A querela arxentina contra o franquismo colle pulo en Galicia

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) vén de sumarse á querela que a xustiza arxentina leva a cabo en Bos Aires contra os crimes cometidos pola ditadura franquista en España. O colectivo presenta unha denuncia -un informe de 25 páxinas- á maxistrada María Servini, quen inspirada no principio de xustiza universal investiga os crimes contra a humanidade cometidos polo réxime fascista nunha causa iniciada por outro galego, Darío Rivas, afincado en Suramérica e fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937.

A CRMH solicita o procesamento de once ministros de entre 1969 e 1977 que aínda viven "pola súa participación en crimes contra a humanidade"

Agora, a CRMH, na súa denuncia dentro da querela arxentina, solicita o procesamento de once membros do Consello de Ministros de entre 1969 e 1977 que aínda viven "pola súa participación en crimes contra a humanidade" que, como recordan, "non prescriben". Ademais, Manuel Monge, ex concelleiro na Coruña e ex presidete da Comisión, súmase tamén a esta querela como vítima de represión franquista, e achegando tamén información sobre asasinato de catro dos seus familiares en Palencia. A procura da documentación necesaria foi o que provocou o atraso na presentación dunha denuncia que vai moito máis aló.

"O que queremos é que tanto a miña denuncia como a presentada pola Comisión para a Recuperación da Memoria sirvan de impulso para que a xente represaliada ou familiares se animen e se unan tamén á querela", explica Monge, que cre que, malia as reticencias que moitas persoas por acudir á xustiza, "agora o medo é moito menor". "O problemá está máis en que os cidadáns non saben ben como facer", aclara o ex concelleiro, que lembra que a CRMH incluso facilita un cuestionario para os afectados para se incorporar á demanda. Ademais, recorda que xa non é necesario presentar a documentación na Embaixada arxentina en Madrid, senón que abonda con achegarse ao consulado máis próximo, no caso de Galicia o de Vigo. Do mesmo xeito, vense de coñecer que a xuíza Servini permitirá que as vítimas do franquismo poidan declarar ante ela a través de vídeoconferencia e sen necesidade de cruzar o Atlántico.

A documentación para unirse á querela pode presentarse no consulado arxentino en Vigo e as declaracións ante a xuíza pódense facer por vídeoconferencia

Porque, malia os continuos atrancos que o Goberno de España está a poñer, o proceso avanza e a Xustiza xa ordenou a retirada do pasaporte a dous dos catro represores franquistas dos que se solicitou a súa extradición: Juan Antonio González Pacheco, Billy El Niño, e Jesús Muñecas Aguilar.

A CRMH da Coruña presenta, xa que logo, un informe no que responde á petición da xuíza, que demandaba entre outras cousas información sobre os ministros da ditaudra de Franco. Así, achega datos sobre os once ex membros do goberno fascista que aínda seguen vivos (José María López de Letona, Licinio de la Fuente, Alberto Monreal, José María Gamazo, Antonio Barrera, Fernando Liñán, Antonio Carro, Fernando Suárez, José María Sánchez-Ventura, José Utrera Molina e Rodolfo Martín Villa) e completa a información cunha extensa relación de vítimas do réxime entre 1969 e 1981.

A Comisión lémbralle á maxistrada que "Manuel Fraga debería formar parte da causa , aínda que, lamentabelmente, xa non poida comparecer"

 

Fraga, "o primeiro expoñente da impunidade xurídica do franquismo"

Ademais, o escrito da CRMH sinala que "Manuel Fraga, como ministro de Franco, debería formar parte da causa que segue a xustiza arxentina polos crimes do franquismo, aínda que, lamentabelmente, non poderá comparecer". Na súa denuncia o colectivo incorpora tamén unha ampla documentación "sobre o Camarada Fraga, tal como era coñecido entre os fascistas, e sobre a súa participación na represión como ministro de Franco". Entre os papeis inclúense opinións de persoeiros da cultura e xornalistas "pouco divulgadas", como a do premio Cervantes Caballero Bonald, que o define como "cómplice dalgúns dos asasinatos levados a cabo na última década do franquismo". Tamén textos do poeta Carlos Álvarez, que cre que o ex presidente da Xunta é "o primeiro expoñente da impunidade xurídica do franquismo".

Do mesmo xeito, o informe complétase coa información sobre a represión franquista en Galicia, onde houbo máis de 5.000 asasinatos, así como a achega do libro A represión franquista na comarca da Coruña, promovido pola Comisión e onde se recollen detalladas biografías das 600 persoas asasinadas polo franquismo na bisbarra. A achega da CRMH únese así á denuncia da Fundación Galega contra a Impunidade, que sumou o caso galego á querela arxentina a través dos datos do proxecto Nomes e Voces, á de Nova Esquerda Socialista, única entidade de Galicia que se personara ata o momento, e á Federación de Sociedades Gallegas en Argentina, que a apoiou tamén xunto a ducias de asociacións como La Comuna, que xunta ex presos políticos, ou moreas de asociacións pola memoria en todo o Estado.

A querela da CRMH únese á da Fundación Galega contra a Impunidade ou á de Nova Esquerda Socialista

Manuel Monge considera que os eternos atrancos que o Executivo pon á querela "poderían evitar que se encause os represores reclamados", pero si cre que o proceso aberto "terá repercusións para España a nivel internacional". "Non hai goberno ningún no mundo que se negue a apoiar unha causa de xustiza universal", lembra quen recorda tamén que o propio Estado, a través da Audiencia Nacional, "si apoiara a Garzón cando perseguiu a Pinochet e os militares da ditadura arxentina". "Agora, como é na propia casa, non fan nada", critica.

"Teño esperanzas de que haxa unha chamada de atención da ONU e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos; xa houbo recomendacións para que se abolise a lei de amnistía porque España, tecnicamente, está á marxe dos convenios internacionais de dereito e iso pódelle traer consecuencias", remata quen cre que "a democracia está asentada sobre unhas bases moi febles".

Por outra banda, o PP decidiu botar abaixo a moción presentada polo BNG que procuraba a adhesión do Concello da Coruña á querela arxentina contra os crimes do franquismo e que demandaba a condena da sublevación fascista e a ditadura, nunha iniciativa impulsada tamén pola CRMH. A moción reclaba tamén derrogar a lei de amnistía de 1977, así como que o goberno local adoptase as medidas necesarias para garantir o dereito a coñecer a verdade sobre a cidadanía represaliada.

Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo franquismo © FSGA
Monumento ás vitimas do franquismo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.