Que baixen as peaxes... polo ben de Audasa

Cartaz da mobilización convocada para este 28 de decembro © Plataforma contra a suba das peaxes

“Non só estades a prexudicar os cidadáns, senón que vos estades a prexudicar a vós mesmos”. A plataforma Todos contra a suba das peaxes reitera a súa denuncia do incremento do prezo pagado na AP9, mais nesta ocasión faino a través dun escrito presentado oficialmente no rexistro de Audasa, e incide sobre todo nas consecuencias negativas que as elevadas tarifas teñen nas cifras de negocio da compañía e no seu número de usuarios. 

Hai uns días anunciábase que o vindeiro 1 de xaneiro os prezos das peaxes da AP9 crecerán de novo, desta volta un 1,85%, moi por riba do incremento da inflación (0,2% anual), pasando a viaxe entre A Coruña e Vigo dos 15,05 euros aos 15,32. A plataforma sinala, nun escrito que presentou no propio rexistro de Audasa, que estes continuados incrementos dos prezos (4,46% en 2009, 1,47% en 2011, 13,89% en 2012 e 2,54% en 2013) veñen provocando un descenso dos usuarios desta vía, unha media diaria que pasou dos 24.143 vehículos en 2009 aos 17.178 en 2013, un trinta por cento menos. E, consecuentemente, un descenso moi importante nos beneficios obtidos pola empresa: dos 61 millóns de euros en 2009 e os 66 millóns en 2010 até os 9,8 millóns do primeiro semestre de 2013, tres veces menos que antes do comezo da crise.

Ano Suba peaxe Vehículos diarios Evolución tráfico Beneficios netos Evolución beneficios
2009 4,46% 24.143   61 millóns  
2010 -0,07% 23.912 -0,95% 66 millóns +8,19%
2011 1,47% 22.359 -6,8% 52,5 millóns -20,45%
2012 13,89% 21.822 -13,18% 30,9 millóns -41,14%
2013 2,54% 17.178 -11,92% 9,8 millóns -34,5%

"Preguntámonos se é que a concesionaria está mal asesorada, ou se é que xa se atopa inmersa nunha estraña espiral de prexudicar o cidadán -e a si mesma- e pretende, como se di coloquialmente, “morrer matando”

O escrito pide que se paralice a suba prevista para o 1 de xaneiro e que descendan os prezos, "aínda que só sexa para o propio beneficio egoísta da empresa", sinalan dende a plataforma. "Preguntámonos se é que a concesionaria está mal asesorada, ou se é que xa se atopa inmersa nunha estraña espiral de prexudicar o cidadán -e a si mesma- e pretende, como se di coloquialmente, “morrer matando”. Dende a plataforma lembran que, dende o inicio da crise, o único ano no que as peaxes non subiron (2010) foi tamén o único no que os beneficios da empresa non diminuíron en Galicia, senón que mesmo se incrementaron.

A plataforma esixe que se apliquen en Galicia os mesmos descontos aprobados noutras comunidades autónomas e lembra que o Grupo Itínere –ao que pertence Autopistas del Atlántico– ofrece importantes descontos en moitas das súas vías. Por exemplo, en Navarra estes descontos chegan ao 90% do prezo da peaxe para aqueles condutores que empreguen a autoestrada en 15 traxectos mensuais de ida e volta. E existen outros descontos, dirixidos a aqueles vehículos nos que viaxen varias persoas. Porén, dende a plataforma denuncian que en Galicia os escasos descontos que se ofreceron foron dirixidos a aqueles usuarios da telepeaxe, independentemente de que usasen a autoestrada unha vez ao ano ou todos os días. Tamén denuncia "a falsa gratuidade do treito Pontevedra-Vigo" para algúns condutores, "pois en realidade estámola pagando entre todos os usuarios e usuarias. A suba do 1 de xaneiro por riba do IPC é para compensar esa falsa gratuidade", sinalan dende a Plataforma.

A Plataforma convoca para este sábado 28 de decembro unha mobilización simbólica en protesta pola suba prevista para o 1 de xaneiro. Ao igual que o pasado ano, pídenlles a todos e todas as condutoras que ese día utilicen "vías alternativas", e animan a levar no seu coche un monigote propio do Día dos Inocentes en protesta pola "inocentada" dos "prezos abusivos". Finalmente, sinalan que están en conversas coa plataforma catalá No vull pagar para realizar accións de protesta conxunta, entre as que podería estar unha convocatoria fixa para que un día determinado de cada mes non se utilice a AP9.

A Plataforma denuncian "que se está facendo un grave dano a toda Galicia, non só a nivel social, senón tamén a nivel económico

A Plataforma subliña que a AP9 naceu como "eixo vertebrador" de Galicia, como consta na súa páxina web. Porén, din, "para os cidadáns esta continua e inasumible suba do prezo de cruzar de norte a sur ou de sur a norte a nosa comunidade autónoma, obrigounos a moitos a renunciar ao uso desta vía que, en vez de unirnos, estanos desunindo, até o punto de que en termos económicos, as cidades da Coruña ou Vigo está hoxe máis cerca de Madrid (por vía aérea) que entre si por estrada". A Plataforma denuncian "que se está facendo un grave dano a toda Galicia, non só a nivel social, senón tamén a nivel económico, pois en vez de poder funcionar como un todo, creando sinerxías entre os principais núcleos económicos da comunidade, estásenos distanciando e obrigando a xerar riqueza noutras zonas máis próximas, ben por estar conectadas por autovías libres de peaxe, ben por estar comunicadas por vía aérea a un prezo moito máis asumible".

Cartaz que a plataforma anima a levar ese dia © Plataforma contra a suba das peaxes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.