sociedade galega e ás clases máis desfavorecidas os custes do servizo sanitario derivando ás familias estes en forma de repagos". UGT non secundou a convocatoria de folga "por entender que se debería establecer un calendario de mobilizacións sostidas e inclusivas no que a folga sería o último recurso, non como un fin en si mesmo", pero si levou a cabo o pasado día 5 de decembro unha concentración fronte á Consellería de Sanidade baixo o lema “A sanidade pública non se vende deféndese. UGT decimos non ao modelo de xestión clínica do Goberno popular”.

Pola súa banda, a CIG considera "inadmisíbel" as palabras da conselleira de Sanidade que, din, "demostra a súa incapacidade para gobernar, a súa submisión ás decisións que se tomen en Madrid ou ás que lle impón o propio Feijóo, a súa falta de respecto á intelixencia do pobo galego e o seu desinterese pola propia sanidade pública e polos principios polos que esta debe rexerse: gratuíta, universal e de calidade”.

“Dá medo pensar que a titular da consellaría, como única medida para evitar que a sanidade pública perda o seu carácter de universal e gratuíta, nos pida que crucemos os dedos”, afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que teme que a seguinte acción política de Sanidade sexa “levar velas ao apóstolo ou encomendarse á virxe de Fátima”. Abuín lembra que Mosquera "foi sempre a primeira en defender as decisións ditadas polo goberno central, situando a Galiza na avanzadilla das políticas de recortes, privatizacións e copagos que gravan ás persoas máis enfermas e con menos recursos económicos".

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, teme que a seguinte acción política de Sanidade sexa “levar velas ao apóstolo ou encomendarse á virxe de Fátima”

Fronte a isto, a secretaria nacional de CIG-Saúde reclama unha reforma fiscal profunda para que paguen máis quen máis teñen e a persecución da fraude e a evasión fiscal, entre outras medidas para incrementar os ingresos e garantir a supervivencia da sanidade pública,  universal, gratuíta e de calidade, "no canto de deseñar un modelo de xestión dirixido a vendela por parcelas aos seus amigos empresarios"

Concentración ante o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol © CIG-Saúde Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.