0 Gardados para despois

O perigo de ser invisible na violencia machista

Laura L. Ruiz | @lauralruiz


Só no mes de xaneiro sete mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas en España. Cinco delas en Cataluña, das cales ningunha denunciara malos tratos. Na mesma situación atopábanse as tres vítimas de violencia machista que morreron en Galicia en 2011. Por iso non é de estrañar que ás institucións, partidos e asociacións de mulleres o que máis lles preocupe é loitar contra un problema de invisibilidade ao non haber denuncias. “É vital que as mulleres saiban que hai recursos á súa disposición para saír desa situación, coma os centros de información CIM, as casas de acollida, as axudas económicas e os servizos de integración laboral, para que non sexa a dependencia económica o que lles obrigue a seguir á beira do maltratador”, explica a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

A crise, o desemprego e a imposibilidade de conseguir outra vivenda para ela e os seus fillos fan que moitas mulleres o pensen antes de falar e iniciar os trámites da denuncia. BNG e PSdeG recoñecen a situación económica como un dos motivos, pero apuntan ás políticas da Xunta como outro culpable. “O Goberno do PP reaccionou de forma contraria a como debía. En lugar de aumentar o persoal formado, as axudas e mellorar os centros de asistencia, paralizou as ferramentas xa existentes. Como a suspensión do proxecto de acompañamento ás vítimas Rodela, unha das primeiras medidas de Feijoó”, comenta a portavoz nacionalista Ana Pontón.

Pola súa banda, a portavoz desta área no Grupo Parlamentario socialista, Carmen Cajide, destaca o descenso dos orzamentos nesta materia. “É imposible que cos recortes que houbo se manteñan os mesmos servizos. Nos últimos tres anos pasouse de 33,5 millóns a 6,8 en Igualdade”. “Aquí -continúa Cajide-, a diferenza de Castilla-La Mancha, non se anuncia o peche das casas de acollida, pero as afoga”. “En Galicia vai ser mesmo peor, porque son os concellos os que deben xestionar os CIM e as casas, as súas contas están baixo mínimos e non sei até cando poderán aguantar”, explica Rosa Fontaíña, coordinadora e voceira de Rede de mulleres veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.

Máis casos, pero menos centros

O caso da provincia de Pontevedra é especial, xa que é onde máis casos con medidas tutelares se rexistráronse en 2011 (483 fronte aos 478 da Coruña) e non existe unha casa de acollida como tal. “Cambiaron a que había en Vigo polo Centro de Emerxencia. Chegan mulleres de toda Galicia, pero só poden estar tres meses. Despois deben ir a un dos tres que hai en Coruña, ao de Lugo ou ao de Ourense”, indica Fontaíña. Segundo datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, esta lacra cébase en poboacións pequenas xa que o 32,7% das denuncias proveñen de núcleos onde residen menos de 5.500 mulleres maiores de 15 anos. Por este motivo, o BNG ve insuficientes que só haxa 78 centros de información nos 315 concellos que forman o país. “Os CIM sérvense de fondos europeos para sobrevivir e só acórdanse deles cando sobran cartos”, engade Verónica Sánchez, vicepresidenta da Asociación Enriqueta Otero de Lugo. “O motivo de que as casa de acollida estean en núcleos urbanos é pola propia seguridade das mulleres, xa que en lugares pequenos sería máis difícil protexer a súa intimidade e nonimato”, explica López Abella.

 

A prevención, a materia pendente

A pesar dos intentos da Administración por achegarse ás mulleres que sofren esta secuela social, coma o novo servizo xurídico online ou os tradutores para atender ás mulleres estranxeiras, segue quedando pendente a tarefa da prevención. “Estes alicerces son básicos para nós. Hai que lograr unha cultura da Igualdade e facer unha chamada ás vítimas para que non sigan calando esta situación”, indica a secretaria xeral de Igualdade. “Aínda existe medo e desconfianza a que non as crean. A campaña de desprestixio sobre as denuncias falsas está facendo moito dano á loita contra a violencia machista”, comenta Sánchez. “O PP demostra que a equiparación entre homes e mulleres non é unha prioridade para eles ao relegar órganos como o Instituto da Muller a Servizos Sociais”, opina Cajide.

“É cuestión de ideoloxía. Moi pouco tardou a ministra de Sanidade en cualificar o primeiro asasinato machista como violencia na contorna familiar”, recorda Fontaíña. “As axudas deben servir para facer ás mulleres autónomas, non para relegalas ao papel de coidadoras ou nais, como pretende a Lei de Familia ou as axudas por Dependencia”, esixen desde a Asociación Enriqueta Otero. Toca esperar para saber en que consistirá o plan ‘personalizado’ contra a violencia machista que esta mesma semana anunciou Ana Mato na Comisión de Igualdade no Congreso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Polémica ao redor do centro integral

A polémica continúa envolvendo o proxecto para crear un Centro de Recuperación Integral de mulleres vítimas de violencia. Trátase dunha remodelación da Casa de Acollida de Santiago, pero desde que se anunciou en 2007 a súa posta en marcha aínda non viu a luz. Desde a Xunta culpouse ao Concello compostelán, aínda en mans do socialista Xosé Sánchez Bugallo, do atraso coa cesión do edificio e a remodelación. Pero parece que o nomeamento do popular Gerardo Conde Roa non acelerou o proceso, xa que até agora non comezaron as obras, que a Secretaria Xeral de Igualdade calcula que durarán seis meses.

As críticas por parte das asociacións de mulleres e da oposición veñen marcadas polo peche “precipitado” dun centro que operaba con normalidade desde 1995 e que leva case cinco anos baleiro. Desde entón as mulleres que necesitan protección deben acudir á Coruña ou Ferrol para ser acollidas. “A ocupación das casas para mulleres vítimas dos malos tratos só chega ao 67% no maior dos casos”, defende  López Abella. Pola súa banda, a Asociación Enriqueta Otero apunta que poden ser os requisitos para entrar os que fan que moitas mulleres non o soliciten. “Non poden acceder mulleres con problemas de drogadicción, nin que exerzan a prostitución, nin que sexan dependentes. Esas mulleres que poden facer entón?”, pregúntanse desde a Rede de mulleres veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.

Marea violeta

Tras o éxito da Marea Verde, onde os profesores e alumnos da escola pública defenden a súa calidade fronte aos recortes das autonomías, nace a Marea Violeta. Asociacións de mulleres de Málaga impulsaron a idea de que as protestas de forma conxunta terían máis forza e por iso convocan para o próximo 10 de febreiro manifestacións por toda España contra o recorte de dereitos e recursos destinados a Igualdade.

De momento hai máis de 20 cidades convocadas e case 200 asociacións vinculadas, aínda que o número segue aumentando. “En Lugo será ás 19:30 na Praza Maior”, indican desde a Asociación Enriqueta Otero, a única galega en adherirse de forma oficial ás concentracións. O resto de convocatorias poden consultarse na páxina de Facebook Marea Violeta